Opinión

Abondará co confinamento e a vacina?

Semella lóxico e necesario que o Estado de Alarma, mesmo sendo xestionado polas autonomías, sexa valorado nun pleno do Congreso cada dous meses como mínimo. Despois de todo a coordinación e última palabra sempre a ten o Governo central. Sen dúbida trátase dunha medida excepcional que en principio implica recorte de liberdades co obxectivo de beneficiar a saúde colectiva. Daquela que sexa necesario que ao mesmo tempo existan mecanismos que garantan o exercicio da protesta laboral, social e política, a este dereito non se lle pode tratar igual que a reunión dun grupo de amigos/as, aínda que se esixan medidas especificas. Polo tanto é lóxico que a esquerda votase a favor, con todo tipo de prevencións e criticas a como se realizou a proposta polo Governo e os criterios; porque o importante e superar esta pandemia máis non a calquera prezo.

De non tomar axiña todas as medidas necesarias para frear o covid-19, en moi pouco tempo estaremos na mesma situación que as comunidades con peores resultados.

É certo que o noso país neste intre está por debaixo da media respecto do resto do Estado español no número de contaxios e de mortes, porén coa evolución actual, de non tomar axiña todas as medidas necesarias para frear o covid-19, en moi pouco tempo estaremos na mesma situación que as comunidades con peores resultados. Daquela que non se entenda que non se poña en práctica a nivel de Galiza, para alén dos confinamentos perimetral por concellos, como fan outras autonomías. Máxime cando corremos o perigo da chegada de persoas de Madrid. Lembremos que o governo desta comunidade privilexia a economía por riba da saúde, e non quere confinar perimetralmente máis que nas “pontes” malia uns niveis de contaxios moi altos. A mobilidade é moi grande entre ambas autonomías, tanto por motivos económicos como migratorios, como xa se comprobou tan negativamente na primeira onda da pandemia. Polo tanto que se confine en Asturias, Castela-León e Portugal non nos protexe indirectamente totalmente.

Encol da actitude de Núñez Feijóo a respecto do Estado de Alarma por seis meses aprobado no Congreso, a portavoz do BNG, Ana Pontón destacaba: “o estado de alarma non é o demoledor, como indicou o presidente da Xunta, senón as 374 persoas falecidas nas residencias de maiores, que non se blindaron nesta segunda onda; que non se reforzase con máis recursos e profesionais a atención primaria; que non haxa rastrexadores suficientes; que non se reduciran as ratios no ensino; a telemediciña,... Demoledor é que os autónomos/as galegos aínda non recibiran nin un só euro de axudas directas da Xunta ou que o fondo COVID da UE quéirase repartir entre as grandes empresas e multinacionais. A COVID está poñendo en evidencia que para superala é necesario a intervención pública na economía, máis medios nos servizos básicos e fortalecer os dereitos sociais”. Feijóo debería analizar cales son as medidas que se toman por exemplo en Francia cunha taxa menor de contaxios.

Reflíctese na anterior valoración que o BNG considera a pandemia e a súa solución como unha cuestión máis ampla que o aspecto estritamente sanitario e conxuntural

Reflíctese na anterior valoración que o BNG considera a pandemia e a súa solución como unha cuestión máis ampla que o aspecto estritamente sanitario e conxuntural, un criterio que considero fundamental. O covid-19, como os cambios climáticos, a contaminación, a desigualdade entre clases e entre países, e os múltiples conflitos, deixan en evidencia o fracaso da globalización neoliberal, do capitalismo como sistema. A debilidade do sistema sanitario público, a estrema mobilidade, o amoreamento urbano, o desequilibrio entre o urbano e o rural, a contaminación, a  demografía, etc. agravan os efectos desta pandemia, e son consecuencias dun modelo que pon o acento na produción e na concentración e centralización do poder e da riqueza. Tampouco se pode obviar que moitos/as especialistas prognostican que teremos que convivir co virus cando menos todo o ano que ven e parte do outro, aínda que se comece a vacinar a primeiros de 2021.

Asemade, hai que ter en conta que ren impide que xurdan novos coroavirus, mesmo máis agresivos, e que aínda existindo mellores mecanismos para os combater, seguen vixentes as condicións que permiten a súa rápida expansión que, como xa se dixo, responden a este modelo de sociedade. Daquela a importancia de avanzar na transformación do sistema económico e social, unha cuestión que incide en máis temas que a cuestión enerxética, a investigación e o avance na dixitalización (que agora son os obxectivos do reformismo capitalista). Os cambios deberan ser máis radicais e profundos. Nada impide que os fagamos, para alén dos intereses do capitalismo e imperialismo, que haberá que vencer, recuperando así o equilibrio entre o ser humano e a natureza. Esta pandemia amosou a fraxilidade da humanidade e os límites do planeta Terra, non podemos ignoralo.

https://obloguedemera.wordpress.com/