Opinión

25 anos da CIG: unificación acertada e tarefas pendentes

Este 19 de marzo cúmprense 25 anos do Congreso constituínte da Confederación Intersindical Galega (CIG), na que se integraron a Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG) e a Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG). Unha unificación que viña precedida no ano 1990 pola formación dunha coordinadora, a “Converxencia Intersindical Galega”, para acudir cunha formula única ás eleccións sindicais dese ano, e recobrar o carácter de “sindicato máis representativo”.

Sen dúbida foi unha decisión acertada, polo que neste intre a CIG é a primeira central polo número de delegadas e delegados, xa que a finais do ano 2018 sumaba o 28,91% do total, por adiante da UGT (27,89%) e de CC.OO. (25,02%) e todo fai pensar que esta tendencia consolidarase ao final do proceso electoral. Asemade a CIG xa hai moito tempo que é a primeira forza en capacidade de mobilización, de xeito que iguala na Galiza, cando non supera, a suma das dúas grandes forzas do sindicalismo español, e ademais é a central cunha maior afiliación. Non son cuestións menores, porque estes aspectos, xunto coa combatividade, a iniciativa, e a loita pola hexemonía nas ideas, son alicerces fundamentais para a defensa e avance das reivindicacións na empresa e sector, así como as estratéxicas da clase traballadora.

Chegar até a constitución da CIG foi unha longa andaina, que encetou coa creación da Fronte Sindical da UPG na primaveira de 1973

 

Chegar até a constitución da CIG foi unha longa andaina, que encetou coa creación da Fronte Sindical da UPG na primaveira de 1973, a aparición dos xermolos sindicais en varias cidades do país no ano 1974, a formación da UTEG, SOG, SGTM, UTSG, e UTBG en 1975, e do SGTAP posteriormente. E sobre todo da decisión de constituír a Intersindical Nacional Galega no ano 1977 e legalizala en maio dese ano, comprendendo que a división sindical xa era un feito, polo que era necesario que tivese plena autonomía da ANPG. Sen autoorganización a todos os niveis non era posíbel avanzar no proceso de liberación nacional e social do povo galego. Os bos resultados nas primeiras eleccións sindicais, malia a falta de medios, porque se facía unha caracterización correcta da realidade obxectiva e dos suxeitos políticos e sociais actuantes no país, confirmaronse co éxito das xornadas de loita contra os Pactos da Moncloa, e coa posterior fusión da CTG e CSG, para constituír a INTG.

As diverxencias políticas no seo do movemento nacional popular galego (mnpg) foron a máis, respecto, da caracterización do Estado das Autonomías e da cuestión colonial, do significado do golpe de Tejero, o do novo Governo “socialista”, así como da posibilidade ou non de converter a reconversión naval nunha folga nacional. E sobre todo no relativo ao grao de autonomía da central, dado que se secundaba o Día da Patria e outros actos organizados polo BNG. Estas diverxencias e outras máis conxunturais abriron o debate e de vagar unha fenda, que rematou na ruptura e nacemento da CXTG-IN no ano 1985.

A creba da central en dúas organizacións reflectiu na práctica que as vantaxes aparentes, como unha maior cohesión política, contrastaba coa menor capacidade mobilizadora

 

A creba da central en dúas organizacións reflectiu na práctica que as vantaxes aparentes, como unha maior cohesión política, contrastaba coa menor capacidade mobilizadora, que restaba valor á iniciativa do nacionalismo, e que fortalecía ao sindicalismo españolista, que facía da concertación unha parte fundamental da súa praxe (aínda que daquela en CC.OO este non era un tema definitivamente pechado). Polo tanto a reflexión que se fixo dende a INTG, e sectores importantes da CXTG, era que non só estaba en perigo que o sindicalismo nacionalista fose recoñecido como “máis representativo”, senón ademais de manter a iniciativa na mobilización cun grao de incidencia que non se puidese obviar por parte da patronal, as outras centrais sindicais, o Goberno e a Xunta, e os partidos políticos. E especialmente o que este paso atrás implicaba respecto do subconsciente colectivo da clase traballadora e a construción do poder nacional e popular.

