Opinión

O 14-D tamén foi un pulso entre nacionalismo e españolismo

Hai agora vinte e cinco anos da folga xeral do 14 de decembro de 1988, que se pode considerar o primeiro paro xeral en todo o Estado español dende a Segunda República. Malia ter habido outro de media xornada no ano 1985, contra a reforma das pensións, o certo é que non acadou demasiada participación. 

Hai agora vinte e cinco anos da folga xeral do 14 de decembro de 1988, que se pode considerar o primeiro paro xeral en todo o Estado español dende a Segunda República. Malia ter habido outro de media xornada no ano 1985, contra a reforma das pensións, o certo é que non acadou demasiada participación. Tamén cómpre lembrar que no caso concreto da Galiza durante o ano 1984 xa se realizaran tres folgas xerais: o 14 de febreiro, convocada en exclusiva pola INTG, e o 12 de xullo e 29 de novembro, realizadas unitariamente por CC.OO. e a INTG. A razón para estes paros nacionais galegos era o desmantelamento industrial, moi especialmente do sector naval. 

"A folga xeral de 1988, durante o Goberno do PSOE presidido por Felipe González, tiña como obxectivo evitar que se aprobase o Plan de Emprego Xuvenil (PEX) que pretendía precarizar as relacións laborais da mocidade".

A folga xeral de 1988, durante o Goberno do PSOE presidido por Felipe González, tiña como obxectivo evitar que se aprobase o Plan de Emprego Xuvenil (PEX) que pretendía precarizar as relacións laborais da mocidade. O proxecto aprobado polo Consello de Ministros permitía aos empresarios contratar mozos/as de entre 16 e 25 anos, por un período dun ano, renovábel por unha vez, co salario mínimo interprofesional (ignorando os convenios colectivos en vigor). Eximíase o empresario/a do pagamento da seguridade social e estaba en estudo unha subvención de 200.000 pesetas para as empresas. Na práctica, a súa implantación daba lugar a que unha parte dos asalariados/as que realizaban igual traballo tivesen condicións laborais distintas segundo a idade, permitindo que na mocidade fosen dunha absoluta precariedade. 

Esta proposta, que significaba un recuar nas condicións de traballo e ademais pretendía dividir a clase traballadora na empresa, engadíase ao inmenso descontente polas políticas económicas e sociais que se estaban a desenvolver. O goberno socialdemócrata non tiña reparos en beneficiar o capital en prexuízo do traballo, tal como analizaba A Nosa Terra do 8 de decembro dese ano. O semanario indicaba que no período de 1982 a 1987, os empresarios gañaran un 5,2% no reparto do PIB mentres que os asalariados/as recuaran un 5,7%, destacando que este retroceso nos ingresos atinxía negativamente tanto a amplos sectores sociais como a determinados territorios (entre eles destacaba Galiza). Na súa editorial, afirmaba A Nosa Terra: “Xa a UCD nos 70 trouxo o desencanto como o PSOE nos 80 trae a proba de que a democracia parlamentaria establecida é, en parte, a moeda de cambio dun endurecemento económico desfavorábel para os traballadores. As autonomías tamén son o contrapeso das crecentes discriminacións rexionais e o embozo as liberdades nacionais. A venda coa que taparon os ollos as clases submisas aos devanditos proxectos cae ao chan”. 

"A CXTG e máis a INTG fixeron a súa propia convocatoria de manifestación, piquetes informativos e unha campaña previa de mobilizacións e divulgación da folga, deixando abertas as portas á unidade ate o último momento"

