Opinión

Por un país con historia propia

Na historia do galeguismo e do nacionalismo galego nunca houbo un único proxecto de país. En cada época, en cada xeración, en cada grupo ideolóxico, en cada sector social, dialogaron, conviviron coas súas contradicións ou viviron en conflito diversas ideas sobre o que tiña que ser a Galiza do futuro e sobre a estratexia política, cultural e social que había que seguir para acadar un país diferente. Así, por exemplo, dentro do Partido Galeguista, a Galiza que soñaba Castelao, Bóveda, Víctor Casas ou Ramón Suárez Picallo non era a Galiza que soñaban Vicente Risco, Filgueira Valverde, Florentino López Cuevillas ou don Ramón Otero Pedrayo. Mais uns e outros tiñan a Galiza no centro das súas preocupacións, con máis ou menos paixón política. Galiza como tarefa, en feliz expresión de don Valentín Paz Andrade. E foi con esa mentalidade de país, cunha mentalidade galeguista certamente plural e poliédrica, como naceron no seu día as Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos, a Editorial Nós, a revista Nós ou o Partido Galeguista: pensando e repensando Galiza, imaxinando e soñando o país, e sempre, sempre, coa vontade de construír unha historia propia. E tamén, claro que si, cunha irmandade moi fonda entre todas aquelas persoas, unha irmandade que nun determinado momento fai posíbel o reencontro das persoas que crearan ORGA cos irmáns que fundaran o PG, unha irmandade, lembrémolo, que funde de novo nunha aperta a Antón Vilar Ponte e a Castelao ou que leva a Alexandre Bóveda a reclamar publicamente un trato respectuoso para o irmán Filgueira Valverde cando este impulsa a creación da Dereita Galeguista. Velaí o espello no que nos deberiamos mirar para construír nesta circunstancia histórica outro presente e outro futuro para a nación galega e para as xeracións que han de vir.

Calquera persoa que lle queira a este país, que fale e reivindique a nosa lingua, que teña curiosidade intelectual polo noso pasado histórico e pola nosa cultura e que viva con verdadeira preocupación o presente e o futuro de Galiza como pobo, como país ou como nación, calquera persoa con esta sensibilidade humana, cultural e política é unha persoa que pode axudar a construír un país diferente, desde o compromiso individual ou colectivo. Deixémonos de erguer valados de resentimento ou de odio entre nós. Non lle neguemos nunca o diálogo, o noso afecto e a nosa man tendida a quen desexe colaborar na galeguización da nosa sociedade  e na defensa activa e firme do país. Calquera discrepancia política ou ideolóxica, mesmo a discrepancia máis profunda, debemos aprender a formulala desde o respecto, a cordialidade e a beleza da palabra. Galiza necesita xente que a leve no corazón e que teña vontade de construír desde un verdadeiro sentimento de irmandade un pobo con historia propia. O futuro político desta nosa nación depende en boa parte de que sexamos capaces de entendermos que Galiza é un proxecto común que precisa de todas as persoas que teñan unha idea clara e rotunda de país.

Na historia política de Galiza, ao longo do século XX e tamén no que vai deste século, moitas veces, demasiadas veces talvez, puxemos máis enerxías en combatirnos entre nós que en buscarmos un proxecto común para o país

Teño a sensación de que na historia política de Galiza, ao longo do século XX e tamén no que vai deste século, moitas veces, demasiadas veces talvez, puxemos máis enerxías en combatirnos entre nós que en buscarmos un proxecto común para o país. E o resultado deste proceso autodestrutivo foi sempre un paso atrás na confianza na nosa propia forza como pobo. Nunca alcanzarei a comprender como dinamitando o proceso de construción de Galiza como nación a través de forzas políticas propias, autenticamente soberanas, co centro de decisión aquí, seremos quen algunha vez de facer posíbel unha Galiza de seu. Cada vez que na nosa historia política algún grupo procedente do campo nacionalista se suma ás dinámicas políticas que se impulsan e se alimentan desde Madrid, o proxecto  de país retrocede, perde parte do seu enorme potencial, mesmo credibilidade diante da nosa sociedade, por moito apoio electoral que nun determinado momento acaden alternativas políticas que actúan da man de forzas estatais, porque ao final non é a confianza na nosa propia forza como pobo o que triunfa, senón a adhesión e a subordinación ás dinámicas que veñen de fóra e que sempre nos contemplan como un simple apéndice da política española. Alguén pode dicir que hoxe hai un proxecto de país organicamente máis cohesionado, máis vizoso e socialmente máis amplo que na década dos noventa? Estamos a avanzar ou a retroceder como país con historia política propia? Estamos hoxe en mellores condicións para construírmos unha Galiza diferente? Son preguntas para reflexionarmos.

Comentarios