Opinión

Un Día da Patria para tecer sentimento de irmandade

Nin dentro do campo do galeguismo nin no universo do nacionalismo galego hai unha única idea do que debe ser Galiza como suxeito político. Non a houbo nunca, en ningunha época histórica. Non todos e todas temos a mesma visión de Galiza ou o mesmo proxecto de país para unha Galiza diferente.

Nin dentro do campo do galeguismo nin no universo do nacionalismo galego hai unha única idea do que debe ser Galiza como suxeito político. Non a houbo nunca, en ningunha época histórica. Non todos e todas temos a mesma visión de Galiza ou o mesmo proxecto de país para unha Galiza diferente. Por non coincidirmos non coincidimos nin en como se chama o noso país. Mais sería absurdo non recoñecer que calquera galega ou galego que sexa nacionalista ou simplemente galeguista ten un sentimento de país, cando menos un aprecio polo propio, un amor polo noso e unha certa idea de que Galiza debe ocupar outro lugar no mundo, con todas as contradicións que se queira. 

"Celebramos con enorme gozo o Manifesto pola unidade que están a asinar desde hai días centos e centos de persoas de traxectorias ideolóxicas e políticas moi diversas, mais que coinciden na idea de expresarnos como unha nación".

Fronte a esta realidade poliédrica temos dúas opcións: construír cos outros, sen renunciarmos nunca á nosa forma de pensar, mais aceptando outras visións de país non coincidentes coa nosa, ou construír só cos que pensan exactamente igual ca nós, marcando ben as diferenzas, o territorio propio. Se facemos un pequeno exercicio de memoria histórica seguramente todas e todos chegaremos á conclusión de que Galiza sempre deu  un paso adiante cada vez que houbo unidade de acción arredor da idea de país. Aí está o exemplo das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista ou da reorganización do nacionalismo galego, primeiro, nos anos sesenta, arredor da UPG, e, posteriormente, baixo organizacións como a AN-PG e o BNG. Por iso moitas e moitos de nós celebramos con enorme gozo o Manifesto pola unidade que están a asinar desde hai días centos e centos de persoas de traxectorias ideolóxicas e políticas moi diversas, mais que coinciden na idea de expresarnos como unha nación. Creo, sinceramente,  que é o máis positivo e alentador que aconteceu nos últimos anos en Galiza. 

Sempre pensei que temos que facer máis esforzos por entendernos cos que aman o país e cos que teñen  o país no centro das súas preocupacións políticas ou culturais. Agora que imos comemorar o centenario das Irmandades da Fala sería moi importante que ademais de coñecermos e redescubrirmos o que este movemento de reafirmación nacionalista significou na historia da nosa nación recuperásemos tamén  o concepto de irmandade en toda a súa dimensión, en todo o seu significado en canto a fraternidade, a boa relación entre persoas, a sentimentos de afecto. Necesitamos recuperar a palabra. Nada é máis urxente e necesario. Non podemos seguir a cultivar a diferenza como prioridade política, e menos aínda o resentimento e os axustes de contas. Todo iso só conduce a autodestruirnos humanamente como persoas e como corpo social organizado a prol do país. É imprescindíbel construírmos a cultura do diálogo e do respecto mutuo entre nós. 

"Non me preocupa ser o último en entrar na Quintana o 25 de xullo se os primeiros que entren na Praza o fan detrás dunha pancarta que expresa que somos unha nación"

O Día da Patria será unha magnífica ocasión non só para camiñarmos xuntos e xuntas polas rúas de Compostela cara á Quintana, senón para saudarnos coa cordialidade do corazón, para falarmos, para dialogarmos, para tecer sentimento de país e para transmitirlle ao conxunto da sociedade a idea e a imaxe de que fronte ao dito antigo de “somos galegos e non nos entendemos” podemos ser galegos e galegas e sermos capaces de entendernos para reclamarmos e defendermos un futuro diferente para a nosa nación. É, sen dúbida ningunha, a mellor homenaxe que neste momento lle podemos tributar a Antón Vilar Ponte e a toda aquela xeración das Irmandades da Fala. A min non me preocupa ser o último en entrar na Quintana o 25 de xullo se os primeiros que entren na Praza o fan detrás dunha pancarta que expresa que somos unha nación. Oxalá non poida entrar na Quintana de tanta xente que alí haxa ese día. Sería a maior alegría para min, que non deixei de entrar desde 1978, incluso naqueles anos que nos prohibiron o acceso ao casco vello.

Comentarios