Opinión

Eu Diz, poeta e pintor

Debuxante na escola, namentres os outros xogaban. Igualmente imitaba o son das campás, nas cazarolas da cociña da súa nai e logo, máis tarde, os veciños de Santiago de Bembrive convidábano a que fose el o dono do campanario. De mozo tivo oficios de luthiers, construíndo instrumentos, ata converterse nun andadeiro polos camiños que chegan a Santiago e nun auténtico dandy, sen deixar de pintar.

Cando era novo traballou en Faro de Vigo, na época que dirixía o rotativo o ourensán de Vilar de Cervos, nas terras de Vilardevós, Manuel González

Cerezales, e despois con don Álvaro de Mondoñedo, o mesmo que sae á luz estes días en Ediciones del Viento, cunha nova achega baixo o título Un home que se parecía a Cunqueiro.

Segundo acredita o artista, deixou pagada a necrolóxica naquela altura coa condición de ser impresa en cor vermella e tódolos asistentes convidados na Rioxana, Elixio, entre outras tascas bohemias. Cruzábase nas céntricas rúas da cidade da oliva moitas veces con Carlos Oroza, talvez iría pensando en Évame Malú ou naquel mar máis alto co ceo.

Un dos últimos cadros que lle ollei saídos do seu estudio, situado nun ático na Rúa Arenal, foi "O espello de Venus", unha versión da obra de Diego de Velázquez, "La Venus del espejo", un dos máis  belos da historia da pintura, na National Gallery de Londres, en cuxo espello se retrata o polifacético vigués.

O de Diz, pendurado o carón doutros asinados por el, na céntrica Cafetería O Novo Derby, rexentada polo chantadino de Mariz, Eusebio Prado, pinturas que espertaron en el o interese pola plástica e fundamentalmente obras firmadas polo nonaxenario pintor.

Tamén pode ollarse outro cadro inspirado nos Muíños do Folón e do Picón, os que se distribúen polos montes rosaleiros, nas inmediacións da Capela de San Martiño, que formarán parte da Exposición de artistas de aquí e de acolá, os que se inspiraron no contorno para que se coñezan igualmente a través da pintura, por Museos ou espazos expositivos que abeiran o Camiño Portugués.

Diz durante o confinamento escribiu máis que pintou, ese outro don poético: 

O son do rum-rum
do Muiño vello
danza na moa o pau tarabelo
O son do rum-rum
do Muíño vello
danza na moa o pau tarabelo
Xira sen canso
a roda da pedra
non cesa o baile
o pau carallán
o ritmo do muíño
co tran-calantran

Comentarios