Opinión

Un acordo previo que vale para todo...e para nada

O pasado venres presentouse publicamente o pre-acordo entre Anova, EU, e Podemos-Galiza


O pasado venres presentouse publicamente o pre-acordo entre Anova, EU, e Podemos-Galiza para as vindeiras eleccións xerais, que tería a pretensión de se manter para as eleccións autonómicas galegas do vindeiro ano. Hai moitos meses que se dicía que este pacto existía e que se estaba a buscar o mellor intre para dalo a coñecer, de xeito tal que non parecese que todo estaba previamente cociñado polas cúpulas destas organizacións. Esta escenificación non é unha cuestión menor, porque nega na práctica o democratismo basista que acotío teatralizan como unha virtude inherente ao seu proxecto. 

O texto non aclara moito, xa que é xenérico, ambiguo e repetitivo. O pre-acordo non afirma en ningures que se trata dunha alianza que tomará todas as súas decisións soberanamente na Galiza, para alén de que, formalmente, o pacto teña este ámbito. Tampouco está definido con claridade entre os seus obxectivos prioritarios acadar a plena soberanía nacional de Galiza, a xustiza social e o fortalecemento político das clases populares. Só se afirma que o povo galego ten conciencia de nación.

O pre-acordo non afirma en ningures que se trata dunha alianza que tomará todas as súas decisións soberanamente na Galiza

Todo indica que na presentación, o máis importante era tomar a dianteira na oferta electoral dunha candidatura “de ruptura democrática”, e realizar un chamamento trampa ao BNG e outras forzas para que se incorporen a este proxecto. Afirmo o de trampa porque esíxelle á fronte que amose a súa xenerosidade nada menos que entrando como segundón nun proceso que as cúpulas destas tres organizacións xa definiron, e nun proxecto que sería o das mareas, que confronta coa fronte en varios concellos. Ou sexa, impóndolle ao BNG que se suicide como forza política, algo que saben non se dará. Deste xeito, Anova pode xustificarse nun hipotético sectarismo do BNG porque prefire unha alianza con forzas que teñen os seus centros de decisión en Madrid, repetindo os argumentos da ruptura de Amio e das pasadas autonómicas.

Fagamos agora un repaso do texto do pre-acordo. Definen como obxectivo da candidatura “que estean presentes os actores que levan tempo traballando pola Unidade Popular”, ou sexa, só eles, xa que se autodefinen deste xeito. No texto, non asocian explicitamente a outras forzas a esta candidatura de unidade. Que non é unha candidatura nacionalista é obvio, mais en ningunha parte din que é nacional galega, polo que a cuestión da soberanía fica nun segundo plano. Tampouco se fala de Galiza como unha nación en ningunha parte do texto; dise que hai conciencia colectiva de selo, ou sexa que se traslada a caracterización ao campo da subxectividade.

Ao facer referencia ao dereito a decidir, globalízase o tema, deixando na ambigüidade a cuestión nacional galega e a loita a prol da soberanía

Ao facer referencia ao dereito a decidir, globalízase o tema, deixando na ambigüidade a cuestión nacional galega e a loita a prol da soberanía. Dise que a cidadanía galega debe decidir “libre e soberanamente”, fálase da “soberanía popular”, poderían dicir o PP e máis o PSOE que xa existe a soberanía como parte da nación española. A cuestión non é esa, como deben saber os redactores, senón se Galiza debe ser ou non un suxeito soberano. Esta ambigüidade semella lóxica, nun acordo entre aliados con estratexias tan afastadas, e con centros de decisión fóra da nación. As dúas forzas españolas que asinan o acordo entenden que as nacións dependentes deben ter dereito a decidir, mais nun referendo eles van apostar pola unidade (como declarou unha e outra vez Pablo Iglesias). Recoñecen a realidade plurinacional, porén rexeitan asumir as tremendas consecuencias da conquista e da dependencia secular (na economía, cultura, traballo, etc.). 

A divisoria de augas neste intre aseméllase ao debate entre socialistas e comunistas antes da evolución dos primeiros ao social-liberalismo, cando as diferenzas non estaban na caracterización da sociedade senón nas alternativas (programa, folla de ruta). No noso caso é sintomático que non se faga ningunha mención directa á loita pola soberanía nacional, e que se especifique con toda claridade que o dereito a decidir dependerá da “posta en marcha de procesos constituíntes desde os diferentes niveis institucionais e políticos do Estado”. Ou sexa, lígase os avances e o proceso de cambio na Galiza ás dinámicas estatais, tal como propón CatalunyaSíqueesPot confrontando coas forzas independentistas (nacionalistas) de CDC, ERC e CUP. 

Daquela que o carácter soberano da candidatura teña un valor declarativo, ambiguo, sen ningún compromiso concreto

Daquela que o carácter soberano da candidatura teña un valor declarativo, ambiguo, sen ningún compromiso concreto, tal como reflicte o texto: “Ao concibirmos o pobo galego como suxeito político soberano, entendemos que este espazo social e político, sustentado pola cidadanía galega, operará en consecuencia con este principio para todos os efectos e en todos os planos: político, xurídico, simbólico, comunicativo e organizativo, tanto na súa conformación como canle de participación cidadá como na súa actividade nas institucións”. Se fose así, todas as forzas que compoñen a candidatura deberían rachar coa súa dependencia estatal, como Podemos e Esquerda Unida, xa que se esixe que Galiza sexa suxeito soberano no organizativo. Unha dependencia que Anova non cuestiona e elas non están dispostas a abandonar. Polo tanto, este apartado só ligará o funcionamento formal da candidatura, sen garantir a súa soberanía real, dado que dúas das tres forzas que asinan o texto contradín este principio, que polo tanto só sirve de engado para incautos ou mal informados.
 
