Opinión

Pra que os teus votos non emigren

Estamos en París, en xuño de 1974, na sede do Partido Socialista francés. O PSOE, tras diversos contactos previos, reúne alí a varias organizacións do ámbito socialista peninsular: o Moviment Socialista de Catalunya, o Partido Socialista Galego, o Partit Socialista del País Valencià, o Secretariat d´Orientació Socialdemócrata e a Unión Sindical Obreira.

Estamos en París, en xuño de 1974, na sede do Partido Socialista francés. O PSOE, tras diversos contactos previos, reúne alí a varias organizacións do ámbito socialista peninsular: o Moviment Socialista de Catalunya, o Partido Socialista Galego, o Partit Socialista del País Valencià, o Secretariat d´Orientació Socialdemócrata e a Unión Sindical Obreira. É a Conferencia Socialista Ibérica, que preside Bruno Pitterman, entón presidente da Internacional Socialista. Entre os acordos daquela histórica reunión, hai un no que se fala do “recoñecemento polo PSOE da existencia de partidos socialistas nas nacionalidades periféricas e posibilidade dunha federación de todos os partidos socialistas, coa conseguinte disolución das federacións rexionais do PSOE naquelas nacionalidades nas que existan partidos socialistas”. 

"O regreso da reunión, Felipe González, sentado a carón de Beiras nun microbús camiño de Frankfurt, coméntalle ao compañeiro do PSG: “E pensar, Beiras, que aquí o SPD renunciou ao marxismo…”.

Á porta da sede do PS francés, Pablo Castellano, daquela un dos máis destacados dirixentes do socialismo español, colle polo brazo a Beiras e dille: “Haberá que mudar moitas cousas, incluídas as siglas do PSOE”. Pouco despois, en setembro dese mesmo ano, organízase a segunda sesión da Conferencia Socialista Ibérica, esta vez en Bonn. Ao regreso da reunión, Felipe González, sentado a carón de Beiras nun microbús camiño de Frankfurt, coméntalle ao compañeiro do PSG: “E pensar, Beiras, que aquí o SPD renunciou ao marxismo…”. Só algunhas semanas máis tarde, entre o 11 e o 13 de outubro, ten lugar o Congreso de Suresnes, onde é elexido secretario xeral do PSOE Felipe González e onde se aproba unha resolución sobre nacionalidades e rexións nos seguintes termos: “A definitiva solución do problema das nacionalidades que integran o Estado español parte indefectibelmente do pleno recoñecemento do dereito de autodeterminación das mesmas que comporta a facultade de que cada nacionalidade poida determinar libremente as relación que vai manter co resto dos pobos que integran o Estado español”. Por certo, o autor do texto é un aínda mozo Alfredo Pérez Rubalcaba. 

Hoxe podemos coñecer perfectamente porqué o PSOE promoveu a Conferencia Socialista Ibérica no 74, o papel que xogou cada quen na construción desa unidade de acción no ámbito estatal, primeiro a través da Conferencia Socialista Ibérica e despois no seo da Federación de Partidos Socialistas, e, por suposto, podemos ter unha idea moito máis nidia das razóns que explican toda a traxectoria posterior do PSOE e de moitos daqueles dirixentes políticos que naquel momento se pronuncian a prol da ruptura democrática e da autodeterminación. Só hai que ler o libro Soberanos e intervenidos, de Joán Garcés, ou os traballos de investigación do historiador Antonio Muñoz Sánchez (El amigo alemán. El SPD y el PSOE de la dictadura a la democracia ou La Fundación Ebert y el socialismo español) para descubrir algunhas das chaves desta etapa política, que están na raíz dunha das frustracións históricas que máis soños esnaquizou. E o máis importante: cómpre aprendermos da experiencia para non repetir os mesmos erros históricos. 

"Só necesitaban o prestixio dos dirixentes daqueles outros partidos. Precisaban nomes como Joan Reventós, Xosé Manuel Beiras, Josep Pallach, Joan Garcés, Ernest Lluch, Narcís Serra, Enrique Barón ou Raimon Obiols. Necesitaban os seus nomes, non as súas ideas". 

Mais regresemos ao contexto da Conferencia Socialista Ibérica. Desde mediados dos sesenta o Partido Socialdemócrata Alemán (SPD) mantivo unha estreita e constante relación con Tierno Galván, que nunca foi do agrado de Rodolfo Llopis e que mesmo está na orixe da expulsión de Tierno Galván do PSOE. Tanto o líder do Partido Socialista do Interior como os dous sectores do PSOE (o histórico e o renovado) competían por ocupar posicións cara a unha transición que todos sabían que se ía producir. Diante desa situación, e co fin de forzar a unidade orgánica dos distintos grupos socialistas, a dirección do SPD incluso evitou en 1973 todo contacto cos diversos partidos socialistas españois que buscaban o recoñecemento da Internacional Socialista. De feito o SPD denegoulle o convite ao PSOE renovado para asistir ao congreso que os socialdemócratas alemáns celebraron en abril de 1973. Ese mesmo verán o SPD nin sequera recibiu unha delegación do PSOE encabezada por Pablo Castellano e Enrique Múgica, que os dirixiu á Fundación Ebert, onde lles transmitiron a proposta de organizar na RFA un congreso refundador do socialismo español no que deberían participar, entre outros, o PSOE e o PSI de Tierno Galván, ao que eles reaccionaron indignados, porque nada querían saber de Tierno.

