Opinión

Acordos da OTAN, un retrato estratéxico

A reunión do G-7 e posteriormente da OTAN colocan máis unha vez en primeiro plano aos Estados Unidos, e con practicamente todos os aliados (para alén do dobre xogo de Turquía) en ringleira e facendo méritos para seguir seus ditados e mesmo engadirlles un extra. Co agravante de que se trata de botar máis leña ao lume, co perigo que implica unha guerra nuclear. Entre eles está o Estado español que se gastou nada menos que 50 millóns de euros no evento (ademais mercou un extra de 20 avións eurofighter por 2 mil millóns de euros). Iso si, cun Pedro Sánchez amosando a súa ledicia por verse tan preto de Biden, e considerando un éxito unha maior presenza militar desta potencia imperialista no Estado español, malia o que isto implica de dependencia. E aproveitando o momento para anunciar á sociedade (afogada pola perda de poder adquisitivo) un aumento do gasto militar, que seica se xustifica pola invasión rusa da Ucraína (o real xa é hoxe un 50% superior ao que figura nos orzamentos). Esquecendo entre outros feitos, os bombardeos previos sobre o Dombas (14.000 mortes), o incumprimento dos acordos de Minsk, e a negación a dar garantías de que a Ucraína non entraría na OTAN, dado que colocaría en perigo o equilibrio nuclear e a seguridade da Federación Rusa. Ao que se debe engadir as medidas represivas de Kiev sobre toda a oposición política, esencialmente de esquerdas, un tema ignorado nos medios occidentais.

Malia que a guerra e as sancións están atinxindo a todos os países negativamente, non deixa de chamar a atención que os Estados Unidos e sobre todo a Unión Europea, unha das máis afectadas polo búmerang das repercusións económicas, argumente que o conflito ten que se decidir no campo de batalla e que se deben manter e mesmo aumentar as sancións a Rusia. Un esforzo de tal magnitude, e que sobre todo padecen as clases populares, está a crear reaccións sociais internas que iran a máis. Unha actitude que comparte o Governo español que só se entende cando o que está en xogo vai para alén da guerra na Ucraína, e que esta é unha escusa para frear o ascenso económico de China e reducir o poderío militar de Rusia. En poucas palabras estanse poñendo muros para no inmediato dividir o mundo en dous bloques, nos que a maior parte dos países quedarían ligados a “occidente”. E nun segundo paso, xa debilitado o bloque das potencias emerxentes, volveríase ao mundo unipolar da década dos 90, baixo a plena hexemonía de Estados Unidos, e as potencias subalternas e rexionais que o apoian recollerían unha parte do botín. Ao que se lle suma unha grande periferia cumprindo o papel histórico de subministradora de materias primas, e produtora de man de obra barata en actividades secundarias no propio país ou no centro do sistema.

Con este obxectivo central, dado que o proceso de avance económico da área de Asia pacifico é moi rápido e cada vez abrangue a máis países (China, India, Indonesia, Iran,...) que unen PIB e densidadedemográfica, polo tanto os tempos para reverter a  tendencia hoxe dominante son limitados, a globalización neoliberal vai ser momentaneamente sacrificada en función dos obxectivos estratéxicos. Neste aspecto volvemos á Guerra Fría, sen loita ideolóxica, dado que non se ofertan dous modelos distintos no económico e social. Aínda que o bloque “occidental” pretenda homologarse á democracia, aos dereitos civís, á soberanía, á ecoloxía,... esquecendo seu respaldo as ditadura militares, as monarquías do Golfo, e sobre todo que cada país que “liberou” nas últimas décadas terminou destruído no económico e social. É verdade que nalgúns países occidentais hai maiores dereitos sociais formais, porén faise a costa do empobrecemento da periferia e das limitacións na participación e protagonismo das clases populares, como amosa o constante aumento da abstención nos procesos electorais. Ou sexa, neste caso o que está en debate, o que é motivo da confrontación entre potencias, non é o modelo económico e social, senón o reparto da riqueza, do emprego, e do poder entre as potencias e o papel que teñen no modelo as nacións dependentes.

Para esta folla de ruta do imperialismo que pretende recuperar o mundo unipolar, hoxe moi debilitado polo ascenso das potencias emerxentes e rexionais, apostou o PSOE (co aval do PP e VOX) no cumio da OTAN e agora farao no debate no Congreso (posterior aos feitos) pretende que contar co aval da esquerda estatal e soberanista. Non debería conseguilo. Tanto porque estas decisións estratéxicas deberían ser debatidas previamente no Parlamento, e na sociedade, como porque a vía das armas, do fortalecemento e ampliación da OTAN a todo o mundo, implica unha aposta estratéxica pola imposición da lei do máis forte, deixando nun segundo plano a xustiza social, a solidariedade e a igualdade de trato eoportunidades, ou sexa, o dialogo. Ligar a OTAN co ecoloxismo e os dereitos democráticos e a soberanía, como se fixo neste cumio, é pura teatralización como se evidencia en Siria, Iemen, Libia, Venezuela, Cuba, e tantos outros países nos que se avalan monarquías feudais, ou as intervencións militares ou sancións estragan países enteiros. Pedro Sánchez di que levará o tema ao Congreso do Estado (e pode que mesmo no Parlamento galego, e outras institucións) e que espera contar co apoio de todos os partidos, nun claro reto á esquerda estatal e o soberanismo. Neste debate contará co apoio das corporacións, dos medios sistémicos, que levan meses preparando o terreo. Unha momento difícil para a esquerda real, antisistemica. Será a foto fixa dos obxectivos estratéxicos de cada forza política.

https://obloguedemera.wordpress.com/