Asemade, en ningunha parte deste acordo previo se mencionan as clases populares, e moito menos a clase traballadora, que constitúe máis do 80% da povoación activa, e base da explotación do sistema capitalista. Tampouco se di ren das condicións do traballo, malia o evidente recuar en dereitos e do aumento da represión antisindical, e que é a causa principal da emigración e do retroceso demográfico. Semella que para os redactores as clases diluíronse, polo que se utilizan exclusivamente os conceptos de povo e especialmente cidadanía, dez veces en dúas páxinas, rachando coa terminoloxía da esquerda, que despois reivindican no discurso. Polo tanto, non se sitúa con claridade a loita a prol da soberanía nacional, nen tampouco a loita contra  a explotación laboral, a prol da liberación de clase. 

É un programa dunha candidatura onde non clarifica ate onde chega a proposta de cambio

No texto substitúense conceptos obxectivábeis, concretos, como clases populares e unhas condicións de traballo xustas, servizos e prestacións públicos dignos, fiscalidade progresiva e progresista, etc. por outros ambiguos, como maioría social, ruptura democrática, loita contra as situacións de emerxencia social e a desigualdade. Ou sexa, é un programa dunha candidatura onde non clarifica até onde chega a proposta de cambio, polo que abondaría con dar avío ás situacións máis graves para cumprir os obxectivos. Porén, sendo así, non se remataría cos alicerces que sustentan a explotación e a opresión (do capitalismo, globalizador e neoliberal, e no noso caso colonial). Calquera pensaría que é un texto construído á imaxe de sectores universitarios, moi golpeados polo reaxuste, que procuran aliados naqueles grupos sociais máis desposuídos e incapaces de lles disputar a dirección.

Por outra banda, afirmar que as mareas construíron espazos de ruptura democrática é sobrevalorar o que mudou nos concellos dende que governan. Cando menos polo momento, o cambio non é comparábel ao que se realizou en municipios governados polo BNG, dende Fene no seu día, até Allariz, Pontevedra, Tomiño, San Sadurniño e un longo etc. Non axuda á converxencia, e a formar unha conciencia política correcta, tanta soberbia, unha ollada tan pouco rigorosa, tan subxectiva. A ruptura democrática é unha cousa seria, que implica mudanzas sistémicas radicais. Semella que neste caso, como nas relixións, dende que as persoas se suman ás mareas xa forman parte da ruptura democrática, sen necesidade de esperar a un cambio do sistema a través dun duro proceso de confrontación: “Desde a cidadanía a través dos diferentes artellamentos da sociedade civil até os actores que conformaron espazos de confluencia e ruptura democrática como a Marea Atlántica, Compostela Aberta e outros procesos municipalistas do país, que son para nós unha auténtica referencia”.

Coido que o principal sempre debe ser que os deputados/as defendan nas Cortes o dereito a termos un estado soberano

Coido que o principal sempre debe ser que os deputados/as defendan nas Cortes o dereito a termos un estado soberano, independente ou confederado segundo decida o povo galego, e reivindicar un modelo económico e social xusto, autocentrado, sustentábel, e democrático. Que a candidatura sexa a voz das clases populares galegas, da igualdade de xénero, dun modelo compatíbel co medio ambiente, da solidariedade internacional, da loita contra o imperialismo e a prol da paz. De que se cuestione a Unión Europea, a OTAN, os tratados de libre comercio, etc. Para defender este programa de esquerda cómpre a máxima unidade, fai falla convocar a todos e todas os galegos sen sectarismos, e tamén sen negar ou agochar as historias e proxectos, sen negar as clases sociais. Cómpre facelo con honestidade. Mais lembremos que o maior sectarismo é aquel que se realiza cando se sobrevalora o individualismo, e xorden de grupos de poder baseados en afinidades non estratéxicas. 

A unidade débese dar dende o respecto e a diversidade, dende o debate e a pluralidade, sen substituír ou baleirar de contido as organizacións existentes, senón aproveitando as experiencias, capacidades e achegas que podan facer. Sen sobrevalorar o destaque nos medios sistémicos por riba do traballo cotiá da  militancia organizada. Cómpre ter en consideración a folla de ruta, definir as etapas, para evitar que o conxuntural se contrapoña co estratéxico. Só deste xeito unha candidatura nacional galega de unidade terá efectividade e transcendencia. Asemade, nunca podemos esquecer, que para alén de que a unidade axude a conseguir un grupo parlamentar propio, que debe ser un obxectivo, o realmente transcendental é que os/as que saian electos nas Cortes sexan coherentes na defensa dos intereses sociais e nacionais das clases populares galegas. Porque unha candidatura unitaria pode e debe ser un salto adiante, mais tamén pódese converter nun retroceso, cando o programa e os/as representantes non responden ás expectativas xeradas. E este aspecto sempre deixa nun segundo plano a cuestión do número.

O realmente transcendental é que os/as que saian electos nas Cortes sexan coherentes na defensa dos intereses sociais e nacionais das clases populares galegas

O pre-acordo de Anova, Esquerda Unida e Podemos, non contribúe á construción do poder popular na Galiza, nen á unidade nacionalista. Sobrevalora un modelo que na práctica carece de atractivo para a militancia, tal como se amosa no reducido das forzas que integran AGE ou as mareas. Sementa ideas trabucadas, xa que reduce as contradicións de clase e nacional a un papel secundario. Todo se centra en estar nas institucións para conseguir concesións do capital, do imperialismo, sustentadas no discurso, na escenificación. É como unha repetición serodia do papel que a nobreza galega desenvolveu durante séculos na Corte de Castela. E así nos foi.

http://manuelmera.blogaliza.org/