En poucas palabras, da ruptura o sindicalismo nacionalista, ou cando menos a maior parte del, comezando polas persoas que tiñan a responsabilidade de dirección, aprendermos moito sobre a xestión da pluralidade, do principal e do secundario, da necesidade de fixar regras de xogo que sexan abranguentes de todo o espazo nacional popular con centralidade na loita de clases. Aprendemos a respectar a diversidade do nacionalismo popular para alén da polémica encol de se Galiza é ou non unha colonia, se a alternativa é a independencia ou unha confederación. E máis alá dos debates de se a autonomía e a Unión Europea son marcos nos que caben proxectos soberanos para as nacións dependentes (como Galiza), ou son un modelo ao servizo exclusivamente da globalización neoliberal, da explotación de clase e da opresión nacional.

O que tivo valor histórico, o que serviu á clase traballadora, ao povo galego, sería o proceso e acordo de unidade e a constitución da CIG

 

Algunhas destas cuestións foinas aclarando a práctica, outras seguen sendo parte do debate, algunhas liaronse máis, porque son reflexións abertas no mundo, máxime dende a caída da Unión Soviética e como consecuencia do retroceso dos procesos de liberación nacional, como se constatou co Movemento de Non Aliñados. Tampouco se pode obviar que no proceso de construción da unidade (1985-1994), diante desta realidade tan adversa, déronse saídas radicais minoritarias, que buscaban mediante o vangardismo substituír ao movemento de masas, que aumentaron a complexidade do proceso. Mais, o que tivo valor histórico, o que serviu á clase traballadora, ao povo galego, sería o proceso e acordo de unidade e a constitución da CIG, poñendo ao servizo do movemento obreiro unha ferramenta capaz de evitar retrocesos e peches, de conseguir avances concretos. Tampouco se pode ignorar que este paso adiante deuse nun contexto no que comezaba o auxe da globalización neoliberal, ou sexa de aumento da precariedade, da caída dos salarios, de medre da desigualdade. Un feito máis que cómpre sumar na importancia histórica da CIG.

Non pretendo facer neste artigo unha tese, só marcar os aspectos relevantes da unificación, de que non foi unha solución cunha matriz electoralista, de que se fixo unha reflexiona máis fonda, estratéxica, de métodos de traballo, de folla de ruta, de nivel de conciencia e de estado de animo das clases populares, e de como todo isto marca o discurso e propostas, sen necesidade de renunciar aos obxectivos estratéxicos. O central era e segue sendo: construír poder popular, na rúa e nas institucións, na empresa e na cultura, no imaxinario colectivo para conquistar a liberación nacional e social da Galiza. Por iso cando falamos da historia da CIG destacamos as folgas xerais, os paros no metal, en transportes la Unión (con 120 días de folga), a resposta contundente polo afundimento do Prestige, a oposición á Guerra de Serbia e Iraq, as mobilizacións a prol da lingua, da igualdade e a democracia, e un longo etc. Mesmo as veces esquecemos, porque é parte do ADN da loita sindical e revolucionaria, os centos de compañeiras e compañeiros despedidos por se presentar nas candidaturas da CIG, por participar nas mobilizacións e folgas. Tamén dos milleiros de persoas que dende 1973 entregaron unha boa parte da súa vida a prol da defensa da nación, da nosa lingua e cultura, mais sempre ligando esta problemática coa explotación de clase, co papel subalterno que na escada de valor ten a nación galega, por iso moitos caracterizamos a situación como colonial.

A CIG é a esta altura a primeira central sindical do país, en capacidade mobilizadora, en afiliación, en número de delegados e delegadas

 

En fin, a CIG é a esta altura a primeira central sindical do país, en capacidade mobilizadora, en afiliación, en número de delegados e delegadas, mais non se pode ignorar que lle quedan por diante dous retos da máxima transcendencia. Como son a loita das ideas, para acadar a hexemonía no imaxinario colectivo. Porque sobre os piares da mobilización, afiliación e representación na empresa e institucional, e a loita das ideas asentase a acción sindical con proxecto estratéxico. Ou sexa unha organización que procura superar o marco do capitalismo avanzando na socialización dos sectores estratéxicos e consolidar marcos de soberanía nacional e popular (que no noso caso, repito, están asociadas). É dicir, tratase de gañar á maioría para a nosa caracterización da sociedade, dos obxectivos intermedios e estratéxicos, da folla de ruta, dos métodos de traballo, da política alianzas.

