Opinión

O peso político que Galiza necesita

Ter representación propia como país no Congreso é moi importante. Foino sempre. O nacionalismo galego tívoo moi claro desde a época da República, desde os tempos de Castelao. Mais nunca foi un obxectivo fácil, nin nos anos trinta do século XX nin desde 1977 para acó. Lembremos que incluso Castelao, Otero Pedrayo, Antón Vilar Ponte e Ramón Suárez Picallo perderon o escano tras unha primeira lexislatura nas Cortes. E o mesmo lle pasou ao BNG despois de varias lexislaturas de presenza en Madrid e dun inxente labor a prol do país. Realmente é un dos nosos fracasos políticos como pobo: non conseguirmos manter presenza propia de forma ininterrompida. E atreveríame a dicir que hoxe até resulta moito máis difícil obter unha acta de deputado ou deputada que nas primeiras décadas do século XX, porque se nos tempos da República as actas gañábanse fundamentalmente voto a voto, persoa a persoa, mitin a mitin, partido xudicial a partido xudicial, na actualidade a principal maquinaria electoral é a televisión, e aquelas forzas políticas que carecen dese espazo na televisión teñen enormes e múltiples dificultades para facerse ver na sociedade. A españolización do discurso político e das campañas electorais é certamente abafante. Por iso ten e terá sempre un grande valor político o apoio social ao nacionalismo galego, sexa cal sexa o resultado electoral, porque detrás de cada campaña do nacionalismo hai unha grande entrega humana, un enorme esforzo individual e colectivo e moita ilusión de país. E sobre todo, a dignidade dun pobo que non renuncia a existir como tal e a ter voz propia.

Non abonda con falar só para as persoas que temos conciencia nacional nin sequera para aquelas que sen unha clara conciencia de país valoran que o BNG teña representación e voz en Madrid.

Mais unha acción política que non procure ser útil á transformación da sociedade aquí e agora e que se conforme con ser só a conciencia crítica da sociedade e a súa vangarda estaría renunciando a unha das tarefas máis fermosas do exercicio da política, que é contribuír a modificar e mellorar as condicións de vida da xente e a situación política do país. Por iso é tamén moi importante que o nacionalismo galego acerte naquelas mensaxes que lle poden axudar a que cada vez sectores máis amplos da sociedade o vexan útil para conseguir o que esta demanda. Cómpre, pois, ir máis aló do ideario político e do discurso para persoas xa convencidas. Cada proceso electoral debe ser unha oportunidade para gañar máis apoios. E nese sentido creo que o BNG ten que pensar que o seu campo electoral poderá ser tan grande como grande sexa a circunferencia do seu discurso. Non abonda con falar só para as persoas que temos conciencia nacional nin sequera para aquelas que sen unha clara conciencia de país valoran que o BNG teña representación e voz en Madrid. Trátase de atopar os temas e as palabras que expliquen a utilidade do voto ao Bloque Nacionalista Galego para a defensa do noso país e para influír nas decisións que se toman en Madrid e que afectan á industria, ao campo, á pesca, ao benestar social, aos concellos, ás infraestruturas viarias, á nosa capacidade de autogoberno, etc.. Trátase, en definitiva, de que milleiros e milleiros de persoas, nacionalistas e non nacionalistas, vexan que os votos do BNG sempre serán útiles para garantir un goberno de carácter progresista e ao mesmo tempo para condicionar ese apoio a medidas concretas e necesarias para Galiza, que só o nacionalismo galego está en condicións de negociar e esixir en Madrid.

Desde 1977 até hoxe se algo deberiamos ter aprendido é que as deputadas e deputados dos partidos estatais que representaron Galiza no Congreso xamais tiveron a coraxe política de votar en contra do que lles indicaban os seus líderes españois

O peso político que Galiza necesita non se mide en deputados e deputadas que se deben ás diretrices políticas das sedes madrileñas dos partidos estatais. En todo o que vai de democracia desde 1977 até hoxe se algo deberiamos ter aprendido é que as deputadas e deputados dos partidos estatais que representaron a Galiza no Congreso ao longo de todo este tempo endexamais tiveron a coraxe política de votar en contra do que lles indicaban os seus líderes españois, por moi prexudicial que fose o que había que votar para o noso país e por moi contraditorio que resultase co que as mesmas siglas partidarias defendían aquí, incluso no Parlamento galego. Poderiamos pór ducias de exemplos: o veto á construción naval civil na antiga Astano, a transferencia de competencias, a transferencia da autoestrada á Xunta, etc. En diversas ocasións proposicións non de lei aprobadas por unanimidade na Cámara galega logo non eran respaldadas polos mesmos partidos políticos en Madrid. Naturalmente, o nacionalismo galego non ten nin tivo nunca ese dobre discurso. O que defende aquí tamén o defende en Madrid.

Nun escenario do Congreso sen maioría absoluta -como o que houbo estes anos e o que vai haber despois das próximas eleccións-, a representación do BNG nas Cortes será determinante para que o Goberno español teña que buscar alternativas de presente e de futuro para toda a comarca de Ferrol e das Pontes, por exemplo. Porque un, dous ou tres votos do BNG nas Cortes representarán o auténtico peso político de Galiza nese marco parlamentario. Os deputados galegos do PP non negociarán nunca nada en nome dos intereses do noso país, porque só estarán alí para servir á estratexia de confrontación política de Pablo Casado. O mesmo hai que esperar das persoas que saian nas listas do PSOE ou de Unidas Podemos: sempre o que diga Madrid, o que diga Pedro Sánchez ou Pablo Iglesias. Só o BNG está en condicións de defender o que precisamos como país, de colocar no debate político español os graves problemas de Galiza, de negociar o que é irrenunciábel para os intereses da sociedade galega. Francisco Rodríguez, primeiro, e Francisco Jorquera, despois, xa o demostraron cos gobernos de Zapatero. Permitídeme que lembre, a maneira de exemplo, que na negociación do Orzamento do Estado para o 2009 o BNG negociou e conseguiu para Galiza o investimento máis alto da súa historia, máis de 2000 millóns de euros, 125 deses millóns negociados por Jorquera un cuarto de hora antes de rematar o prazo para a presentación de emendas. Coñece alguén un deputado ou unha deputada do PP, do PSOE ou de Unidas Podemos que se poida presentar diante dos galegos e das galegas e dicir que fixo algo parecido ao que fixo o BNG no Congreso? Incluso o esforzo por esclarecer as responsabilidades políticas pola traxedia de Angrois non se iniciaría en Madrid se nese momento non tivésemos alí unha muller como Rosana Pérez Fernández nin tampouco se reabriría ese debate no Parlamento europeo se Ana Miranda non o trasladase a Europa. Os familiares das vítimas do Alvia e as persoas que felizmente salvaron a vida naquel accidente saben ben o que vale ter voces nas institucións como a de Rosana Pérez e a de Ana Miranda.

Velaquí a dupla utilidade do apoio ás candidaturas do BNG: garantir a presenza política de Galiza como nación no Congreso, con voz propia, e condicionar as actuacións do Goberno español a respecto do noso país. Este é o peso político que Galiza precisa.

Comentarios