Opinión

A unidade, para que e con quen?

Dáse a coincidencia de que as tres grandes centrais sindicais de Galiza están nestes días realizando congresos, nos que renovan en boa medida as súas direccións. Así e todo, o que máis chama a atención é que dende as fileiras de CC.OO. e UGT, nas roldas de prensa se poña o acento na cuestión da unidade sindical, en claro ton de reproche á CIG. Lembremos que entre as dúas centrais estatais existe dende hai décadas unha alianza no fundamental, para alén dalgunhas diverxencias conxunturais ou circunscritas ao ámbito das empresas ou ao sectorial.

CC.OO. e UGT celebran xuntas datas significativas para o movemento obreiro, como son o 1º de Maio, ou o 10 de Marzo, e teñen posturas comúns nas negociacións fundamentais coa patronal. Por exemplo, neste intre están a tratar coa CEOE e CEPYME a revisión do Terceiro Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva (2014-2017). Un dato. A previsión de inflación para este ano é do 1,3%, a proposta de aumento salarial da patronal do 1,5%, e a de CC.OO. e UGT do 1,8%, para un crecemento do PIB do 3%. En poucas palabras, que a mellora na capacidade adquisitiva dos salarios sería anecdótica mesmo aceptando as propostas máximas destas centrais. O realmente significativo é que estas negociacións se realicen na opacidade, que non exista unha presión sindical digna dese nome, e que as mobilizacións realizadas só pretenderon cubrir o expediente.

A previsión de inflación para este ano é do 1,3%, a proposta de aumento salarial da patronal do 1,5%, e a de CC.OO. e UGT do 1,8%, para un crecemento do PIB do 3%

 

Asemade, cómpre termos en consideración que a unidade entre CC.OO. e UGT non é conxuntural. Nen sequera responde a este período de crise (axuste) capitalista. Na práctica, ambas as centrais apostan pola chamada “concertación social”, desde os Pactos da Moncloa de outubro de 1977. É verdade que non houbo unha postura común en todos os casos, que houbo excepcións puntuais. Porén, o tempo xogou a prol deste modelo de relacións laborais onde a conciliación como principio substituíu a loita de clases. Asumiron na práctica o argumento da patronal, de que os sacrificios laborais son esenciais en momentos de crise (axuste imperialista) para aumentar a competitividade e xerar emprego. A única diferenza está no papel que debe xogar o sector público. Ou sexa, que hai que promover medidas keynesianas ou realizar políticas de axuste tanto no ámbito laboral como nos servizos esenciais.

Esta actitude derrotista ou pasiva, dos sindicatos españois máis importantes, contribuíu a que se fosen impoñendo como valores a meritocracia, o individualismo, e a solidariedade entendida como sinónimo da esmola, da subvención. Ou sexa que o sistema sería considerado máis solidario, na medida en que for maior a subvención gratuíta aos/as que non son capaces de acceder a un emprego. Igualando os que non o procuran, ou manteñen unha actitude lumpen, con aqueles que non o conseguen por idade, ou calquera circunstancia aleatoria, por máis esforzos que fagan. Neste modelo, tan en voga e “progre”, a xustiza social, o reparto solidario do traballo e da riqueza, o povo organizado e protagonista, o esforzo colectivo, pasan a ser utopías ou respostas regresivas, fronte ao liberalismo individual. Por suposto, a contrapartida á esmola “xenerosa” é admitir como normal e propia da liberdade individual a máxima explotación do/da que accede a un posto de traballo en condicións de dependencia.

Dende a súa adhesión aos Pactos da Moncloa, e sobre todo dende a caída do socialismo real, os obxectivos e a folla de ruta de CC.OO. e UGT estiveron marcadas máis polo crecemento da produtividade que pola distribución da riqueza e do traballo. Así o reflicten os sucesivos pactos sociais (AMI, ANE, AI, AES, etc.). Ou sexa, a centralidade colocouse nas contías macro e non nas persoas, todo en beneficio dos intereses estratéxicos das clases dominantes. Mais o crecemento da economía non necesariamente implica un medre equivalente do emprego e dos salarios, ou unha redución da xornada laboral. Os resultados do axuste do capitalismo nesta conxuntura, tanto no plano territorial, como entre clases sociais, deixan ensinanzas que non se poden ignorar. Vexamos. Este ano o PIB galego será semellante ao do comezo da crise, mais con 110.000 asalariados/as menos (un 12%) e unha participación moi inferior na renda nacional. O Estado español (EE) xa conseguiu recobrar o PIB de antes da crise, o que indica un atraso para o noso país, máxime se nos comparamos coas locomotoras: Madrid e Catalunya. Ademais houbo no EE un recuar nos salarios do 8% como media entre 2011 e 2014, tendencia que se mantivo estes últimos anos.

