Opinión

Forzas políticas propias para facer país

O nacionalismo galego, en todas as súas expresións e en todas as súas etapas históricas, foi o instrumento político principal co que contou o noso país para existir como nación, para reivindicarse como unha realidade política diferente no contexto do Estado español. É así desde os tempos das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. De non ser polas organizacións nacionalistas xa seriamos hai tempo unha comunidade autónoma máis de España, sen o máis mínimo perfil nacional galego, sen nada que nos vencelle a Catalunya e Euskadi. Só os nosos problemas para sumar e multiplicar tantos e tantos soños individuais nunha potente expresión política de país impediron até o momento que o nacionalismo galego non xogase un papel máis determinante na política galega e, como consecuencia diso, que Galiza non teña aínda alcanzado hoxe un chanzo superior no seu proceso de construción como nación.

De non ser polas organizacións nacionalistas xa seriamos hai tempo unha comunidade autónoma máis de España, sen o máis mínimo perfil nacional galego

 

Se a desunión entre as forzas nacionalistas e galeguistas e as continuas crises do nacionalismo galego frearon unha e outra vez o avance de Galiza como país, nada foi máis grave para a consolidación dun sistema político galego merecente de tal nome que fracturar o nacionalismo galego en nome dun “espazo popular galego”, en nome dunha “unidade popular” que dilúe o feito nacional galego nun debate político que serve tanto para Murcia como para Madrid. É obvio que a división do nacionalismo debilita a este como instrumento político en defensa do país, pero non acreditar na nosa propia forza como pobo a través das forzas políticas propias debilítanos sempre como país, e iso é aínda moito máis grave, porque abre as portas a unha abafante españolización da política galega e nos conduce á desaparición como nación política. En definitiva, debilitar ou destruír as forzas políticas propias é sempre un paso atrás na nosa historia como país.

Nada foi máis grave para a consolidación dun sistema político galego merecente de tal nome que fracturar o nacionalismo galego en nome dun “espazo popular galego”

 

De calquera xeito non hai maior erro político que non recoñecermos os nosos propios erros. E desde o 2002 até hoxe hai varias leccións que deberiamos aprender. Galiza precisa forzas políticas de seu, verdadeiramente soberanas, libres para actuar, e precisa sumar o esforzo e a ilusión de todas aquelas persoas, con militancia partidaria ou sen ela, que acreditan na existencia de Galiza como país e no seu dereito a existir e a ter outro presente e outro futuro. Non fagamos dos valados altas murallas de pedra entre nós. Cómpre facer país e facermos nosos os versos de Celso Emilio: A miña mau che dou, / coma un irmau che falo. Uxío Novoneyra preguntouse en 1957: GALICIA será a miña xeneración quen te salve? / Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas? Eu, que xa quixera ser poeta e que son moito máis modesto nos soños, pregúntovos a vós: abrazaremos algún día a calquera persoa que leva a Galiza no corazón e na mente como quen abraza o país, con ese mesmo sentimento que invadía a Castelao cando abrazaba a don Ramón Otero Pedrayo? Cando iso suceda, tede por seguro que veremos de novo a patria en pé, porque seremos unha inmensa multitude. O país precisa forzas políticas propias e estas precisan de todas e todos nós.

 

Comentarios