Opinión

Galiza capital Madrid ou Galiza célula de universalidade: un dilema non sempre resolto a prol do país

Tomo este título do contido dun magnífico traballo da profesora María Pilar García Negro sobre a literatura galega do século XIX, publicado no seu día nun libro colectivo da Fundación Galiza Sempre (A ollada exterior do nacionalismo galego, 2010).

Tomo este título do contido dun magnífico traballo da profesora María Pilar García Negro sobre a literatura galega do século XIX, publicado no seu día nun libro colectivo da Fundación Galiza Sempre (A ollada exterior do nacionalismo galego, 2010). No citado texto, a nosa sempre admirada profesora e amiga refírese a unha moi particular emigración que se produce historicamente no noso país desde o comezo da decapitación política de Galiza -que sería o que agora chamamos a fuga de cerebros-, e que abarca o segmento ilustrado, funcionarial, político e eclesiástico. Pilar García Negro analiza este tipo de emigración no campo das letras no século XIX, onde temos exemplos tan elocuentes como o de Nicomedes Pastor Díaz, así como o proceso de regreso ás raíces e de reencontro co país, como é o caso paradigmático de Manuel Curros Enríquez, xa estudado en profundidade ao comezo da década dos setenta por Francisco Rodríguez no seu libro A evolución ideolóxica de Manuel Curros Enríquez. “A evolución da súa obra -escribe María Pilar García Negro referíndose a Curros Enríquez- é demostrativa dunha viaxe desde o universal-abstrato ao particular concreto, da revolución progresista para toda a humanidade á necesidade de redención particular para a súa nación, a Galiza”. Anos despois será don Ramón Otero Pedrayo o que escriba esa mesma viaxe de volta: Arredor de si. Semella que hoxe, entre nós, hai quen esqueceu esa lección aprendida nos anos da adolescencia. Outros e outras, é certo, aínda non chegaron a esa descuberta.

"É, pois, un tremendo erro histórico facer depender un proxecto político -calquera proxecto político- dunha biografía. Un proxecto político vai máis aló de calquera biografía, por brillante e admirábel que esta nos pareza"

Estas dúas visións, radicalmente contraditorias, explican moitas biografías de galegas e galegos que contribuíron á rehabilitación do país ou que, pola contra, puxeron a súa intelixencia ao servizo da metrópole, mesmo para negar e borrar a identidade do seu país de orixe. Onde mellor podemos ver estes exemplos é na literatura e na política, porque tanto a unha como a outra teñen moito que ver coa decisión persoal de cada quen. Un ou unha decide escribir nunha lingua ou noutra. Unha ou un decide militar politicamente nun campo ou noutro. E a verdade é que este dilema non sempre se resolve a prol do país. Estas dúas correntes, estas dúas forzas contrapostas, antagónicas, están permanentemente presentes no noso pobo, e incluso ás veces atopámolas na traxectoria intelectual e política dunha mesma persoa. Nuns casos a biografía remata co reencontro definitivo co país -como lle acontece ao personaxe de Adrián Solovio- e noutros casos prodúcese o fenómeno contrario, lamentabelmente moito máis frecuente. É, pois, un tremendo erro histórico facer depender un proxecto político -calquera proxecto político- dunha biografía. Un proxecto político vai máis aló de calquera biografía, por brillante e admirábel que esta nos pareza. Un proxecto político nunca pode subordinarse a unha figura. O que fica, o que permanece no tempo, xeración tras xeración, son as ideas. A fidelidade ás ideas e ao país debe estar por riba da fidelidade ás persoas, polas que incluso é posíbel que sigamos tendo aprecio ou afecto, porque o corazón non sempre vai coa mente. Non deixa de ser unha conclusión certamente amarga, unha profunda decepción para calquera persoa que veu nun persoeiro concreto a encarnación dunhas ideas, duns valores e do compromiso co país e que logo, nun determinado momento, comproba, con enorme desencanto, como ese seu referente político renuncia á bandeira que tantas e tantas veces nos dixo aos demais que había que erguer. “N´era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado”, deixou escrito Rosalía no prólogo de Follas novas. Ningún dirixente político debería esquecer estas palabras de Rosalía.

"Calquera representación política en Europa que non favoreza a introdución social do nacionalismo galego no propio país é unha estratexia política-electoral claramente contraditoria co pensamento nacionalista e un paso atrás no camiño cara a unha Galiza soberana".

Estamos agora ás portas dunhas novas eleccións ao Parlamento Europeo. Calquera representación política en Europa que non favoreza a introdución social do nacionalismo galego no propio país é unha estratexia política-electoral claramente contraditoria co pensamento nacionalista e un paso atrás no camiño cara a unha Galiza soberana. Para as persoas que somos ante todo nacionalistas, esteamos ou non organizadas, esta é tamén a hora de sermos coherentes coas nosas ideas. É importante para o porvir do noso país, por se alguén non se parou a pensalo. Máis unha vez temos que escoller entre Galiza capital Madrid, nas súas diferentes formas e expresións, ou Galiza célula de universalidade. No nacionalismo galego sempre o tivemos claro, xa desde os tempos de Plácido Castro, Lois Tobío e Castelao. Situar a nación galega entre as nacións do mundo é algo consubstancial ás ideas nacionalistas. Non hai construción da nación, non existe proceso de autodeterminación, se como cidadás e cidadáns deste pobo non actuamos día a día politicamente como nación galega, na sociedade e en todas as institucións, tamén no Parlamento Europeo. 

No Sempre en Galiza, Castelao escribe: “Eu son fillo dunha patria descoñecida porque ninguén soubo dar sona e creto internacional ás nosas reivindicacións patrióticas”. No BNG sabemos que é aí onde temos que estar, proxectando e defendendo a nación galega fóra, construíndo a nación galega dentro. Galiza, célula de universalidade. Galiza sen complexos, sen intermediarios da metrópole, coa nosa propia forza. Velaí a única alternativa coherente co pensamento nacionalista.

Comentarios