Opinión

2022: conmemoracións e pulo cualitativo

Neste ano 2022, que agora comeza, conmemorase o 50 aniversario ¡medio século! das folgas obreiras de Ferrol e Vigo, de marzo e setembro, e da fundación de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) no mes de decembro. Ambos feitos foron de enorme importancia para que o nacionalismo galego se convertese anos despois nunha forza, que para alén do aumento da militancia, foi sobre todo quen de tomar a iniciativa no eido político e social en numerosas oportunidades. Un nacionalismo que, a diferenza das súas etapas anteriores, das que era herdeiro, tería unha forte compoñente popular, obreira, labrega e mariñeira, polo que, centrando a loita na liberación nacional, contra a opresión e colonización, a consideraba ligada á conquista da xustiza social, da eliminación da explotación.

Polo tanto, coido que ademais dos actos conmemorativos é esencial para esta etapa histórica, e o proceso que estamos a vivir, analizar e divulgar, non só aquel momento e o significado que ten na historia do movemento nacional popular galego, senón todo o que ten de contribución, de aporte teórico e práctico. Por exemplo, respecto das relacións coas clases populares, súa participación e protagonismo, no relativo ás tarefas a desenvolver no plano organizativo; así como respecto do relato, da folla de ruta e dos obxectivos a curto, medio e longo prazo. Fuxindo da reprodución mecanicista, porque cada etapa histórica ten características propias, mais aprendendo dos debates externos e internos contra o economicismo e o vangardismo, contra as actitudes rutineiras e sectarias... sempre demostrativas da debilidade no argumentario e a folla de ruta escollida.

Este novo ano seguirá marcado polo crise do capitalismo, malia os inmensos investimentos das grandes potencias occidentais para manter a súa situación dominante

Este novo ano seguirá marcado polo crise do capitalismo, malia os inmensos investimentos das grandes potencias occidentais para manter a súa situación dominante e a globalización neoliberal, corrixida momentaneamente co cerco a China, Rusia e outras nacións que buscan manter a súa soberanía. Mais, malia o agudo enfrontamento, ningunha destas potencias ofrece un modelo económico e social alternativo, como o foi no seu día a Unión Soviética, malia as eivas. Daquela, que todo reflicte que seguirá crecendo a desigualdade social e entre territorios, a desfeita ecolóxica, e que a presión do imperialismo de occidente non poderá evitar o fortalecemento da tendencia a prol dun mundo máis multilateral. E isto implica que non só estados Unidos seguirá perdendo peso internacional, senón tamén a Unión Europea, tanto no plano económico como político e militar.

Esta situación afectará tanto ao Estado español como a Galiza, que ten un papel subalterno na escala de valor. A isto obedece que o proceso de centralización (e colonización) sexa cada vez máis forte e non se acepte polos partidos sistémicos españois unha alternativa confederal e de avances sociais. Repetindo deste xeito a saída negociada do Estado das Autonomías e democratización da vida política (e en menor medida do marco laboral) como a que se pactou como substitución da ditadura franquista. Abrindo así unha etapa cunha maioría social e política que avalaría o novo marco.

O resultado dos acordos en materia laboral da Comisión de Dialogo Social amosan as limitacións, e feudalismos, da globalización neoliberal no Estado español e dos partidos que a representan. Estas contradicións agudizaranse máis no seo do capital por un debate político en branco e negro, ateigado de insultos e carente de proxectos, para alén dos ditados por Bruxelas e Washington. Neste marco o soberanismo das nacións dependentes aparece como a única opción cun proxecto alternativo, máxime despois das incoherencias de UP na derrogación da Reforma Laboral; sobre a política internacional xa non se pronuncian. Trátase polo tanto de manter a iniciativa, e diferenciar na práctica e no relato o que é necesario e urxente daquelas medidas que pola súa cualidade abren paso ao cambio estratéxico. A divulgación destas últimas é fundamental porque constrúen a conciencia a prol da liberación, nacional e social, e permiten gañar en organización. En fin, por un 2022 con mobilización, debate das ideas, iniciativa e atrevemento. 

https://obloguedemera.wordpress.com/