Opinión

Francisco Carballo nas Cortes da transición

“Son galego de nación. Amo a miña Patria, Galiza, e veño a estas Cortes co único propósito de defender a liberdade do meu pobo, os dereitos da nación galega, seguindo o exemplo daqueles outros nacionalistas galegos do tempo da República. Permítanme que nesta miña primeira intervención pronuncie aquí os seus nomes: Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Antón Vilar Ponte, Ramón Suárez Picallo.

“Son galego de nación. Amo a miña Patria, Galiza, e veño a estas Cortes co único propósito de defender a liberdade do meu pobo, os dereitos da nación galega, seguindo o exemplo daqueles outros nacionalistas galegos do tempo da República. Permítanme que nesta miña primeira intervención pronuncie aquí os seus nomes: Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Antón Vilar Ponte, Ramón Suárez Picallo. O señor Paz Andrade, protagonista destacado desa época histórica, seguro que comprende mellor que ninguén a fonda emoción que agora nos invade a min e aos meus compañeiros da Minoría Nacionalista Galega. Estou seguro, ademais, que esa mesma emoción tamén o invade a el, aínda que non formemos parte do mesmo grupo parlamentar”. Os senadores Ramón Piñeiro e Domingo García-Sabell revólvense nese intre nos seus escanos. Valentín Paz-Andrade reflicte emoción e alegría no seu rostro. Á beira deles, Manuel Iglesias Corral escoita con atención a intervención de Francisco Carballo, até agora o verbo máis poderoso da tarde. “Se hoxe o nacionalismo galego está nesta tribuna é porque hai unha Galiza consciente dos seus dereitos, unha nación que quere ser recoñecida como tal, un pobo que non renuncia a ser dono do seu futuro”. As palabras de Carballo causan igualmente un grande impacto emocional nos outros senadores do seu grupo parlamentar: Manuel María, Ramón Valcarce, Celso Emilio Ferreiro e Camilo Nogueira. Os cinco integran a Minoría Nacionalista Galega do Senado: Celso Emilio como representante do PSG e os outros catro como senadores do BN-PG. A esa hora, en Celeirón, no Carballiño, en Ortigueira, en Vigo, en Compostela, nas aldeas da Fonsagrada e nos barrios obreiros de Ferrol, milleiros de galegos e galegas que nunca antes escoitaran falar de Castelao e da nación galega  deixan a animada conversa familiar ou a partida de dominó para seguer  pola televisión a arenga de Francisco Carballo. “Que ben fala este home!”. “Ese é dos nosos, é do Bloque!”, aclara un mozo apoiado no mostrador do “Mezquita” mentres toma un clarete. “Dalle máis voz ho!”, di o señor Rodrigo, que aínda recorda moi ben un grande mitin de Castelao na feira de Mera, na época da República.

"As palabras de Carballo causan igualmente un grande impacto emocional nos outros senadores do seu grupo parlamentar: Manuel María, Ramón Valcarce, Celso Emilio Ferreiro e Camilo Nogueira. Os cinco integran a Minoría Nacionalista Galega do Senado"

Francisco Carballo continúa a falar con voz firme e potente e cun sorriso permanente nos labios, acompañando as súas palabras dun constante movemento dos seus brazos: “Estas Cortes teñen que saber que entre os séculos XI e XIII Galiza era un reino con toda a categoría e que o seu monarca era o mesmo que o do Reino de León e que o do Reino de Castela despois. Era un reino que ás veces recibía un rei propio que ás veces era o fillo do rei. Outras era un reino que tamén o era doutros reinos. Nos documentos e na conciencia dos cidadáns, era un reino como tal, con personalidade. Galiza nesa época é un reino que comparte a monarquía con outros reinos. Todos os reis con corte en Ovieu, Santiago ou León eran reis de Gallaecia. Os historiadores españois falsearon a historia. Debuxan os reinos desde a cidade de residencia real e mesmo omiten o reino primeiro e básico de Galiza englobándoo en León ou Castela. A escola enganou os galegos. Nunca nos explicaron a Galiza dourada dos séculos XII-XIII, esa etapa de esplendor político que tivo a súa manifestación na Literatura, na Arquitectura, mesmo na Agricultura”. O senador José Luís Sampedro colle a súa libretiña de peto e toma nota do que di o orador. En Compostela, na cafetería da Facultade de Historia, algúns rapaces que seguen o discurso de Francisco Carballo pola televisión están realmente pasmados, porque é a primeira vez que escoitan falar así do reino de Gallaecia.

