Opinión

O acordo BNG-PSOE é un bo punto de partida

Dicía nun artigo, na pasada semana neste xornal, que estabamos diante dunha conxuntura complexa e moi dinámica, tanto a nivel do Estado español (EE), como da UE e do mundo. Unha conxuntura na que o bloque soberanista tomou a iniciativa no EE, destacando neste aspecto ERC, sen dúbida condicionado pola grave situación en Cataluña. Facía estas reflexións antes do debate de investidura e sen que estivesen pechados todos os acordos que a fixeron posíbel a elección de Pedro Sánchez. Aínda que era evidente que, no caso concreto de Galiza, o BNG estaba disposto a optar polo voto afirmativo para frear a dereita dado as súas actitudes neofascistas.

Agora ben, para concretar o pacto era necesario un mínimo de receptividade por parte do PSOE respeito dos problemas que apremen á nación galega. O debate entre as dúas forzas levou o seu tempo, polo que o acordo fíxose esperar, acadándose no último momento. Ademais, o voto do BNG era chave despois do cambio de postura do PRC e da deputada de Coalición Canaria. En poucas palabras, para os/as que albiscamos dende a tribuna, todo indica que o BNG usou os tempos e o valor do seu voto axeitadamente. Non quería un acordo de tramite, buscou que fose o máis amplo e concreto posíbel. Quería que marcase un chanzo de partida, tanto no relativo aos compromisos máis urxentes co Governo do PSOE+UP, como para que servise de base para os debates no futuro sobre propostas superadoras do marco dominante.

Para os/as que albiscamos dende a tribuna, todo indica que o BNG usou os tempos e o valor do seu voto axeitadamente

Por magoa os medios de comunicación dominantes salientaron case que en exclusiva os acordos sobre a AP-9 e nalgúns casos aquilo referido ao sector enerxético, empresas electrointensivas e do sector naval, a violencia de xénero, e ao compromiso de que Galiza manterá o mesmo status que Cataluña e Euskadi (como nacionalidade historia que é). Agora ben, o texto comprende 13 puntos nos que se aposta, entre outras cuestións, pola normalización do uso do galego, polas infraestruturas básicas, como a rede ferroviaria galega e a modernización da conexión con Portugal, por reforzar a industrialización do país, pola problemática dos emigrantes retornados, polos servizos públicos, etc. Tamén por temas de tanta relevancia como derrogar a reforma laboral, a Lomce, a reforma das pensións, a lei Mordaza e o artigo 315.3 do CP, etc.

Coido que é de interese que o lector/ra lea o conxunto do texto, que sen ser un programa de governo, e moito menos de ruptura, significa un paso adiante. É un bo punto de partida para ofrecer á sociedade galega unha alternativa de cambio. Amosa na práctica, mais unha vez, o valor de ter ou non representación soberanista en todas as institucións. Neste caso concreto no Congreso do Estado, máxime cando a etapa de Núñez Feijóo ten a virtude de converter o Governo galego nun organismo carente de iniciativa, submiso aos ditados de Madrid e Bruxelas. Ademais, como engadido nefasto, reduciu o interese social polo debate no Parlamento Galego dado que está secuestrado pola maioría da que goza o PP nesta institución. Mais que destacar pola moderación a dereita na Galiza ten como principal atributo o de matar os organismos que dirixe. O retroceso demográfico, da cultura e lingua galega, a deslocalización e o control foráneo das empresas máis dinámicas, a forte emigración da mocidade, o medre da desigualdade e da precariedade laboral, a destrución do rural, son o exemplo dunha situación onde a tendencia dominante é regresiva no esencial. Imos a menos e a peor.

Sen ser un programa de governo, e moito menos de ruptura, significa un paso adiante. É un bo punto de partida

Por último, non se pode ignorar que neste período, de vagar e na sombra, van collendo pulo novos protagonismos políticos. Entre os que cómpre destacar aos máximos organismos do Poder Xudicial. Estes veñen intervindo ilexitimamente na acción política, condicionando as regras de xogo e aos partidos e forzas sociais en beneficio do centralismo españolista e das clases dominantes, mediante sentencias desproporcionadas e as veces cuestionábeis, e polo tanto inxustas. Ulo a democracia?

https://obloguedemera.wordpress.com/