mércores 19.02.2020

Desde a certeza da debilidade do nacionalismo

Para quen viviu as eleccións do 77 instalado xa nas coordenadas do pensamento nacionalista


Para quen viviu as eleccións do 77 instalado xa nas coordenadas do pensamento nacionalista, mais sen estar aínda politicamente organizado, resultaba francamente difícil optar entre unha papeleta do PSG encabezada por Xosé Manuel Beiras ou unha papeleta do BN-PG na que figuraban nos primeiros postos Elvira Souto e Ramón López-Suevos. Talvez por iso, aquel mociño de dezasete anos que eu era, sen que ninguén llo indicase, fixo campaña no seu círculo de familiares e de amigos, con verdadeira paixón, por Xosé Manuel Beiras para o Congreso e por Moncho Valcarce para o Senado. Nin o un nin o outro sairon, pero nunca pensei que aqueles votos eran inútiles para Galiza. Lembro tamén que aos poucos meses dese proceso electoral publiquei nas páxinas de El Ideal Gallego un breve texto que titulei “Pola unidade dos nacionalistas”, e que algún tempo despois, aquel mesmo ano, incorporeime á AN-PG, vivindo con grande entusiasmo todo aquel proceso político que levou á reorganización e refundación do nacionalismo e á aparición do BNG en 1982. Ningún fracaso electoral, e abofé que foron moitos os que houbo antes e despois do 82, nos fixo dar un só paso atrás na firmeza do noso ideal e na ilusión coa que sempre abrazamos o proxecto do nacionalismo. Nunca os escasos milleiros de votos  e os sucesivos fracasos fronte a Fraga ou para as Cortes españolas nos desanimaron para seguir militando nunha forza política propia e para continuar defendendo o nacionalismo como alternativa política para o país. Endexamais.

Neste momento histórico o nacionalismo galego, como proxecto político para o país, está máis debilitado que en calquera circunstancia histórica anterior

Mentiría se agora dixese que o meu estado anímico é hoxe igual que en xuño do 77, que no 82, cando se produce a maioría absoluta do PSOE, ou que en 2009, cando perdemos o Goberno galego. E o que afecta agora ao meu ánimo non é precisamente o resultado electoral de Nós-Candidatura Galega, senón a certeza, que é algo máis que a impresión, de que neste momento histórico o nacionalismo galego, como proxecto político para o país, está máis debilitado que en calquera circunstancia histórica anterior. Ao meu ver, sempre ao meu ver, a capacidade potencial do nacionalismo para medrar na sociedade como proxecto político era moito maior non só cando estaba todo el unido nunha única organización, senón incluso cando estaba dividido en dúas grandes correntes políticas, a do BN-PG e a do PSG na Transición ou a do BNG e a de Esquerda Galega (PSG-EG, para sermos máis exactos) durante os anos oitenta e noventa. Estabamos divididos, certamente,  mais conformabamos un polo na dialéctica política do noso país, na dialéctica política forzas propias/forzas estatais e na dialéctica Galiza/Estado. Neste momento non. Hoxe o nacionalismo galego amosa unha enorme debilidade para facerlle fronte ao discurso político dunha  opción estatal como Podemos, e isto por dúas razóns fundamentais: porque hai unha moi profunda e moi sutil desactivación do argumentario histórico do nacionalismo e unha decidida e moi pensada lexitimación social das organizacións de carácter estatal. E, naturalmente, porque quen desactiva o discurso nacionalista e lexitima a Podemos diante da nosa sociedade non é alguén que procede de fóra do campo nacionalista, senón do propio corazón do nacionalismo. Sempre, desde as diferentes ideoloxías da esquerda española, nos negaron a capacidade para valernos por nós mesmos, por nós mesmas, pero que iso nolo prediquen agora  na teoría e na praxe persoas que foron o rostro da causa do nacionalismo durante decenios, é inevitábel que produza en nós unha enorme decepción e un certo desalento. Algúns non tiñamos a mente preparada para enfrontarnos politicamente a quen foi mestre de tantas e tantos de nós. E tampouco o corazón.

Cando este vendaval pase e cando a marea baixe, ¿que forza política de seu terá o pobo galego para que Gaiza siga paso adiante? 

Alguén me dirá que ningún tempo é exactamente igual que outro, que a sociedade tamén experimentou cambios moi profundos e que o que era válido hai tres décadas hoxe non serve, mais hai algo que permanece co paso do tempo, desde Antolín Faraldo: o amor ao país e a necesidade do combate sen tregua por un futuro diferente para Galiza, que eu non son quen de imaxinar sen a participación activa de todas as persoas de pensamento nacionalista e galeguista e sen o medre da conciencia nacional na nosa sociedade, en definitiva, sen a construción incesante da nación e do nacionalismo galego como movemento político. Por iso, cando observo que mesmo hai persoas de pensamento galeguista e nacionalista entusiasmadas co éxito dunha coalición electoral que ten todo o vento a favor dunha forza estatal como Podemos, eu pregúntome: desde cando o avance dun proxecto político de nación é directamente proporcional á debilidade do nacionalismo desa nación?  ¿Ou é que alguén nos quere dicir que a nación galega soberana vai ser impulsada por un partido político que naceu para facer de “pegamento” para garantir a unidade de España? E o máis importante, cando este vendaval pase e cando a marea baixe, ¿que forza política de seu terá o pobo galego para que Galiza siga paso adiante? 

Sempre lembrarei o que unha vez nos dixo Henrique Rodríguez Peña nunha reunión do Consello Nacional do BNG cando estabamos a deseñar unha estratexia para gobernar o país: “Hai algo moito máis importante que ter o goberno, e é ter organización, e dígovolo eu, que fun conselleiro do tripartito -dixera Peña aquela tarde-, porque a organización é imprescindíbel para poder gobernar, e sobre todo para seguir defendendo o país cando se perde o goberno”. Por iso a moitas e a moitos de nós nos preocupa o futuro do nacionalismo galego, non só no plano electoral e institucional, senón tamén na súa expresión política organizada, e non falamos dunhas siglas concretas. Falamos das forzas políticas propias das que se dota unha nación oprimida como a nosa para a súa soberanía. É dicir, daquelas organizacións que nacen no país, do país e para o país.

Vou ao meu arquivo persoal e leo o que alguén me escribiu á man nunha xenerosa e fermosísima carta no outono de 1983: “Cómpre poñer esa lucidez intelectual ao servizo deste país”. Non sei cal sería daquela a miña lucidez, mais sigo a pensar o mesmo, en como autoorganizarnos e expresarnos como nación. Como no 77. Como no 82. E hoxe, coma onte, nas agras do nacionalismo galego, Aran os bois e chove.

Desde a certeza da debilidade do nacionalismo
comentarios