“Os senadores da Minoría Nacionalista Galega estamos aquí para defender as Bases Constitucionais para a participación da nación galega nun pacto federal, para defendermos un programa de medidas políticas, económicas, sociais e culturais mínimas, que terán que facerse realidade para que se poida falar de democracia en Galiza. Estamos aquí, en definitiva, para defender a ruptura democrática”, di Carballo coa firmeza de quen cre no seu país, e afírmao mirando serenamente para os representantes do grupo do goberno, moitos deles procedentes do réxime franquista. Camilo Nogueira pásalle un exemplar das Bases Constitucionais a Lluís María Xirinacs, que está sentado á súa beira. Carballo remata a súa intervención con palabras cargadas de futuro: “O proceso de liberación de Galiza estase inscribindo na Historia Universal como un capítulo de liberación das clases e das nacións sometidas aos imperios. Como dixo un noso poeta, Por ese camiño longo, por esa verea torta, camiñamos”.

"Carballo remata a súa intervención con palabras cargadas de futuro: “O proceso de liberación de Galiza estase inscribindo na Historia Universal como un capítulo de liberación das clases e das nacións sometidas aos imperios". 

Son xa perto das dez da noite e os senadores da Minoría Nacionalista Galega, aos que agora se veñen de sumar Bautista Álvarez, Elvira Souto e Francisco Rodríguez, os tres deputados no Congreso polo BN-PG, dispóñense a xantar algo nun mesón da Carreira de San Xerome. A tarde na Cámara Baixa foi tamén moi intensa. Bautista Álvarez mantivo un vivo debate con Peces Barba e Solé Tura sobre o concepto de Autodeterminación. Bautista estivo certamente moi brillante, e até Francisco Letamendia lle expresou os seus parabéns desde a tribuna do Congreso pola súa magnífica intervención, que deixou sen argumentos ao xurista catalán. “Galiza quere estar nestas Cortes en pé de igualdade con Catalunya e Euskadi, abrindo outro río da historia para as nacións asoballadas por España”, díxolle Bautista Álvarez a Solé Tura. Pepiño Estévez, todo entusiasmado, chamou cabo da noite por teléfono a Saleta: “É a hora de reconstruír Galeusca, Saleta!”.

Vai algo de calor e a noite invita a un paseo pola cidade. O grupo detense agora no medio da Praza de Santa Ana para escoitar a Manuel María, que fala do que tantas veces lle contou Otero: “Castelao, poucos días antes de estalar a guerra, foi despedir a Otero Pedrayo á estación do Norte, e díxolle: ¨Mira Ramón, eu non volverei a Galiza. Eu non volverei ver a miña nai. Vai vir unha guerra terríbel e perderemos nós, perderemos os da esquerda¨. Otero viaxou toda a noite preocupado con aquelas palabras de Castelao na súa mente. Don Ramón nunca esqueceu iso que lle dixo Castelao cando o foi despedir á estación do Norte. Eles mesmos non se volverían ver até once anos despois, no ano 47, en Bos Aires. E a outros como a Ánxel Casal ou a Alexandre Bóveda xa non os volveu ver endexamais. Aquilo foi moi dramático -di Manuel María- e tivo unhas consecuencias nefastas para Galiza. Nos anos trinta estabamos no tren das nacións, igual que Catalunya e Euskadi, e quedámonos nunha vía morta”. Bautista Álvarez lembra agora cando os mozos de Brais Pinto ían recibir a don Ramón á estación do Norte e o feliz que se sentía Otero no medio de todos eles. “Otero Pedrayo era moi consciente da importancia que tiña para o país que unha nova xeración volvera ao pensamento de Castelao”, engade Bautista. Dous rapaces que nese momento se cruzan con eles erguen o puño e berran con alegría: “Viva Galiza Ceibe!”. “Ceibe e Popular!”, responde Elvira Souto, erguendo tamén o puño.

A noite caeu xa de cheo sobre Madrid. No Café Gijón, nunha mesa do fondo, Maruxa Mallo, co seu abrigo de lince, o seu cabelo de laranxa, as súas alongadas pestanas negras, montañas de maquillaxe no seu rostro e os labios pintados de carmín, fala interminabelmente con Manuel Vicent e Carme Vidal: “A soidade é o meu maior capital. Na soidade estou en comunicación coa vía láctea, coa astroloxía, coa ciencia, coa arte. As persoas mídense pola soidade que aguantan”. Maruxa Mallo, a pintora da Sorpresa do trigo, d´O canto das espigas, de caracois, máscaras e cabezas de muller, fala e fala e fala mentres a noite avanza.

Comentarios