Opinión

As Sobreiras da Magdalena na plástica de Antonio Fernández e Xavier Pousa

O triángulo sur da provincia de Pontevedra, enfronte ao Alto Minho Portugués, é un espazo natural onde cobrarían inmenso auxe as artes, fundamentalmente pintura, escultura, música e poesía. Mesmo en Goián, terras de Tomiño, lugar onde chegara ao mundo Antonio Fernández, berce do que se afastara, sendo ben cativo. Con tan só 12 anos cruzou o Atlántico para asentarse por moito tempo no Brasil.

En Sao Paulo recibe leccións de debuxo e pintura do artista alemán Ernesto Papf. Chegarían logo máis tarde, as primeiras exposicións que foran un fiasco ata que en Pará e Manaos, acadara maior suceso, moito máis en Río de Janeiro, onde vendeu toda a obra pictórica.

Inquedo por coñecer, viaxa máis tarde a Italia, instalándose en Anticoli Corrado, poboación afastada, montañosa, circundada de rabaños de ovellas e cabras, espazos naturais que ía trasladando as teas.

Coñece a Benlliure e Sotomayor e cando decide volver á súa terra, moitos anos despois, concorre a exposicións nacionais, impresionándolle os cadros asinados polo pintor do Baixo Miño ao Premio Nobel de Medicina, Ramón y Cajal. "Son de encomiar por belleza y fidelidad a la honrada pintura tradicional, los paisajes de Fernández Gómez".

A última aparición en público foi no Círculo Cultural e Mercantil de Vigo, con grande acontecemento.

Despois do regreso de América e Europa, recóllese en Goián, perto da igrexa de San Cristovo e capela de San Roque, a poucos metros do conxunto de sobreiras centenarias, igualmente trasladadas aos cadros.

Berce miñoto tamén de Eliseo Alonso, quen se ocupou das letras e da súa biografía e de Xavier Pousa, un rapaz goianés con doce anos, a mesma idade que tiña o mestre cando marchara para América. Comeza a recibir aulas de pintura no seu estudio ao regresar Antonio Fernández do periplo polo mundo.

Outros creadores escolleron este mesmo enclave, sexa Xoán Piñeiro chegado de Cangas do Morrazo ou Maxín Xulio Picallo Durán, nacido en Santo Ildefonso, unha aldea da parroquia de Troáns en Cuntis. Ambos os dous para acariciar a pedra e a mármore, darlle forma e convertela en arte, sen esquecer a Cuqui Piñeiro, herdeira do escultor do Morrazo, continuando á fronte da Fundición, no enclave goianés.

Andrés Álvarez, nace moitos anos máis tarde,  e hoxe en día é un especialista en composición para banda con mestres da talla de Ánxel Montes, Bart Picqueur, Óscar Navarro ou Ferrer Ferrán, avalado con numerosos premios.

Uns e outros, rodeados dun eido paisaxístico e ribeirego único que, con certeza, influíu para realizar a súas obras. A poucos metros, xa no concello limítrofe do Rosal, freguesía de Eiras, érguense outras sobreiras irmáns ou mesmo dicir A Magdalena ao carón da ermida do mesmo nome, un dos lugares que non pasaron desapercibidos, tanto a Fernández como a Pousa, deixando patente nas obras pictóricas de ambos os dous o recuncho natural, o mesmo que en días recentes foi incorporado no catálogo de árbores senlleiras de Galicia, figurando, entre outros o Carballo de Santa Margarita en Mourente, Pontevedra, que dera sombra o Padre Sarmiento cando era neno e tamén trasladara ao papel en Cousas da Vida, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Luis Dorado, veciño do Rosal, comprometido desde sempre coa natureza, vínculo de Anabam, desde a súa fundación en 1985, entidade pioneira na organización de visitas aos enclaves do Baixo Miño, atesoura no seu arquivo fotográfico, imaxes dos grandes sobreiras, vestixios con grande valor científico, cultural e paisaxístico rosaleiro.

Comentarios