Socializar o proxecto é sen dúbida unha das tarefas pendentes que ten a actual dirección da CIG, e que coido que levará a cabo con éxito, mesmo sabendo que non é algo doado de realizar. Axuda neste tema o traballo de formación interna, mais non existe mellor escola que a práctica sindical, e a reflexión e socialización que sobre ela se faga, para mellorar os métodos de traballo, aumentar a conciencia política, dar valor á autocrítica e combater as formas burocráticas e a rutina.

A esta altura a esquerda, incluída a nacionalista non é quen de chegar ao conxunto da sociedade e, o máis grave, mesmo ten problemas para que as súas bases e simpatizantes comprendan e asuman o seu programa e a folla de ruta a seguir. Non é só un problema de medios de comunicación (en mans das clases dominantes), senón tamén de argumentación, de prioridades. Neste intre o calendario está fixado polo capital, polo que pasa en Madrid, son necesarias campañas que artellen as principais reivindicacións, que sexan transversais, que duren no tempo para que sexan asimiladas e politicen.

Non se poden ignorar as profundas modificacións que está a sufrir a economía e a orde xeoestratéxica, e polo tanto as relacións laborais (o mundo do traballo).

 

E por último, coido que estas reflexións, nesta conxuntura da humanidade, vendo o reforzamento da estremadereita e do españolismo, non se poden ignorar as profundas modificacións que está a sufrir a economía e a orde xeoestratéxica, e polo tanto as relacións laborais (o mundo do traballo). En poucos anos a maior parte da clase traballadora será precaria, con traballos temporais e salarios miserentos. Perpetuaranse as desigualdades de ingresos por idade, xénero, tipo de contrato e territorio. Tamén pesa o seu a emigración e inmigración, a caída demográfica, a importancia dos pensionistas e a relación directa dos seus ingresos cos salarios das persoas en activo e como se distribúan. E por suposto a fiscalidade e os servizos e prestacións públicas, a desfeita ecolóxica. Polo tanto, estas modificacións económicas e sociais tan profundas e regresivas, mesmo no relativo á violencia, necesitan de respostas axeitadas, e sobre todo: reforzar a unidade popular para confrontar cun capitalismo cada vez máis concentrado e centralizado.

Respecto desta conxuntura coido deberíamos nos facer algunhas preguntas. Non sería bo unir todas estas loitas en campañas de axitación e mobilización que fortalecesen o conceito de clase e país? Non deberían as centrais sindicais ser máis esixentes cos partidos afíns, tanto nos programas, como no peso que neles debe ter a clase obreira? Non terían que existir nas centrais federacións de pensionistas e de traballadores afectados pola contratación dixital? Non se axudaría así a que estes temas tiveran a presenza que lles corresponde nas preocupacións das centrais? Non se debería esixir a nacionalización de sectores tan básicos como a enerxía, telecomunicacións e finanzas, que é onde hoxe se acumula a riqueza? Non se debería reivindicar, por exemplo, para os abusos da patronal   pola expropiación de salarios (por horas extras non pagadas, nen cotizadas), a consideración de delito con pena de prisión? Veriamos como baixaría este tipo de roubos que fican impunes.

En fin, 25 anos da CIG dan para un libro de moitas follas se falásemos de todas as loitas, sacrificios, derrotas e triunfos, porén sen dúbida, todos e todas os/as que participamos volveriamos a facelo co mesmo entusiasmo, porque da unión e a loita nace o cambio. En calquera caso nunca se debe esquecer que nos países oprimidos as clases populares sempre reman contra corrente, polo que, cando perden a iniciativa en calquera eido é porque están a recuar, sexa no ámbito sindical, social, lingüístico, da conciencia histórica, ecolóxico, de xénero, etc.

https://obloguedemera.wordpress.com/