Fracasado o intento de mediación entre as varias familias socialistas españolas, finalmente a dirección do SPD respaldou en xaneiro de 1974 o recoñecemento do PSOE renovado como único partido español representado na Internacional Socialista. Por outra parte, o PS de Mitterrand fixou como unha das súas prioridades a unidade dos socialistas españois. É aí, nese contexto, onde temos que situar a celebración da Conferencia Socialista Ibérica, que foi organizada polo SPD e o PS francés, co apoio da Internacional Socialista. Talvez non todos os que se reuniron aqueles días en París en xuño do 74 eran plenamente conscientes de que aquela reunión obedecía a unha necesidade organizativa do PSOE e ás presións e demandas do SPD e do PS francés. O guión da Conferencia Socialista estaba previamente falado e pactado, e non precisamente cos que foron os protagonistas daquel encontro. O PSOE só tiña o obxectivo de consolidarse como a única organización socialista en todo o Estado español. E con tal fin convocou ao resto dos partidos socialistas, que inxenuamente pensaron que o PSOE buscaba unha estrutura organizativa para actuar en todo o Estado sobre a base dunha relación en pé de igualdade e respectando o territorio de cada quen. Tras o Congreso de Suresnes, e a medida que o PSOE se foi reforzando co apoio da Internacional Socialista, do Partido Socialdemócrata Alemán, do Partido Socialista francés e fundamentalmente da Fundación Ebert, coa implicación directa de Dieter Koniecki, os partidos socialistas que participaron na Conferencia Socialista Ibérica comprobaron moi axiña que os plans do PSOE eran outros. De feito o PSOE abandona a CSI en abril de 1975. O propio PSOE e os seus colegas do SPD e da Fundación Ebert chegaron tamén moi pronto á conclusión de que podían prescindir do resto dos partidos socialistas como compañeiros de viaxe, porque despois das primeiras eleccións serían borrados do mapa. Só necesitaban o prestixio dos dirixentes daqueles outros partidos. Precisaban nomes como Joan Reventós, Xosé Manuel Beiras, Josep Pallach, Joan Garcés, Ernest Lluch, Narcís Serra, Enrique Barón ou Raimon Obiols. Necesitaban os seus nomes, non as súas ideas. 

"Foi tamén daquela cando os pexegos puxeron en circulación unha mensaxe que até entón non fixera falta proclamar: “Pra que os teus votos non emigren, vota ao PSG. Os socialistas galegos somos nós”.

Máis aló das necesidades e dos obxectivos do PSOE, chama a atención o papel decisivo que xogou a socialdemocracia alemá na orientación do proceso da transición española. As investigacións levadas a cabo nos últimos anos por Muñoz Sánchez nos propios arquivos da Fundación Ebert e do SPD poñen ao descuberto a profunda preocupación do poderoso partido de Willy Brandt por unha transición española liderada desde a oposición polos comunistas do PCE ou pola posibilidade dun 25 de abril no Estado español. Por outra parte, nas conversas que mantén o SPD con Felipe González, primeiro en Lisboa e logo en Bonn, os alemáns comproban que os plans do novo dirixente do socialismo español coinciden totalmente cos desexos do SPD. É así como desde marzo de 1975 a Fundación Ebert, o SPD, o Goberno da RFA e o conxunto dos partidos socialistas que integran a Internacional Socialista, especialmente o Partido Socialista francés, se implican a fondo para que o PSOE de Felipe González lidere a transición española, non sen unha certa complicidade do daquela ministro Fraga Iribarne, que inicialmente prefería a Enrique Tierno Galván ao fronte do socialismo español.

Nese novo escenario político, naquela complexa circunstancia histórica, os outros partidos socialistas que aínda tiveran alento para constituír o 7 de marzo de 1976 a Federación de Partidos Socialistas tras o fracaso da Conferencia Socialista Ibérica -agora xa sen a presenza do PSOE-, só poideron optar entre dúas alternativas: resistir como forza propia do seu país ou integrarse na estrutura do PSOE. Foi entón cando o PSG, abandonado á súa sorte, regresou á súa Itaca tras aquel intento de articular o conxunto do socialismo rupturista nun “proxecto común”, nunha “organización unitaria, descentralizada e democrática, sobre unha base federativa”. Foi tamén daquela cando os pexegos puxeron en circulación unha mensaxe que até entón non fixera falta proclamar: “Pra que os teus votos non emigren, vota ao PSG. Os socialistas galegos somos nós”. Eu, que tiña dezasete anos no verán do 77, non precisei naquel momento máis corpus teórico que aquel slogan do Partido Socialista Galego para saber con quen tiña que estar. A pesar de que entón, e durante moitos anos, a única marea que chegaba a todas as praias e que ademais ilusionaba a unha amplísima maioría social era marea do socialismo que representaba o PSOE de Felipe González, outras e outros optamos por seguir a apostar pola existencia das forzas políticas propias e por un proxecto de país. Só así, con moito esforzo, moita entrega e non menos ilusión, fomos quen de lograr que a nación galega non desaparecese do mapa político e de ofrecerlle á nosa sociedade unha alternativa de goberno para os concellos e para o conxunto da cidadanía galega. Hoxe, coma onte, cómpre ter os ollos moi abertos e estar alerta, e nunca, nunca, perder a referencia do país. “Pra que os teus votos non emigren”, como dicían os pexegos do 77.

Hai leccións que cómpre aprendelas dunha vez e para sempre. 

Comentarios