Os obxectivos e a folla de ruta de CC.OO. e UGT estiveron marcadas máis polo crecemento da produtividade que pola distribución da riqueza e do traballo

 

Os resultados descritos son consecuencia da globalización neoliberal, da falta de soberanía de Galiza. Mais tamén ten a súa importancia a concertación laboral porque debilita e fragmenta a resposta da clase traballadora. Concretamente no inmediato, tiveron este efecto o Pacto de Toledo e o 3º Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva 2014-2017. Un efecto máis negativo na loita contra a explotación, imposíbel. Entón, por que non se apostou pola mobilización por parte dos sindicatos de ámbito estatal? Ir a unha mesa de negociación carecendo dunha postura de forza, nas empresas e na rúa, e sen escenificala previamente durante as negociacións, non podía ser máis negativo neste contexto económico e social. Sería infantil pensar que CC.OO. e UGT non o sabían. Non se trata de especular sobre as razóns deste proceder, senón de constatar que foi errado e que hipotecou o futuro da inmensa maioría da clase traballadora.

Daquela, non existe un motivo de peso para que a CIG cambie de postura e converxa na unidade de acción global con CC.OO. e UGT. Outra cousa é unidade por abaixo, na empresa, no sector, na reivindicación concreta. Esa sempre se manterá alí onde existan coincidencias. Para que a unidade de acción nas reivindicacións globais servise á clase traballadora tería que darse un cambio estratéxico nestas centrais sindicais. Ou sexa, unha redefinición de obxectivos, e colocar a mobilización como aspecto central para poder avanzar na negociación colectiva, na lexislación laboral, na democratización da sociedade. A unidade en abstracto só alimentaria falsas expectativas, que ademais darían folgos ao argumentario da concertación. Sería unha lousa na historia da CIG, e no papel que debe cumprir como un referente de vangarda da clase traballadora galega. A unidade en abstracto, por oportunismo ou tacticismo, sería un novo atranco na construción do poder popular.

Non existe un motivo de peso para que a CIG cambie de postura e converxa na unidade de acción global con CC.OO. e UGT

 

Polo tanto, neste contexto, cando Ramón Sarmiento o novo secretario de CC.OO. de Galiza afirma en La Voz de Galicia, do 20-5-2017, que “os sindicatos estamos sendo ineficaces (...) hai que traballar pola unidade sindical da man da CIG”, nun medio que salienta que esa central perdeu 8.000 afiliados/as, non fai máis que botar balóns fóra de responsabilidades que gañaron a pulso. Con estas declaracións pretende facer partícipe outros sindicatos das eivas e renuncias desta central, busca entrampar o nacionalismo na lama dunha praxe que non compartiu e combateu durante décadas. Neste aspecto, Paulo Carril, o novo secretario xeral da CIG, foi contundente na clausura do Congreso da central nacionalista, esta pasada fin de semana, cando criticou con dureza o comportamento de CC.OO. e UGT nestes anos. O que amosa que o sindicalismo nacionalista pode renovar cargos, mais mantense firme na liña. E, tendo en consideración o momento histórico, mesmo pódese radicalizar nalgúns aspectos.

Agora ben, para confrontar coa maior eficacia posíbel a colonización, seguramente a CIG terá que procurar alianzas amplas, realizar campañas que se alarguen no tempo e fortalezan a mobilización, e desmonten o derrotismo sementado polos medios hexemónicos. Desbotando a CC.OO e UGT hai outros acordos posíbeis, malia que non sexan doados. Acordos no laboral, social, económico, cultural e democrático, con sindicatos, organizacións sociais e partidos políticos que manteñan posturas anticapitalistas e reivindiquen o dereito de autodeterminación nacional para Galiza.

http://manuelmera.blogaliza.org/