Opinión

O goberno do país como prioridade política

Á altura de 1976, na primeira etapa da Transición, mentres o PCG e a Táboa Democrática de Galicia estaban a defender o estabelecemento dun goberno autónomo baseado nos principios e institucións do Estatuto de Autonomía do 36, as organizacións nacionalistas galegas no seu conxunto, agrupadas no Consello de Forzas Políticas Galegas, foron quen de dotarse dun programa de goberno para a nación, de carácter soberanista, pensado para o novo escenario político, que naquel momento o nacionalismo galego xa aspiraba a que se traducise nunha verdadeira ruptura democrática e non nunha simple reforma do réxime franquista. Ou dito doutro xeito, o nacionalismo galego dos anos setenta ten a vontade e a ambición política de superar o contido do Estatuto do 36, elaborando unha proposta xurídico-política e programática para unha Galiza soberana dentro dun Estado Federal. Foi concretamente Camilo Nogueira o que redactou as bases de carácter económico e social para un Programa de Goberno, ao que logo lle daría forma xurídica Vilas Nogueira, un traballo que despois de outras achegas deu lugar ás Bases Constitucionais e ao Proxecto de medidas económicas para un Programa de Goberno Galego. Eran días de ilusión e de esperanza, nos que un dos nosos grandes poetas nos escribía, aínda en maio do 77, palabras tan luminosas como “en vísperas dun tempo novo e unha patria liberada”.

Aquelas Bases Constitucionais son a mellor proba da capacidade intelectual e do sentido de responsabilidade que posuía o nacionalismo galego naquela circunstancia histórica para imaxinar e concretar unha Galiza diferente ao remate da ditadura. Ignoro se o nacionalismo vasco e catalán tiñan neses anos unha proposta programática e xurídico-política semellante, pero nese sentido penso que nada temos que envexar a Euskadi e a Catalunya. Realmente tiñamos os deberes feitos para gobernar o país desde unha óptica dunha Galiza soberana. Sabiamos o que queriamos e como había que construír o edificio, tanto no plano competencial como nas medidas económicas e sociais que o país precisaba. Mais, despois do 78, aquela alternativa tan ben pensada e construída quedou finalmente varada como un barco no areal e sen augas que navegar. E fomos quedando sós, o barco e nós, e nós aí, defendendo o noso barco, e o mar cada vez máis lonxe, do barco e de nós. Desa maneira, o sector máis e mellor organizado do nacionalismo galego, e tamén o máis enraizado socialmente, acabou por ficar fóra do xogo institucional, ao rexeitar calquera tipo de participación activa no proceso preautonómico e na negociación do Estatuto. Foi unha decisión radicalmente coherente coa defensa dos principios políticos do nacionalismo, profundamente honesta co país, e ademais moi dura e moi difícil de defender nun contexto tan adverso, no que día a día se consolidaba a reforma democrática con todo o aparato do Estado ao seu favor. A necesidade de marcar o territorio ideolóxico e o temor a ser devorados polo propio sistema e a perder a base social que estaba a medrar arredor de conflitos sociais como o d´As Encrobas, Xove ou Baldaio freou tamén seguramente unha posición máis favorábel do nacionalismo galego a participar no novo réxime que aí se iniciaba máis aló dos procesos electorais.

Contemplada agora esa estratexia coa perspectiva que nos dá o paso do tempo, invádenos a dúbida de se foi esa a opción politicamente máis intelixente para a defensa do país e mesmo para abrir un mapa político autonómico onde o nacionalismo galego xogase un papel máis determinante

