Opinión

A chave está na abstención

Non se pode dicir que exista unha única razón para que creza a abstención. Unha parte da sociedade sempre “pasará” da política. Porén, segundo o momento, súmanselle amplos sectores da esquerda ou da dereita política, ou de ambas. Nesta etapa, como consecuencia do avance da globalización neoliberal, son sobre todo persoas das clases populares as máis afectadas por este fenómeno.

En moitos países, as maiorías nas institucións e nos governos están avaladas por unha minoría de votantes.

Debemos ter en consideración que nuns países o voto é obrigatorio, como na Arxentina e Grecia, e noutros voluntario, como en Chile e Portugal. Isto condiciona a porcentaxe de abstención. No primeiro dos casos, en México e Grecia atinxía un 36%. Mentres que en países onde o voto non é obrigatorio, como en Chile, a abstención chegou o 58%. En Francia, nas eleccións que foi elixido Macron, a participación na primeira volta atinxiu só o 48,71%, e na segunda volta, o 42,64%.

En moitos países, as maiorías nas institucións e nos governos están avaladas por unha minoría de votantes. Polo tanto, a democracia está en cuestión. Unha democracia que, non o esquezamos, está condicionada, porque na maior parte dos países, os partidos sistémicos contan co aval dos medios de información e todo tipo de recursos. Non existe igualdade de oportunidades. Aínda así, a abstención preocúpalle ás clases dominantes, xa que amosa que non son quen de convencer a unha grande parte do electorado, de que votando este ten capacidade de decisión real. Este oponse intuitivamente a este engano, porque albisca que na práctica, o poder efectivo está en mans dos mercados, ou sexa, das grandes corporacións e fortunas que presumen de votar todos os días na Bolsa, e ademais premen as institucións mediante lobbys.

As forzas de esquerda hai tempo que priorizan as reivindicacións individuais e das minorías, deixando nun segundo plano a explotación de clase

A táctica que empregan as clases dominantes muda segundo a correlación de forzas. Por exemplo, cando existe na rúa e nas institucións unha resposta popular organizada moi forte, alentan a abstención, para frear os procesos de cambio. E se fixese falla, as eleccións e as liberdades básicas serían substituídas por un sistema autoritario o tempo necesario. Para a alta burguesía, a democracia é funcional. Adáptase ao momento, co único obxectivo de garantir a centralización e concentración do poder e da riqueza (o fundamental é o lucro). A lei mordaza é un retroceso democrático que vai nese sentido, así como a aplicación do 155 en Cataluña, xunto coas decisións xudiciais.

Os resultados das eleccións en Estados Unidos e Francia, nos que a extrema dereita recibiu moitos votos da clase traballadora, levou a teorizar sobre o divorcio desta coa esquerda. Algo que é verdade en parte. Mais só o 35% dos votantes de Trump tiñan ingresos inferiores aos 50 mil dólares anuais. En canto a Francia, a opción da abstención tivo a porcentaxe máis alta na clase obreira. Razóns: as forzas de esquerda hai tempo que priorizan as reivindicacións individuais e das minorías, deixando nun segundo plano a explotación de clase (e aceptando o capitalismo). Porén, a loita contra a explotación é a reivindicación principal da maioría da povoación, xunto coa cuestión nacional nos países dependentes e coloniais. Por iso a clase obreira abstense. Non albisca ningunha forza política que a represente, que destaque na loita a prol das condicións laborais, os salarios, as xubilacións,...

A abstención non se nutre das persoas maiores, nen das “amas de casa”. Aliméntase da clase obreira e, en segundo lugar, dos empregados/as e da mocidade. Ou sexa, é un síntoma de que a maioría da povoación activa (ou que o vai ser), ven o sistema, as súas institucións, e os partidos como parte do problema. Esta fenda ampliouse coa esquerda socialdemócrata e as súas copias. É así, porque esta deixou de ser antisistémica, revolucionaria, para se converter na súa praxe, para alén das mensaxes internas, nunha forza que non cuestiona a subordinación das clases populares. A propia composición de clase das direccións partidarias e das súas representacións nas institucións, son unha proba deste afastamento. Sobre estes aspectos, cómpre reflexionar. Non todo é consecuencia do capitalismo e responsabilidade do poder. Aínda que este sexa o aspecto fundamental e o inimigo a derrotar. O cambio comeza polas cabezas, e por gañar a complicidade deste segmento que está na abstención, que garante a maioría electoral.