Opinión

Precisa o nacionalismo galego algo máis de realismo político?

Permitídeme que o exprese simplemente como unha reflexión persoal máis, tal e como eu o vexo, como militante nacionalista desde 1977: cada día estou máis convencido de que o futuro de Galiza como nación non depende tanto do esforzo que fagamos por situar nun primeiro plano da axenda política o que son os principios irrenunciábeis do nacionalismo galego, senón da capacidade humana e intelectual que nós teñamos para seducir e ilusionar a amplos sectores sociais arredor da idea dunha Galiza diferente. Penso, así mesmo, que para lograrmos ese fin resulta imprescindíbel un certo e necesario realismo político, un realismo político que nos axude a ver e a valorar como algo positivo calquera pequeno chanzo que na práctica represente un paso adiante para crear conciencia de país ou para abordar algúns dos graves problemas de Galiza que precisan medidas urxentes e non poden esperar a un futuro Estado galego. Creo, francamente, que non sería este un mal camiño para ampliar o corpo social que o nacionalismo galego precisa para obxectivos políticos máis ambiciosos, como pode ser a República Galega. A escaleira hai que subila chanzo a chanzo, e moi a miúdo o nacionalismo traslada á sociedade un discurso político máis propio de quen está xa no penúltimo chanzo da escaleira que de quen está subindo aínda os primeiros chanzos, e iso, coñecendo a nosa experiencia histórica, e despois de tantas frustracións políticas ao longo das últimas décadas, nin é ilusionante para sumar outras persoas á causa do país nin é tampouco socialmente críbel. Deberiamos comezar, pois, por sermos máis realistas na acción política, diferenciando sempre o que é un paso táctico do que son os obxectivos estratexicos do nacionalismo.

A escaleira hai que subila chanzo a chanzo, e moi a miúdo o nacionalismo traslada á sociedade un discurso político máis propio de quen está xa no penúltimo chanzo da escaleira

 

Venme agora á memoria aquela Lei de Bases que formulara o BNG en 1987. Alguén pode dicir que deixamos de ser nacionalistas ou de aspirar a unha Galiza soberana polo simple feito de presentarmos aquel documento programático de mínimos? Alguén pode dicir que con aquela proposta claudicamos do noso ideario nacionalista? En absoluto. Era unha Proposición de Lei para efectivizar naquel momento histórico e dentro dun marco competencial que nós sempre cuestionamos. O propio Bautista Álvarez, na introdución que fixo para a edición da Lei de Bases, afirma o seguinte: “Só a adecuada utilización do realismo político (virtude por suposto revolucionaria), a intelixente combinación da táctica coa estratexia, permite harmonizar a procura de solucións inmediatas coa defensa de alternativas de maior alcance”. Imaxinádevos o positivo que sería para o país que neses anos oitenta se puxese en marcha o Instituto Galego de Economía Pública, o Banco Público Galego ou a reforma das vías de financiación? Lamentabelmente, a maioría parlamentaria do PP non tomou en consideración as propostas do nacionalismo, mais o BNG actuou co realismo político que o país agardaba de nós e puidemos presentarnos perante a sociedade cunha proposta positiva para o país que só precisaba a vontade política da Cámara galega e do Goberno galego para poder ser levada a cabo. Creo que ese debe ser o camiño que nunca debemos deixar de transitar. Esa Lei de Bases foi dalgunha maneira o preludio do que logo sería o Estatuto de Nación. E nada diso, claro está, era incompatíbel coa defensa dunha alternativa soberanista. Aprendamos da nosa propia experiencia histórica. Hoxe o nacionalismo galego, felizmente, non parte de cero e dun descoñecemento total da acción política institucional, nin carece tampouco de referentes históricos que nos poidan axudar a reflexionar, como si lles aconteceu ás persoas que reorganizaron o nacionalismo nos anos sesenta e aínda na década dos setenta.

Aprendamos da nosa propia experiencia histórica. Hoxe o nacionalismo galego, felizmente, non parte de cero

 

E unha última opinión persoal: penso que o nacionalismo galego actúa cunha enorme madurez e cun grande realismo político cando na segunda metade da década dos setenta coloca no debate político as Bases Constitucionais, nun momento no que aínda nin sequera estaba aprobado o actual marco xurídico-político. Igual que creo que o nacionalismo actuou con madurez e realismo político cando anos despois formulou novas propostas para traballar institucionalmente en defensa do país até o límite dos límites do marco legal. O realismo político non é negativo se serve para dar solucións a problemas urxentes, para facer comprensíbel a alternativa nacionalista e para axudar a avanzar a conciencia de país. O realismo político mesmo é ilusionante, porque nos permite ver que o que defendemos pode ser alcanzábel a curto prazo se hai vontade política. Creo, honestamente, que o nacionalismo galego de hoxe precisa darlle unha esperanza ao país.

Comentarios