Opinión

Os Masides en Compostela. Colmeiro na Coruña


Neste momento hai en Galiza tres exposicións temporais verdadeiramente magníficas, que ningunha persoa cunha mínima sensibilidade polas artes debería deixar de contemplar se vive en Compostela ou na Coruña ou se ten a ocasión de visitar estas dúas nosas cidades.


Neste momento hai en Galiza tres exposicións temporais verdadeiramente magníficas, que ningunha persoa cunha mínima sensibilidade polas artes debería deixar de contemplar se vive en Compostela ou na Coruña ou se ten a ocasión de visitar estas dúas nosas cidades. Unha igrexa, unha catedral, un castelo, un palacio ou un museo, unha cidade ou un país, unha paisaxe próxima ou lonxana, pódese visitar un ano ou outro. Unha exposición temporal, non. E é imperdoábel que ás veces non atopemos un día e unha hora durante tres ou catro meses para ver  unha mostra que seguramente nos ofrece o máis representativo da obra artística dun pintor e na que case sempre teremos o inmenso pracer de descubrir cadros que están en museos que nós non coñecemos e mesmo valiosas pinturas pertencentes a importantes coleccións privadas. Realmente non sabemos o que nos perdemos cada vez que deixamos de ir a unha exposición temporal. 

"Se fósemos un país normal, que valorase e amase o propio, habería ringleiras de xente para ver as exposicións  dos Masides en Compostela e a de Colmeiro na Coruña"

Se fósemos un país normal, que valorase e amase o propio, habería ringleiras de xente para ver as exposicións  dos Masides en Compostela (Carlos Maside no Centro Cultural Afundación, na rúa do Vilar, e Xulio Maside no Auditorio de Galiza) e a de Colmeiro na Coruña (Museo de Belas Artes). E entristécenos enormemente que iso non sexa así, porque  estamos diante de tres grandes pintores galegos que xa quixeran para si outras culturas e outros países. No caso de Colmeiro, ademais, creo que na cidade d´A Coruña non se organizaba unha mostra da súa obra desde os anos trinta do século pasado. Mais non queremos falar aquí da importancia das exposicións de Carlos Maside, Xulio Maside e Manuel Colmeiro nin tampouco da indiferenza da cidadanía galega perante estes acontecementos culturais. Do que si queremos falar é do que terían que facer e non fan as administracións e os medios de comunicación para socializar a relevancia destas tres exposicións. 

Dá a impresión de que este tipo de eventos culturais só se organizan para cubrir o expediente, non para achegar a Arte ao público, que debería ser a principal finalidade. Eu pregúntome, por exemplo, que é o que realmente se fai para que calquera persoa sinta o desexo de ver a obra de Manuel Colmeiro no Museo de Belas Artes da Coruña? Incluso dentro da propia cidade da Coruña, que é o que se fai cos centros docentes para que as rapazas e os rapaces se aproximen a esta grande figura a través da obra aí exposta?  Por non haber non hai nin publicidade desta exposición nos espazos públicos reservados na entrada da cidade para dar a coñecer calquera tipo de evento cultural. Isto é inimaxinábel en Madrid cada vez que alí se monta unha exposición, ben sexa sobre Tintoretto, Rafael, Matisse, Gauguin, Goya, Dalí ou o Greco. No caso da exposición de Colmeiro nin sequera fixeron un tríptico para distribuír ás persoas que visiten o Museo. A feira taurina que se organiza na Coruña ten infinitamente máis apoio publicitario que unha exposición de Manuel Colmeiro no Museo de Belas Artes, que é o maior acontecemento artístico do ano na cidade da Coruña. É difícil imaxinar un maior desprezo pola cultura galega desde as propias institucións do país.

" Xa quixeramos nós que polos Cantóns da Coruña adiante estivese anunciada a exposición de Colmeiro como estaba a pintura victoriana polo Paseo do Prado"

Cada vez que se organiza en Madrid unha exposición temporal  no Museo do Prado, no Tyssen, no Reina Sofía ou en Caixa Forum non se aforran medios para publicitar esas mostras en toda a xeografía do Estado español, e non só en todos os medios de comunicación, senón tamén na rúa. O pasado verán estivemos máis unha vez en Madrid para ver varias exposicións e todo o Paseo do Prado estaba cheo de bandeirolas anunciando a mostra de Alma-Tadema e da pintura victoriana no Tyssen. Xa quixeramos nós que polos Cantóns da Coruña adiante estivese anunciada a exposición de Colmeiro como estaba a pintura victoriana polo Paseo do Prado, ou xa quixeramos que nas entradas da cidade de Compostela se anunciasen as exposicións de Carlos Maside e de Xulio Maside igual que se anuncian as rebaixas do Corte Inglés. Así é imposíbel non xa que haxa ringleiras de persoas para ver a obra destes nosos grandes mestres da pintura galega, senón que haxa alguén a calquera hora do día e calquera día da semana visitando esas exposicións. 

Teño que dicilo: detesto profundamente os actos de inauguración das exposicións, porque normalmente están cheos de autoridades que desprezan a cultura, que len discursos que outros escriben, que falan do que non coñecen nin aman e que nin sequera volven outro día para contemplar sen focos a obra alí exposta, para marabillarse ou emocionarse con algún cadro da exposición. Así de claro o digo: debería estar prohibida a presenza das autoridades nas inauguracións das exposicións. Por respecto á Arte.

Comentarios