Todas as centrais sindicais convocaron esta folga xeral no noso país, máis non foi unitaria, xa que CC.OO. e UGT pretendían que as centrais nacionalistas apoiaran o paro asumindo os criterios e o protagonismo do sindicalismo españolista, algo inaceptábel, como eles xa sabían (non querían incluír reivindicacións propias de Galiza, como un Plan de Emprego). Polo tanto a CXTG e máis a INTG fixeron a súa propia convocatoria de manifestación, piquetes informativos e unha campaña previa de mobilizacións e divulgación da folga, deixando abertas as portas á unidade ate o último momento. Tal como manifestaban nun comunicado á prensa, no que ademais se criticaba a postura de CC.OO. e UGT: “que coa súa actitude sectaria e sucursalista impediron que se puidese facer efectiva unha convocatoria verdadeiramente galega, que tivera en conta a marxinación de Galiza e sirva para reivindicar medidas industrializadoras e de emprego na Nosa Terra. A pesar desta lamentábel situación os sindicatos nacionalistas seguimos abertos á posibilidade de que os sindicatos españois rectifiquen e sexa posíbel desenvolver os actos do día 14 coa unidade que a clase traballadora require” (La Voz de Galicia 27-11-1988). A consigna para esta folga xeral da INTG e CXTG foi “Galicia unida pola industrialización e o emprego”, mentres que a de CC.OO. e UGT era “Por unha política favorable á maioría social”. 

Varios dos secretarios xerais das centrais sindicais convocantes do paro definían, en senllos artigos, no Faro de Vigo o 30 de novembro as razóns das súas organizacións para a realización da folga. Así Manuel Amor Deus, como secretario xeral de CC.OO. de Galiza afirmaba: “Cáusame asombro e estupor, escoitar aos voceiros do goberno do PSOE cando din que a chamada ó paro xeral do día 14 de nadal feita a nivel do Estado por CC.OO. e UGT é unha sorpresa, que os sindicatos non queren negociar, que é unha folga política...”. O que escribe este artigo, daquela secretario xeral da INTG manifestaba: “Nos últimos anos o Governo disfrazou o desmantelamento de sectores básicos da economía aducindo a falta de competitividade ou a crise económica, dicindo que cando se superase a situación íase xerar emprego e recuperar o poder adquisitivo. Malia que nos últimos anos hai un crecemento importante da economía, os salarios seguen deteriorándose...”. Fernando Acuña Rúa, secretario xeral da CXTG, destacaba: “Grazas á súa política -ten razón Solchaga- as grandes cifras do cadro macroeconómico mostran unha recuperación certa da economía no conxunto estatal. Pero tamén é certo que o paro medrou e, sobre todo en Galicia, medra; que existen auténticas bolsas de pobreza...”.

"O paro do 14 de decembro foi un éxito, como destacaron todos os medios, aínda que algúns o atribuísen arbitrariamente, en boa medida, aos piquetes informativos".

Con antelación encetou a axitación para que a folga xeral fose un éxito, non só divulgando o PEX nos medios de información e nas empresas, senón tamén realizando mobilizacións da clase traballadora, e outros sectores, previos á data. Había que xerar un clima propicio para o paro. Por exemplo, o día 24 de novembro houbo unha folga e manifestacións dos estudantes de secundaria contra o Plan de Emprego Xuvenil. Ese mesmo día, 3.000 operarios dos estaleiros percorrían as  rúas de Vigo, convocados por UGT, CC.OO., CXTG e INTG, aos que se lle sumaron 600 estudantes dos institutos. Ademais, pola súa banda, a CXTG e INTG fixeron o 12 de decembro peches nas delegacións da Consellaría de Traballo (nos que participaron 1.200 delegados/as de ambas centrais sindicais, segundo Adiante voceiro da CXTG). 

O paro do 14 de decembro foi un éxito, como destacaron todos os medios, aínda que algúns o atribuísen arbitrariamente, en boa medida, aos piquetes informativos. Así o Faro de Vigo intitulaba en portada: “A folga contra a política económica do Goberno socialista paralizou España” e o xornal madrileño El País salientaba: “A folga xeral paralizou onte España”, mentres que La Voz de Galicia afirmaba: “Para os sindicatos a folga foi un éxito rotundo e histórico” (todos estes titulares en castelán, como é habitual nestes medios). 