Contemplada agora esa estratexia coa perspectiva que nos dá o paso do tempo, invádenos a dúbida de se foi esa a opción politicamente máis intelixente para a defensa do país e mesmo para abrir un mapa político autonómico onde o nacionalismo galego xogase un papel máis determinante no rumbo das institucións galegas que estaban a nacer. Desde logo en Euskadi e Catalunya, onde hai outra correlación de forzas e onde o nacionalismo e o independentismo teñen xa naquel momento un grande peso social e incluso unha moi notábel representación nas Cortes do Estado do 77, unha parte moi importante do nacionalismo vasco e catalán non desaproveita a oportunidade que lle brinda o novo escenario político, a pesar das cativas competencias para exercer o autogoberno, e tampouco podemos dicir que lles fora peor que nós como país ao longo das últimas catro décadas ou que hoxe esas outras dúas nacións están peor situadas que Galiza para aspirar a un estado de seu. Talvez a nós faltounos a madurez política, a flexibilidade ideolóxica e a capacidade táctica que si tiveron vascos e cataláns. Estou convencido de que entre os dirixentes do nacionalismo galego da Transición só Camilo Nogueira percibiu claramente o que tiña de positivo para o país ese outro camiño de máis realismo político, ou se se quer, de maior pragmatismo, que moi inxustamente foi calificado de autonomismo. Creo que hai análises sobre o noso máis recente pasado histórico que cómpre repensar e reescribir sen prexuízos e sen animadversión. E quen isto escribe nunca estivo precisamente nas posicións que daquela mantivo Camilo Nogueira. Dígoo agora, varias décadas despois, desde a reflexión persoal e desde unha visión desapaixonada. Simplemente porque considero que é de xustiza recoñecerlle a Camilo o seu enorme esforzo por situar o nacionalismo galego alí onde se ía decidir sobre o noso futuro como pobo.

Probabelmente o documento que formula o BNG a fins de 2005 para un Estatuto de Nación, con Anxo Quintana como vicepresidente da Xunta e como Voceiro Nacional da organización, é o paso máis importante que dá o BNG en toda a súa historia, desde 1982, para buscar un posíbel encaixe da súa alternativa política no actual marco xurídico-político, desde unha vontade de integrármonos na estrutura plurinacional do Estado español e partindo sempre da posibilidade dun acordo constitucional de interpretación dinámica e flexíbel. Penso que ese documento, á marxe da sorte que tivo nesa lexislatura e do que logo sucedeu co Estatut catalán, puido ser un magnífico instrumento de traballo para a concienciación social e para gañar a adhesión dunha ampla maioría social á demanda dun maior autogoberno para a nosa nación, e, por suposto, creo que foi un enorme erro borrar esa iniciativa da folla de ruta do BNG, porque desde as Bases Constitucionais xulgo que non tivemos outra proposta tan clara para vermos como podía articularse nas actuais coordenadas unha Galiza diferente, con máis capacidade para decidir sobre o seu presente e o seu futuro.

A chave está en procurarmos a unidade social arredor dunha alternativa de goberno para o país que implique un novo status institucional para Galiza, coa concepción de soberanía que contiñan as Bases Constitucionais e co realismo político que tiña a proposta do Estatuto de Nación

Na nosa opinión, neste momento político, a chave non está en renunciar a actuarmos como unha nación con forzas políticas propias ou a sumarnos entusiasticamente a conceptos como “confluencia” ou “unidade popular”. A chave está en procurarmos a unidade social arredor dunha alternativa de goberno para o país que implique un novo status institucional para Galiza, coa concepción de soberanía que contiñan as Bases Constitucionais e co realismo político que tiña a proposta do Estatuto de Nación. E, desde logo, esa iniciativa política, aquí e agora, só a pode impulsar e encabezar o nacionalismo galego, e Ana Pontón está a demostrar, ademais, que posúe perfil para ese ambicioso reto político. Subscribo integramente o relatorio da última Asemblea do BNG cando di que “Unha forza política non consegue adhesións só pola súa contundencia nas críticas e nas denuncias. Consegue adhesións tamén xerando ilusión, defendendo un proxecto de país que sexa percibido como viábel e dote a sociedade dun horizonte de futuro”. Ao meu ver, co Estatuto de Nación na man e cun Programa de goberno de medidas urxentes para a revitalización económica e social do país, con propostas claras e concretas, teriamos unha posibilidade real de cambio político a curto prazo, que abrise unha porta de esperanza para Galiza. En definitiva, unha liña de traballo co goberno do país como prioridade política.

Comentarios