Opinión

Onde coloca a esquerda rupturista o dereito a decidir, a soberanía política, o estado propio?

Non serei eu quen negue a Anova, a Esquerda Unida, a Izquierda Unida e ao conxunto da Izquierda Plural a vontade de construír unha nova Europa a partir da ruptura co actual modelo da Unión Europea. Non teño tampouco a menor dúbida de que a todas esas organizacións políticas as une a loita contra o deseño antisocial da UE, contra o gran capital e contra a Troika. 

Non serei eu quen negue a Anova, a Esquerda Unida, a Izquierda Unida e ao conxunto da Izquierda Plural a vontade de construír unha nova Europa a partir da ruptura co actual modelo da Unión Europea. Non teño tampouco a menor dúbida de que a todas esas organizacións políticas as une a loita contra o deseño antisocial da UE, contra o gran capital e contra a Troika. O que xa non vexo por ningures en AGE e en Izquierda Unida é o compromiso nítido co dereito a decidir, coa soberanía política das nacións sen estado, co proxecto dunha Galiza con capacidade plena para negociar directamente na Unión Europea sobre os sectores produtivos da economía galega. Isto imaxino que pode ser por dúas razóns: ou ben porque non se considera imprescindíbel a loita contra a concentración do poder político para levar a cabo a loita contra a concentración do poder económico -o que para moitos e moitas de nós é unha falta total de lucidez política-, ou ben porque hai unha renuncia real na práctica a defender con claridade e firmeza unha Galiza de seu, unha Galiza con soberanía política, mesmo con Estado propio -que no caso dunha organización como Anova non deixa de ser unha fuga cara a posicións históricas da esquerda española. 

"O que xa non vexo por ningures en AGE e en Izquierda Unida é o compromiso nítido co dereito a decidir, coa soberanía política das nacións sen estado, co proxecto dunha Galiza con capacidade plena para negociar directamente na Unión Europea"

Foi talvez Camilo Nogueira, nun dos seus libros (Galiza na Unión. A porta atlántica, 2008), o que mellor nos explicou a oportunidade histórica que perdeu Galiza por non poder tomar por si mesma a decisión sobre a súa integración na Comunidade Europea, como si o poideron facer Irlanda, Dinamarca, Portugal ou Noruega. Se naquel momento Galiza fose un Estado, cun goberno galego con mentalidade de país soberano, exercería con firmeza a defensa dos seus sectores produtivos estratéxicos, negociaría directamente coa CE, estaría presente no Consello de Ministros, como calquera outro Estado e cos mesmos dereitos, e situaría, ademais, nun primeiro plano a relación con Portugal, co que iso significaría económica e culturalmente para os dous países, para toda a franxa atlántica. Esa é a importancia de ter ou non ter capacidade para negociar como nación galega con Estado propio, a importancia de estar na Unión Europea como unha nación con Estado de seu ou como un territorio máis do Estado español, a importancia que ten, en definitiva, para calquera pobo do planeta posuír soberanía política, ser dono do dereito a decidir sobre a súa economía e sobre o seu futuro, en Europa, en África ou en Latinoamérica. E iso, hoxe, segue a ser unha necesidade para existirmos como país e como sociedade viva, para non desaparecermos como nación. E como tamén moi ben explica Xavier Vence no seu último libro (Crise e fracaso da Unión Europea neoliberal. Unha alternativa soberanista e democrática, 2013), “Cada país, cada nación, que rompera co modelo da Europa neoliberal introduciría unha grande inestabilidade no conxunto que axudaría -ou acabaría obrigando- a unha reconsideración do modelo actual”. Esa é, con toda seguridade, a única maneira de podermos modificar desde a periferia o actual edificio da Unión Europea: impulsando desde cada sociedade concreta, desde cada pobo, a creación de novas nacións soberanas no seo de Europa, desde a autoorganización, desde o fortalecemento do nacionalismo, desde o corpo social de cada nación. Pensar que 5, 6 ou 7 eurodeputados e eurodeputadas de Izquierda Plural significan algo para o cambio de modelo do Estado español e da Unión Europea, sinceramente -e sen ánimo de ofender a ninguén-, é algo que produce risa. Os cambios profundos na actual Unión Europea terán que vir necesariamente desde abaixo, desde o proceso de emancipación nacional dos pobos, que é o que finalmente pode cambalear a estrutura do edificio. Catalunya está aí, e Galiza, polo que do BNG depende, non vai renunciar tampouco a estar nese proceso.

"Os cambios profundos na actual Unión Europea terán que vir necesariamente desde abaixo, desde o proceso de emancipación nacional dos pobos, que é o que finalmente pode cambalear o estrutura do edificio".

Nesta hora de duro combate contra a Troika e contra o capital financeiro somos moitas as persoas con militancia no nacionalismo galego que nos facemos, en ton cordial e mesmo fraternal, as seguintes preguntas: onde coloca a esquerda rupturista e federal -que mágoa que non o fose tamén en 1976-77, verdade?- a loita contra a dependencia e a subordinación do noso país ao Estado español, a loita por unha Galiza soberana? Onde coloca a Alternativa Galega de Esquerdas e Izquierda Unida o dereito a decidir da nosa nación, a soberanía política, o Estado propio, o proceso de creación de novos estados no seo da Unión Europea? Está este debate na súa axenda política? Forma parte das súas prioridades? Cayo Lara ten esa reivindicación histórica do nacionalismo periférico no seu discurso e nos seus obxectivos políticos como principal dirixente da Izquierda Plural? Os eurodiputados e as eurodeputadas de Izquierda Plural van defender no Parlamento Europeo o recoñecemento político de Galiza como nación, a xestión directa por Galiza de todos os Fondos Europeos aos que teña dereito e a presenza do Goberno galego na delegación estatal nos Consellos de Ministros sempre que se aborden temas vitais para o noso país, como a pesca, o sector agro-gandeiro ou o sector naval? Que é realmente Galiza para Cayo Lara, unha nación con dereito a estar e exercer como nación libre en Europa ou unha parte máis dun país que se chama España? En definitiva, onde coloca AGE e Izquierda Unida o proxecto da nación galega con Estado de seu? Non pregunto máis. Por favor, se alguén me pode contestar, agradézollo.

Comentarios