En relación coa incidencia do paro na nosa nación, os medios destacaban o seguinte. Segundo o Diario de Galicia: “medio millón de traballadores en folga paralizaron Galiza”. La Voz de Galicia afirmaba: “Galiza foi unha das comunidades onde o paro tivo maior incidencia (...) masivo apoio á folga na Coruña, nunha xornada con algúns enfrontamentos (...) Lugo a única cidade galega na que se celebrou unha manifestación unitaria”. O Faro de Vigo indicaba en portada: “mínimos incidentes na comarca de Vigo, onde o peche de empresas, voluntario ou imposto polos piquetes, foi practicamente total dende as 0 horas de onte (...) Dous sindicalistas feridos e cinco detidos pola policía nas cocheiras de Vitrasa”. Mentres que El Correo Gallego salientaba que: “Santiago non contou con transporte público ao impedilo os piquetes”. O Atlántico Diario valoraba que “parou o 90% dos traballadores galegos”.

"Todos os medios reflictiron que a folga xeral foi practicamente total, e que o noso país foi unha das comunidades onde máis incidencia tivo. O que demostraba a capacidade reivindicativa e solidaria da clase traballadora galega, botando abaixo a persistente mentira do individualismo". 

O semanario nacionalista A Nosa Terra afirmaba en titulares: “De éxito sen paliativos pódese cualificar o resultado da folga xeral realizada o 14-D en todo o longo do territorio estatal, amosándose así o fin da marxe de confianza outorgada ao PSOE tras seis anos de governo. Os traballadores recuperaron o protagonismo perdido logo da transición e da xusta protesta polo deterioro da situación económica de amplas capas da povoación, só cabe lamentar a discriminación que os sindicatos estatais trataron de infrinxir á problemática e mesmo ás organizacións propias da Galiza. Ao final a capacidade mobilizadora de CXTG e INTG, que sorprendeu ás mesmas centrais convocantes, deixou entrever cara onde se encamiñan os ritmos políticos no noso país”.

Como se ve, todos os medios reflictiron que a folga xeral foi practicamente total, e que o noso país foi unha das comunidades onde máis incidencia tivo. O que demostraba a capacidade reivindicativa e solidaria da clase traballadora galega, botando abaixo a persistente mentira do individualismo. Outra cuestión evidente sería que a unidade entre a CXTG e INTG aínda era moi débil, xa que non se asumía en todas as comarcas por igual. Isto deu lugar a que en Lugo se participase da mobilización con CC.OO. e UGT, e no Ferrol a INTG formase parte da manifestación de CC.OO. e UGT, mentres que a CXTG realizaba unha marcha por separado. Estas diferencias causaron algunhas friccións nas relacións entre a INTG e CXTG nos días previos e posteriores á folga. En público os dirixentes de ambas centrais en Ferrol, Francisco Allegue e Carlos Moreira, da INTG e CXTG respectivamente, quitábanlle ferro ao tema afirmando que só era unha diverxencia puntual. Axudou a superar os récelos, o éxito das manifestacións convocadas en exclusiva polo sindicalismo nacionalista no resto das cidades e vilas. 

"Aínda o sindicalismo nacionalista, malia o seu activismo e combatividade, carecía da incidencia que acadaría en futuras folgas xerais, e por suposto estaba moi por debaixo da que ten hoxe en día".

As manifestacións sumaron un número importante de traballadores/as, mais eran cifras que non eran comparábeis ás que se deron unha década despois. O goberno do PSOE aínda non estaba totalmente queimado diante dun sector importante do movemento obreiro. O semanario A Nosa Terra daba as seguintes cifras: en Vigo 4.000 persoas nas marchas do nacionalismo e 13.000 nas que convocou o sindicalismo estatal; en Pontevedra 1.200 e 1.000 respectivamente; na Coruña 2.000 e 4.000; En Ourense 1.500 en cada unha; en Lugo 2.000 na manifestación unitaria; nas Pontes 2.000 persoas na marcha convocada pola INTG-CXTG. Tamén se fixeron mobilizacións en Viveiro, Cangas, Monforte, Vilagarcía e Ribeira. Varios medios dan unha cifra de 15.000 persoas na manifestación realizada por CC.OO. e UGT en Ferrol á que asistiu a INTG, e non se dan datos sobre os que congregou a da CXTG nesta cidade. Segundo Adiante foran 250. Este voceiro valora en 3.000 os asistentes en Compostela á convocatoria da CXTG e INTG e en 1.500 os que asistiron á realizada polos sindicatos estatais. 

