Opinión

Pexegueiro, altísimo poeta

Expulsado da infancia, expulsado da patria, expulsado do sistema literario galego. “…a vida é sempre un exilio”. Alfonso Pexegueiro, ese noso grandísimo poeta que fixo que se nos iluminaran os ollos xa en 1976, ese poeta, aínda hoxe, tantos anos despois da aparición de Seraogna, está lonxe, moi lonxe, de ocupar o lugar que en xustiza lle corresponde dentro da poesía galega contemporánea. Como don Ricardo Carvalho Calero, tamén o poeta de Angoares foi condenado ao ostracismo. E aí está, ignorado en estudos e antoloxías da poesía galega dos setenta para acó (Desde a palabra, doce voces, Poetas galegos do século XX…), olvidado a miúdo polos que se dedican á canonización literaria, relegado o seu nome e a súa obra case aos apéndices e ás notas ao rodapé, el, Alfonso Pexegueiro, nada máis e nada menos que o poeta que inaugurou unha nova era dourada dentro da lírica galega con Seraogna e Mar e naufraxio. Para blasfemar.

A primeira noticia que eu tiven de Pexegueiro foi a través de Carlos Casares, lendo un daqueles seus artigos da sección “A ledicia de ler”, que aínda conservo entre outros moitos recortes de prensa desa época e que tanto orientaron as miñas lecturas. Nesa recensión crítica, publicada en xuño de 1976, Casares comenta, non con demasiado entusiasmo, é certo, o primeiro poemario que publica Pexegueiro, mais afirma que ese libro “anuncia un cambio de rumbo” moi necesario na lírica galega. Será tamén Carlos Casares o que dous anos despois nos convida a ler o segundo libro de Pexegueiro, esta vez cun artigo xa moi eloxioso e no que escribe o seguinte: “Desde a primeira xeración da posguerra (…) non volvera aparecer ningún outro poeta que puidese equipararse a aqueles nin pola súa formación literaria nin pola calidade da súa obra”. Unha opinión que nós seguimos a manter hoxe. Efectivamente, Alfonso Pexegueiro é a grande voz da poesía galega que hai que situar entre a Xeración dos 50 (Manuel María, Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Salvador García Bodaño, Bernardino Graña, Xosé Luís Franco Grande) e a Xeración dos 80 (Cesáreo Sánchez Iglesias, Pilar Pallarés, Xulio López Valcárcel, Manuel Forcadela, Ramiro Fonte, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vítor Vaqueiro, Vicente Araguas, Eusebio Lorenzo Baleirón, Xela Arias…). No medio desas dúas importantes xeracións é imprescindíbel situarmos a Pexegueiro, cun capítulo propio na historia da poesía galega, non porque sexa a única voz, que non a é (aí está, por exemplo, Fiz Vergara Vilariño), senón porque el é o que a mediados dos setenta abre novos camiños para a lírica galega, cultivando unha nova e elaborada linguaxe poética, o que xa está alí cando chegan os poetas dos 80 coa súa preocupación pola forma e a beleza do poema.

E aí está, ignorado en estudos e antoloxías da poesía galega dos setenta para acó (Desde a palabra, doce voces, Poetas galegos do século XX…), olvidado a miúdo polos que se dedican á canonización literaria

 

Dicídeme, que poeta de nós, á altura de maio de 1976, nos entrega un poema tan soberbio como “A muller de Seraogna”? Recordade: “Renxe o mastro da noite, no tempo / e na ribeira do silencio dorme afanosa / a muller de Seraogna. Espiga de luz…”. Teñamos en conta, ademais, que estes versos, na súa primeira redacción en castelán, estaban xa escritos en 1973, cando o poeta, recén chegado a Madrid, vai visitar a Vicente Aleixandre a Wellingtonia. Aleixandre queda fascinado cos versos daquel mozo galego, co nome de Seraogna e sobre todo co poema “La canción de Seraogna”, que Pexegueiro, non sabemos porqué, non incorpora ao libro até dúas décadas máis tarde, até a edición que prepara Luciano Fernández para Edicións Xerais en 1997, e faino, claro, como non podía ser doutra maneira, en homenaxe a Vicente Aleixandre, que naquela primeira e única visita o tratou xa como poeta: “Detrás de cada poema suyo hay una verdad muy fuerte. Además consigue usted algo que es muy difícil en poesía, saber finalizar bien un poema”. Tamén Gerardo Diego, a quen coñeceu igualmente neses días de Madrid, lle dixo que se se quedaba vería el de xestionarlle unha antoloxía dos seus poemas.

