Opinión

Carta urxente para Ana Miranda en sobre de avión

Querida amiga Ana: cando eu era moi pequeno, aló nas terras de Ortigueira...

Querida amiga Ana:

Cando eu era moi pequeno, aló nas terras de Ortigueira, o correo viña no coche de liña da noite, que facía a ruta Ferrol-Viveiro, e miña nai, ao igual que moita outra xente da parroquia, ía agardar moitas veces o correo á Casa Chao a ver se tiñamos carta de meu pai, emigrante daquela en Francia. E íamos aínda que fora inverno ou aínda que fora unha noite de lobos. Era a maneira máis rápida de recibir carta, pois se a tiñamos, xa no mesmo momento nola entregaba o carteiro. Daqueles xa lonxanos días da miña nenez quedáronme para sempre na lembranza os sobres de envío por avión con franxas vermellas e azuis nas marxes. Como un é dos poucos cidadáns que a estas alturas da sociedade da información non se comunica por facebook ou twitter, aquí che vai para Compostela esta carta urxente en sobre de avión.

Primeiramente quero dicirche, Ana, que todas e todos nós estamos moi orgullosos do teu traballo de embaixadora galega en Europa todos estes anos, e orgullosos e orgullosas tamén, como non, da campaña electoral que fixeches de punta a cabo. A túa entrega, a túa intelixencia, o teu entusiasmo, a túa humildade e o teu sorriso son xa razóns suficientes para estarmos hoxe co mellor ánimo para continuar na loita e na esperanza, porque sabemos que na Galiza toda hai moitas Anas Mirandas, moitísimas persoas que teñen o país no seu corazón e na súa cabeza, que  poñen cada día a súa lucidez, o seu esforzo e a súa ilusión en construír unha patria libre na que poidamos vivir dignamente. E aínda por riba témoste de novo en Europa, a pesar de tanta ocultación e tanta falsidade e manipulación, a pesar dos esforzos que fixeron uns e outros por destruír unha alternativa nacionalista para o país como a que representa o BNG. Xa o dixo Novoneyra: Non a forza do noso amor non pode ser inutle!.

"Témoste de novo en Europa, a pesar de tanta ocultación e tanta falsidade e manipulación, a pesar dos esforzos que fixeron uns e outros por destruír unha alternativa nacionalista para o país como a que representa o BNG".

O escano que en xustiza vas ocupar no Parlamento europeo é, certamente, moi necesario para que Galiza exista en Europa, claro que si, mais eu dígoche, Ana, que para a defensa do noso país non hai mellor escano que o amor á terra, a entrega humana e a firmeza nos ideais nacionalistas que atopaches en tantísima xente dende o Ortegal ao Miño. Creme, non hai escano máis importante para Galiza que todo ese exército popular de homes e mulleres que non renuncian ao proxecto dunha nación galega soberana. ¿Que outra sigla política que non sexa o BNG ten ese corpo social organizado para o combate polo país? Ningún escano será nunca máis útil para Galiza que a propia fortaleza do nacionalismo galego, co vinte por cento, co dez por cento ou co un por cento. A historia está aí para demostralo. Foi o nacionalismo, o pobo galego con conciencia de seu, con escanos ou sen escanos nos parlamentos, o que defendeu sempre a este país, en todos os momentos da súa historia, desde as Irmandades da Fala.

Si, Ana, mentres haxa un país con persoas comprometidas, lúcidas e alegres coma ti, Galiza terá futuro como nación. Como di o teu bo amigo José Mujica, “Os únicos derrotados son aqueles que deixan de loitar”. Ti sabes ben que nós somos un pobo rexo, un pobo que endexamais renunciará a loitar polo seu futuro. Non nolo permite a memoria de Rosalía, de Alexandre Bóveda e de tantos outros, tan viva nos nosos corazóns desde a nosa adolescencia. 

Un bico e un ramo de flores de cinamomo. 

Comentarios