Outro aspecto que cómpre destacar é que aínda o sindicalismo nacionalista, malia o seu activismo e combatividade, carecía da incidencia que acadaría en futuras folgas xerais, e por suposto estaba moi por debaixo da que ten hoxe en día. É verdade que nalgunhas cidades e vilas, como Compostela e Pontevedra, e mesmo Lugo e Ourense, medíase en pé de igualdade con CC.OO. e UGT, e mesmo superaba a capacidade de convocatoria do sindicalismo estatal nalgunha delas, mais en Ferrol e Coruña non era así, e tampouco en Vigo, xa que estes eran os centros históricos do sindicalismo de ámbito estatal. Agora ben, isto era sabido por todos, o que esperaban as centrais españolistas era que os sindicatos nacionalistas ficasen moi devecidos neste reto. Tiñan en consideración que: era unha convocatoria estatal, contaban co apoio dos medios, e tiñan un gran peso en empresas chaves da economía galega. Porén, non sería deste xeito, e o sindicalismo nacionalista mesmo gañaba en incidencia social. Esta era a razón de que A Nosa Terra fixese unha análise posterior tan optimista da participación do nacionalismo na folga xeral.

"A folga xeral do 14 de decembro de 1988 foi unha das poucas que acadou un total éxito, xa que o Goberno de Felipe González desistiu do Plan de Emprego Xuvenil, aínda tendo maioría no Parlamento". 

O 26 de febreiro de 1989, a CXTG e a INTG convocaban conxuntamente unha manifestación en Compostela baixo o lema: “Galicia unida pola industrialización e o emprego”. A novidade producíase o 1º de Maio, xa que nesta ocasión a manifestación sería de todas as centrais sindicais coa consigna de “En Galicia polo emprego e o xiro social”. Unha unidade que era consecuencia da capacidade mobilizadora amosada polo sindicalismo nacionalista o 14 de decembro. Mais sería unha converxencia  sometida á dependencia de CC.OO. e UGT de Galiza aos ditados de Madrid, e da estratexia das súas direccións na procura do pacto como a saída lóxica do conflito de clases, mesmo a costa da capacidade reivindicativa. Ademais a INTG tería que enfrontar os seus propios problemas internos, concretamente a cuestión do Exército Guerrilleiro (EGPGC). Moitos dos detidos desta organización clandestina, que empregaba a loita armada, eran afiliados á central sindical, algúns deles cadros destacados. Por se non abondase, cando eran detidos salientaban esta dualidade na militancia como un dato relevante. Era evidente que se trataba de involucrar a central en formas de loita que se lle querían impoñer por parte dunha minoría. Este sería un atranco que foi confrontado dende a dirección da INTG, sabendo que se xogaba o proxecto, se a sociedade albiscaba complicidade coa loita armada. Algo que desexaba o poder, que utilizaba a mentira reinterpretando as declaracións de militantes do EGPGC. É un tema que pagaría a pena tratar nun artigo específico.

A folga xeral do 14 de decembro de 1988 foi unha das poucas que acadou un total éxito, xa que o Goberno de Felipe González desistiu do Plan de Emprego Xuvenil, aínda tendo maioría no Parlamento. Comprendeu que a oposición social era moi grande (mesmo dentro do seu propio partido), e tomou medidas para recobrar o apoio social. En marzo de 1989, aumentaba o SMI, as pensións e os salarios dos funcionarios por riba do IPC. Un paso atrás que lle permitiría ao PSOE gañar ao ano seguinte máis unha vez as eleccións. Lembremos que dende 1987 presidía a Xunta o socialista González Laxe, apoiado nunha alianza do PSOE, CG e o PNG. Nas eleccións autonómicas de 1989 triunfou a coalición do Partido Popular e Centristas de Galicia, permitindo o aceso á presidencia da Xunta de Manuel Fraga Iribarne. A transición ficaba atrás definitivamente, con este triunfo político da dereita españolista, a integración na OTAN (1982) e no Mercado Común Europeo (1986). Mais o movemento obreiro galego e o nacionalismo aínda contaban con moitas forzas para dar novas batallas.

http://manuelmera.blogaliza.org/