venres 03/12/21

Galiza como ilusión e como tarefa

Termos autoestima como pobo, exercermos a nosa dignidade colectiva, defendermos o propio, restaurarmos a nosa lingua e a nosa cultura, sermos responsábeis do noso presente e do noso futuro, recuperarmos os sectores produtivos e estratéxicos da economía galega, frear a sangría humana dos últimos anos, en definitiva, deixarmos de ser un pobo prostrado fronte á metrópole, construírmos o país, sermos unha nación no mundo.

Termos autoestima como pobo, exercermos a nosa dignidade colectiva, defendermos o propio, restaurarmos a nosa lingua e a nosa cultura, sermos responsábeis do noso presente e do noso futuro, recuperarmos os sectores produtivos e estratéxicos da economía galega, frear a sangría humana dos últimos anos, en definitiva, deixarmos de ser un pobo prostrado fronte á metrópole, construírmos o país, sermos unha nación no mundo. Velaí o que sempre moveu historicamente ao nacionalismo galego, desde a primeira xeración galeguista. Velaí a nosa razón de ser, desde don Manuel Murguía. 

"Calquera estratexia electoral que deixe de ter a Galiza como razón principal conduce inevitabelmente a unha maior españolización da nosa sociedade e da política galega, ao debilitamento do nacionalismo galego, e o que é aínda máis grave, á nosa irrelevancia política como nación galega"

O nacionalismo galego actual non pode dar nin un paso atrás na defensa do país e no mantemento dunha dinámica política propia. Calquera estratexia electoral que deixe de ter a Galiza como razón principal conduce inevitabelmente a unha maior españolización da nosa sociedade e da política galega, ao debilitamento do nacionalismo galego, e o que é aínda máis grave, á nosa irrelevancia política como nación galega. Se desde unha óptica nacionalista ou galeguista non somos capaces de ver isto é que temos unha grande confusión mental. A outra explicación que se me ocorre é que teñamos decidido desertar da propia idea de Galiza como “célula de universalidade”, que sería igual que recoñercermos que erramos cando o nacionalismo galego creou o Partido Galeguista ou xa na posguerra organización políticas como o Consello da Mocedade, a UPG, o PSG, o BNG ou Esquerda Galega ou fórmulas como o Consello de Forzas Políticas Galegas.

Se algo temos que aprender do pasado é a sermos máis humildes e a colocar sempre o país por riba das biografías políticas, das necesidades organizativas e das diferenzas ideolóxicas. Se facemos o exercicio de mirar para atrás, seguramente foi un erro histórico que o BN-PG e Unidade Galega non fixesen unha coalición electoral en 1979, despois do naufraxio das primeiras eleccións e despois de coñecer o peso real que tiña o nacionalismo galego no conxunto da nosa sociedade. Estou tamén convencido de que foi outro erro político que o BNG e EG non concorresen nalgún momento nunha mesma fórmula electoral para as eleccións ao Parlamento español. Faltou posibelmente xenerosidade e madurez política nas dúas partes. O que desde logo nunca foi un erro foi traballar para dotar ao país de forzas políticas propias. Por iso hoxe nos produce unha enorme tristeza ver como hai quen pón o país ao servizo de dinámicas políticas alleas e de organizacións da metrópole como Podemos. Ese non pode ser o camiño para Galiza. Non será nunca o camiño para unha Galiza soberana. 

"Por iso hoxe nos produce unha enorme tristeza ver como hai quen pón o país ao servizo de dinámicas políticas alleas e de organizacións da metrópole como Podemos".

Botar ao PP das institucións e abrir un novo escenario político aquí e acolá é un obxectivo que o nacionalismo galego pode e debe compartir con outras moitas organizacións, nacionalistas e non nacionalistas, mais o nacionalismo galego, se de verdade quere exercer como verdadeira expresión política do país e ser útil á construción dunha nación libre, ao que endexamais debe renunciar é a traballar activamente para que amplos sectores da sociedade galega teñan o país, a súa situación, os seus problemas e o seu futuro, como centro das súas preocupacións políticas. Galiza como ilusión e como tarefa, sempre. Sei, sabemos todos e todas, que non é un esforzo doado, como tampouco o foi para as xeracións que nos precederon, pero non hai outra maneira de construír país. Ou o asumimos como ilusión e como tarefa ou renunciamos a que Galiza ocupe un lugar diferente no conxunto das nacións. Até agora o nacionalismo galego sempre optou polo primeiro.

Galiza como ilusión e como tarefa
comentarios