Opinión

Hai erros políticos que pesan como unha lousa 

Xa sei que máis dunha persoa dirá a que vén agora un artigo sobre o goberno bipartito da Xunta de Galiza. E quen así pense está no seu dereito, naturalmente, igual que outros e outras a pensarmos que é un enorme erro político que aínda hoxe, tantos anos despois daquela experiencia de goberno, o nacionalismo galego non fixera balance dese período, sen dúbida o máis importante de toda a historia da autonomía galega, onde un bo número de compañeiras e compañeiros puxeron toda a súa lucidez, a súa ilusión e a súa entrega ao servizo da idea máis fermosa que podemos ter como persoas comprometidas con este país: construír desde o Goberno galego un futuro distinto para a nosa nación, xusto o que soñaron outras moitas xeracións de galeguistas e nacionalistas moito antes, sen ter nunca a posibilidade de alcanzar esa responsabilidade política, nin nos anos trinta nin nas primeiras décadas do actual réxime autonómico. É difícil de entender que se fixeran grandes esforzos na investigación histórica para iluminar o que sucedeu en Galiza hai mil ou dous mil anos e, pola contra, non teñamos esa mesma preocupación por coñececermos con rigor, sen prexuízos e sen animadversión contra esta ou aquela persoa do bipartito o cambio político que se puxo en marcha no noso país entre 2005 e 2009 e que, como tantas veces sucede, non tivo finalmente o tempo necesario para levar a cabo todo o que naquela acción de goberno había de proxecto transformador. Carlos Mella tería aquí outro capítulo moi interesante para engadir ao seu magnífico libro A Galicia posible, que é tamén o relato dunha frustración. Do que eu sei só se fixo unha tese de doutoramento sobre a derrota daquel goberno, a que elaborou Paulo Carlos López. Tamén no libro de conversas de Xan Carballa con Xavier Vence hai páxinas moi clarificadoras e moi ponderadas sobre esta etapa política, que eu subscribo enteiramente. O que ignoro é se alguén fixo un balance exhaustivo, área por área. Eu pouco máis coñezo que un breve artigo de Xusto Beramendi (“Un balance do Bipartito”), publicado en Inzar Razóns en xullo de 2009.

No imaxinario colectivo da sociedade galega, o bipartito é o que o PP quixo que fora

Non, non é esta unha reflexión extemporánea, porque para o PP a etapa do goberno bipartito segue viva como arma política case oito anos despois das eleccións autonómicas de 2009. E ademais, no imaxinario colectivo da sociedade galega, o bipartito é o que o PP quixo que fora. O único relato que realmente se socializou durante todos estes anos, día tras día, a respecto daquel goberno da Xunta, escribiuno o PP. As forzas integrantes daquel executivo galego e daquela maioría parlamentaria non foron quen de pór en valor socialmente, con luces e con sombras, o proxecto de país que había no seo daquel goberno. Ou mellor dito, nin uns nin outros tivemos a vontade política de reivindicar ese período da historia contemporánea de Galiza, de asumilo como propio e de defendelo, autocriticamente, pero coa cabeza moi alta, destacando todo o que con coraxe e con máis ou menos acerto se puxo en marcha en apenas tres anos e medio, un tempo certamente demasiado breve para construír o país que Fraga levaba 15 anos destruíndo. Creo que ese foi un erro político moi grave que cometeron o BNG e o PSOE nos últimos anos. O noso silencio fronte ás mentiras e á durísima campaña de desprestixio que puxo en marcha o PP -co apoio dos poderes fácticos, naturalmente- foi o mellor agasallo que lle puidemos facer a Feixóo, primeiro para recuperar a Xunta naqueles últimos meses e despois para manterse no poder unha e outra vez. O bipartito acabou sendo un problema político para o nacionalismo galego non tanto polos erros ou polo que non se fixo desde a Xunta de Galiza, senón porque despois do fracaso electoral de 2009 cometemos a torpeza política de non reivindicarmos o mellor daquela acción de goberno e de non combatirmos o discurso do PP. Esta é, por suposto, a miña opinión persoal.

