Opinión

A Galiza do futuro ten rostro de muller

O que queriamos e non foi xa non é. Deixémonos de lamentos, de narrar unha longa historia interminábel de decepcións, de escribir permanentemente no libro dos reproches, de mostrarmos de maneira incesante uns a outros as feridas aínda abertas. Nada é máis estéril que cultivar o resentimento! Temos un País por medio, como gusta de dicir Mini, e Mini sempre ten razón. Somos terra desta terra milenaria que medra e reverdece en nós e ten nome feminino. Temos dereito a soñarmos outro país, a construírmos entre todas e entre todos o tempo que ha de vir. Ou acaso non o necesitamos como persoas ó ver tantos patufos desleigados,/ pequenos mequetrefes sen raíces. Precisámolo tamén como pobo que vén de aló do fondo dos séculos e que non renuncia nin renunciará endexamais a mudar a súa historia. Deixemos de recitar cada día, como se dunha letanía se tratase, Era Galicia un home sen cabeza. É tempo de afirmarnos na confianza en nós e de dicir ben alto: aquí está a Galiza do futuro, o país que cómpre construír, o soño que queremos tocar coas mans, e ten rostro de muller.

Mais este momento histórico non é xa o de Camilo Nogueira, nin o de Beiras nin o de Francisco Rodríguez. Nin sequera seguramente o de Anxo Quintana ou Francisco Jorquera, se cadra a xeración menos aproveitada para o país

Subscribo unha por unha as palabras que pronunciou recentemente en Trasalba o escritor Suso de Toro: “Teño o orgullo de pertencer a un país que dá persoas tan valiosas como Camilo Nogueira Román, e a pena tamén de pertencer a un país que non foi capaz até agora de aproveitar as capacidades dos propios fillos que crea”. Mais este momento histórico non é xa o de Camilo Nogueira, nin o de Beiras nin o de Francisco Rodríguez. Nin sequera seguramente o de Anxo Quintana ou Francisco Jorquera, se cadra a xeración menos aproveitada para o país. Estamos na segunda década dun novo milenio e teño a certeza de que se está a comezar a escribir un novo ciclo na historia do nacionalismo galego, e agardemos que tamén na historia da nación galega. Hai unha nova xeración e o seu protagonismo vai corresponder fundamentalmente ás mulleres. Ana Pontón é xa un nome propio nese grupo xeracional. Ela representa outra forma de defender as ideas do nacionalismo na sociedade de hoxe, cunha linguaxe fresca e actual, con alegría, en feminino, falando de ti a ti, sen alzar nunca o ton da voz para explicar os seus argumentos, coa firmeza necesaria, mais sen soberbia, sempre cun discurso amábel. Outro estilo, outro talante, outra maneira de ser e de estar. Claro que hai razóns para a ilusión e para esperanza desde o nacionalismo, desde nós mesmas e nós mesmos! 

Hai unha nova xeración e o seu protagonismo vai corresponder fundamentalmente ás mulleres. Ana Pontón é xa un nome propio nese grupo xeracional

Definitivamente, por primeira vez temos unha muller para presidir unha nación, non para ser simplemente presidenta dunha comunidade autónoma. Pero que ninguén o ignore: un liderado non se fai nunha campaña electoral. Un dos erros máis graves do nacionalismo galego nos últimos anos foi prescindir de moitas persoas que eran referentes sociais, algo que, por certo, non fixera o nacionalismo cos seus primeiros dirixentes da posguerra, que os apoiou unha e outra vez en sucesivos procesos electorais, aínda que nos movéramos en porcentaxes baixísimas de voto. Só así se construíron algúns dos máis sólidos liderados que tivo o nacionalismo galego contemporáneo. Xosé Manuel Beiras, por exemplo. Como calquera outra alternativa política, o nacionalismo precisa ter rostros propios que a sociedade recoñeza e valore, que se identifique con eles. E iso leva o seu tempo. Ana Pontón acaba de coller o testemuño das mans de Xavier Vence, nun momento político difícil e convulso. Ben o sabemos. E é a primeira vez igualmente que concorre como candidata á presidencia da Xunta. É unha muller valente, con coraxe. Aprendeu de súa avoa Carme a soñar e a loitar contra a desigualdade e a discriminación das mulleres. 

Outro estilo, outro talante, outra maneira de ser e de estar

Tamén a querer, a abrazar e a cantar. Espero que ningunha persoa que ame este país teña a tentación de segar o pan en flor. Os que aínda levades nos ollos as leiras de trigo sabedes ben o que quero dicir. Ninguén ten dereito a negarlle a esperanza ao País.
 

Comentarios