Antes de sorprendernos de novo con Mar e naufraxio, escrito entre 1976 e 1977, e de gañarnos para sempre como fieis lectores da súa obra, aínda puidemos gozar unha e outra vez daqueles seus outros versos escritos a xeito de limiar para a lapela de Con pólvora e magnolias: “...ti, / que chegabas coa forza / imperiosa da vida nos / beizos, / e co corazón cheo de / paxaros / para este novo souto que / estamos a facer no silenzo…”. Porque hai que lembralo: Seraogna foi primeiro que Con pólvora e magnolias. E, por certo, se non veu a luz na Colección de Val de Lemos non foi porque Manuel María se botase atrás, senón porque xusto nese momento, cando Manuel María tivo o libro de Pexegueiro nas súas mans, xa desaparecera a Colección Val de Lemos, que pechou en 1975 Bernardino Graña con Non vexo Vigo nin Cangas. Esa é a razón pola que finalmente Seraogna saíu baixo o selo de Rompente e non en Monforte de Lemos.

Mar e naufraxio -non o negamos- é o poemario que nós máis amamos de Alfonso Pexegueiro. De tantas e tantas veces que o lemos ao longo dos últimos corenta anos xa case se despegaron todas as follas do libro. Menos mal que agora o podemos gozar noutros volumes máis coidados, aínda que talvez non con tapas tan fermosas como aquela de 1978. Resulta inexplicábel que esta obra non merecese aínda hoxe o tratamento crítico e a atención que en xustiza merece. Estamos ante un dos mellores libros da poesía galega de toda a historia da literatura galega contemporánea, onde brillan fundamentalmente os longos poemas que teñen como protagonista a clase traballadora, escritos cunha grande forza lírica, desde a emoción e a verdade e cun resultado artístico certamente espléndido. Lembrade, por exemplo, poemas como “Cantiga do pobo invadido”, “Cantiga coral”, “Les hommes”, “Non, meu amor…”, “Cantiga de amor sen patria”, “Serpe de area” ou ese outro poema que nos fere o corazón: “Traede os corpos dos mortos. Poñédeos aí, quedos / e sempre vivos, a lúa / é un canario azul nos ollos dos mortos, compañeiros, a modiño, / pousádeos: trenzas de vida / que aínda latexan; mulleres de mar / escoitan chega-los barcos / e na ribeira poñen patelas de silencio. A modiño. / O día é claro como un paso de liberdade (…) Traede os mortos. / …Aquí; pousádeos…; / deixade que a lúa os esperte”.

Mar e naufraxio -non o negamos- é o poemario que nós máis amamos de Alfonso Pexegueiro

 

Despois, en 1979, virían os poemas de Círculos de auga, escritos entre 1970 e 1976, e que, con moi bo criterio, foron recollidos en Blasfemias de silencio, na edición de Xerais, no ano 2000, como o seu primeiro poemario, o que nos permite ter unha idea máis nítida da evolución da súa obra poética. Sabemos de memoria algúns daqueles versos: “Para que queredes un poeta vivo / se non sabedes que facer con el; / matádeo e celebraille as pompas”. Ou aqueles outros que din: “¡Que sós estamo-los homes / cortando canas / para frautas que non soan!”. Neses anos é difícil atopar entre os poetas galegos poemas tan magníficos como “Terrible mentira” (“Quedareime terrible mentira nese teu corpo escondido na casa / que endexamais entrei…”), “Vagabundos” (“E a memoria revírase porque os vagabundos / traen tamén verdade e soños nas súas chaquetas baleiras…”), “Le poéte…” (“Ven, compañeiro, que esta noite imos ser lúa / trazo indiferente ou pecado…”), “Libia” (“Ven, Catulo, ó meu verso que se abrita, belo Catulo.”), “Se has de chorar” (“Se has de chorar, chora cos puños acendidos / e o corazón listo para as novas. / Se has de chorar, pendúrate da lúa / e deixa os teus pés na primavera dos días. / Se has de chorar, que as bágoas / non oculten o por que do pranto. / Se has de chorar…”). E poderiamos seguir citando versos dese seu primeiro libro, porque aínda hoxe nos sorprenden pola súa calidade artística.

Só estes tres libros iniciais conforman un corpus literario máis que suficiente para situarmos a Alfonso Pexegueiro nun destacado lugar no Libro de Ouro das Letras Galegas, sen o que veu despois, sen toda a súa obra posterior, sempre creativamente rica, complexa e brillante. Pero ese recoñecemento público e nacional segue sendo unha débeda da cultura galega e do país con Pexegueiro. Non sei até cando. A única excepción que repara en parte esta grande inxustiza é o que acaba de facer o Concello de Ponteareas, dando á luz unha nova edición de Blasfemias de silencio (De Seraogna aos Balcáns).

“En Seraogna non hai mar”, mais en Seraogna, meus e miñas camaradas, naceu un dos máis altos poetas da patria. E aínda hai quen non se enterou. E a min invádeme a carraxe, igual que cando se lle negaba a Álvaro Cunqueiro ou a Manuel María un primeirísimo lugar na nosa poesía. A cegueira e o ostracismo é unha constante no sistema literario galego. Só o paso do tempo peneira poetas e libros e pon a cada un e a cada unha no seu lugar. É o que salva a literatura, porque a boa literatura atravesa o silencio e vence o olvido.

Comentarios