Despois do fracaso electoral de 2009 cometemos a torpeza política de non reivindicarmos o mellor daquela acción de goberno e de non combatirmos o discurso do PP

Claro que durante o goberno bipartito, e tamén inmediatamente despois, non faltaron desde fóra do goberno, pero desde dentro da organización nacionalista, receos e actitudes dunha enorme falta de intelixencia política por parte de moitas persoas do BNG, algunhas delas moi relevantes, que se sumaron moi alegremente á desafección e á confrontación social co bipartito, coa súa correspondente manifestación polas rúas de Compostela baixo o lema “Galiza non se vende”, ignorando que calquera combate social contra o bipartito podía significar o regreso do PP, como así foi. Ao fin e ao cabo, non o esquezamos, Fraga perdera as eleccións por un só escano. E non só iso. Con aqueles resultados electorais que nos deixaron fóra da Xunta o que fixeron algúns sectores desde dentro do BNG e do PSOE foi un axuste de contas con Anxo Quintana e con Emilio Pérez Touriño e cos que os apoiaban, reabrindo de inmediato o debate intestino. Lembremos que o Encontro Irmandiño, con Xosé Manuel Beiras á cabeza, tardou só horas en dar unha rolda de prensa para pedir a dimisión da Executiva Nacional do BNG. E Mar Barcón, na primeira reunión postelectoral que tivo o PSOE, xa solicitou a dimisión de Pérez Touriño. A iso hai que engadirlle que un Anxo Quintana moi destruído pola campaña electoral no plano persoal e político, e posibelmente tamén necesitado de máis apoio interno nun momento tan delicado, non foi quen de resistir como líder aquel linchamento político e optou por presentar a súa dimisión e a de toda a Executiva Nacional do BNG de forma precipitada e inesperada, sen un debate previo sereno e profundo no Consello Nacional. Aquel paso -que nós podemos comprender perfectamente desde un punto de vista humano, desde o estado anímico que produce unha derrota e unha cacería tan inxusta como aquela- creo que foi igualmente outro erro político que lle brindamos como trofeo de caza ao Partido Popular. Aínda teño na memoria as intervencións dos conselleiros Alfredo Suárez Canal e Fernando Blanco naquela reunión do Consello Nacional, moi contrariados os dous coa decisión que se acababa de anunciar aos medios.

Con aqueles resultados electorais que nos deixaron fóra da Xunta o que fixeron algúns sectores desde dentro do BNG e do PSOE foi un axuste de contas con Anxo Quintana e con Emilio Pérez Touriño

Non é que non fora necesario o debate, mesmo o cambio de rumbo en certas cuestións. Claro que si. Debate todo o que for preciso, e corrección de erros na relación do goberno coa organización e coa nosa base social, imprescindíbel. Todo menos descabezar a dirección da organización e renunciarmos a defender con firmeza unha acción de goberno que se estivera a facer desde a Xunta de Galiza para sentar as bases dun país diferente, contra a resistencia do PP, dos poderes fácticos e mesmo co boicot do PSOE desde o seo do executivo no tema do naval, na área de benestar ou no eólico. A militancia e a base social do BNG quedou á intemperie fronte ao discurso que desde ese momento pon en marcha o PP sobre o que fixera o goberno bipartito e fronte á política de demolición dos pasos que se deran desde Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e desde as Consellarías de Innovación e Industria, Vivenda, Cultura e Deporte e Medio Rural. A decisión, de carácter formal ou non, foi pasar páxina, esquecernos do bipartito, como se non tiveramos nada do que estar satisfeitos ou nos faltara valentía política para defendermos aquel goberno. Nesa liña hai que interpretar a literatura do relatorio da Asemblea de Amio ou mesmo o silencio de Anxo Quintana durante meses e meses sobre o que sucedera naquela reunión na Coruña onde un “prócer herculino” o presiona para cambiar o concurso eólico, indicándolle que “un enfermero de Allariz no puede venir a cambiar el marco económico de Galicia”. A resposta de Anxo Quintana, a súa firmeza política naquel contexto, aquel golpe contra as decisións do goberno do país elexido democraticamente, tiña que ser coñecido por toda a base social do bipartito e pola opinión pública no seu conxunto xusto naquel momento, porque seguramente con esa información, con eses datos, aquela cacería contra Quintana tería unha explicación doadamente comprensíbel para calquera persoa, e a reacción social e electoral podería ser outra. Ás veces hai actitudes que son máis revolucionarias que as ideas máis radicais que se escriben nos documentos, e o pulso que lle botaron Anxo Quintana e Fernando Blanco aos poderes económicos, empresariais e mediáticos para aprobar o concurso eólico con criterios de país foi para min a posición máis radical que houbo naquel goberno e na historia máis recente de Galiza. 

Ás veces hai actitudes que son máis revolucionarias que as ideas máis radicais que se escriben nos documentos

Todos nos equivocamos. E eu tamén, a outro nivel, claro, como simple militante de base, primeiro por non apoiar unha emenda de Xavier Vence en Amio na que solicitaba a elaboración dun balance sobre o bipartito e despois por non escribir este artigo hai sete ou oito anos. En certa maneira este texto é unha débeda que eu tiña con todas as persoas que traballaron arreo naquel goberno bipartito e tamén unha débeda coa miña propia conciencia, co meu pensamento sobre aquela breve etapa política, tan actual e tan ignorada.

Comentarios