Opinión

A nación que soñamos: de Manuel Murguía a nós

Toda a biografía intelectual e política de Manuel Murguía responde a unha profunda paixón por Galiza, a un compromiso permanente co seu país, á idea de construír unha nación. Galiza como preocupación, como tarefa, como proxecto de futuro, como soño necesario e posíbel. Hai un feito histórico que marcará para sempre a vida toda de Murguía: cando as tropas de Solís, tras a batalla de Cacheiras, se retiran polas rúas de Compostela cara a San Martiño Pinario, o portal da casa e a botica do pai de Murguía convértense de súpeto nun improvisado hospital para socorrer a un daqueles mozos rebeldes que acaba de ser ferido de morte.

Toda a biografía intelectual e política de Manuel Murguía responde a unha profunda paixón por Galiza, a un compromiso permanente co seu país, á idea de construír unha nación. Galiza como preocupación, como tarefa, como proxecto de futuro, como soño necesario e posíbel. Hai un feito histórico que marcará para sempre a vida toda de Murguía: cando as tropas de Solís, tras a batalla de Cacheiras, se retiran polas rúas de Compostela cara a San Martiño Pinario, o portal da casa e a botica do pai de Murguía convértense de súpeto nun improvisado hospital para socorrer a un daqueles mozos rebeldes que acaba de ser ferido de morte. Desde ese mesmo momento, desde os seus aínda non cumpridos 13 anos, Manuel Murguía xa non deixará nunca de ter a Galiza no seu corazón e na súa cabeza. Até a súa morte.

"Desde os seus aínda non cumpridos 13 anos, Manuel Murguía xa non deixará nunca de ter a Galiza no seu corazón e na súa cabeza. Até a súa morte".

O fracaso do levantamento galego de 1846 moi pronto leva a Manuel Murguía a ser consciente da necesidade de crear memoria histórica, de promover conciencia de nación, de construír un discurso galeguista, de restaurar a lingua e a cultura propia, de mobilizar a sociedade galega desde unha idea firme de país con dereitos políticos que reivindicar. Efectivamente, todo o que fai Murguía ao longo da súa vida obedece a este pensamento patriótico. Para Manuel Murguía o problema de Galiza é na súa raíz un problema de falta de memoria histórica e de conciencia de nación. Por iso se pon a traballar desde moi mozo na recuperación da identidade galega e na construción dunha ideoloxía que asuma e defenda o país, desde La primera luz. Libro de lectura para uso de las Escuelas de primeras letras en Galicia, que sae do prelo en 1859, até o último e incompleto tomo quinto da Historia de Galicia, publicado en 1913. El será, certamente, o verdadeiro creador da historia nacional galega e o primeiro grande teórico do nacionalismo galego. En realidade é a única personalidade que antes das Irmandades da Fala afirma conceptualmente que Galiza é unha nación.

Cómpre que regresemos a Murguía para vermos, máis unha vez, o que un home ou unha muller pode facer pola súa terra se de verdade Galiza forma parte do seu proxecto vital. O labor de Manuel Murguía foi fundamental para impulsar e apoiar todo o que polo noso país se fixo no seu tempo, que, por certo, cubre un longo período histórico, e a súa obra foi tamén imprescindíbel para asentar as bases do que logo protagonizaron outras xeracións: as Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos, o nacionalismo do Partido Galeguista… Cómpre regresarmos a Manuel Murguía, a Rosalía, aos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, a Castelao, a Bóveda, a Otero, a Carvalho Calero… É preciso ver como a acción política a prol de Galiza necesitou sempre do traballo intelectual e da divulgación cultural, necesitouno para avanzarmos na sociedade con paso firme coas nosas ideas, para soñarmos o que é posíbel se nosoutras e nosoutros queremos, para non sermos nunca fráxiles na defensa dun outro porvir para a nosa lingua e para a nación de nós, para non sentírmonos endexamais sen alento ou derrotados.

"Para Manuel Murguía o problema de Galiza é na súa raíz un problema de falta de memoria histórica e de conciencia de nación"

Teño a impresión persoal de que o tempo que dedicamos a reunións, manifestacións, concentracións e redes sociais non vai acompañado do necesario esforzo por pensarmos intelectualmente o país. Teño a idea de que o soberanismo que hoxe abrazamos con tanto entusiasmo necesita igualmente dun labor teórico e pedagóxico que está en boa parte por facer. Teño a certeza de que se queremos avanzar na introdución social do movemento pola soberanía política de Galiza, alguén terá, máis cedo que tarde, que darlle corpo teórico a ese proxecto de nación desde a perspectiva actual, desde a situación na que estamos, con vontade didáctica, esforzándose en lograr unha claridade discursiva que faga que o texto resulte comprensíbel para calquera persoa con curiosidade por Galiza e con preocupación polos nosos problemas e polo noso futuro colectivo. Creo, sinceramente, que ese labor está aínda por facer, a pesar dalgunhas moi valiosas aproximacións que forman parte xa da bibliografía galega. 

Somos unha nación, evidentemente, e precisamos a soberanía política, claro que si. Mais é imprescindíbel afirmar e socializar ese pensamento político, e para avanzarmos nesa dirección témolo que facer tamén intelectualmente, acompañando o paso da mobilización social, ou mesmo abrindo o camiño á mobilización social. Foi sempre así, desde Manuel Murguía.

Comentarios