Opinión

Eiravella no Camiño das Estrelas

En tempos aínda recentes, camiñabamos abeirando as saias das Guia e o mar de Vigo que cantaran Martin Codax, Mendiño e Xohan de Cangas. Saiamos da rúa Mimosa, onde tiña o obradoiro, con dirección ao corazón da cidade ata recalar nas mesas do Rincón, situado na empinada costa de Manuel Nuñez, detrás do Museo de Arte Contemporánea (Marco) e proseguir conversa, entre trazos sobre papel. Moitas tardes, sentábase á nosa beira outro imborrable poeta, o de Viveiro, Carlos Oroza.

“No hay solución!”, exclamaba, cando contemplaba a Eiravella utilizar viño de Barrantes para retratar algúns personaxes apoiados no mostrador ou arredor das mesas do comedor do Mesón, decorado con serigrafías de Mercedes Ruibal, entre outros artistas galegos. Os caldos vitivinícolas tamén foran motivo para visitar o triángulo sur de Galicia, durante o encontro de creadores de aquí e de acolá e renderlle culto aos néctares que producen os viñedos de San Xoán de Tabagón, que se espallan mirando a desembocadura do Miño ou mesmo aqueloutros de Fornelos e Couselo, nas ribeiras do río bautizado con dous nomes Carballas e Tamuxe, a través da plástica, baixo o slogan "Venir a degustarlo con arte", coincidindo coa Festa do Viño e Semana Santa, no Concello do Rosal, no tramo final dos anos noventa.

Alí estaba, Xoán Otero García "Eiravella" e unha pandilla de elevados expoñentes da paleta, os inesquecibles Xavier Pousa de Goián; Ánxel Lemos, vigués de berce, residente daquela na Estrada; Carlos Fernández, Vigo; Cecilia Najles, Arxentina; Isabelino Coelho, pintor naif, procedente do Porto e  Agustina, a mesma que acompañara o pintor de Lalín, Xosé Otero Abeledo "Laxeiro", nos últimos anos, entre outros que expresaran aquel mundo vitivinícola en diferentes soportes e técnicas, para desfrute de todo os rosaleiros e foráneos, uns e outros, agora xuntos alá onde se atopen co poeta de Viveiro, quen lle mostrará aquel "mar que es más alto que el cielo".

Eiravella, nome artístico que adoptara do seu berce, no concello pontevedrés de Portas, moi grande de corazón, de forte carácter espiritual e marcado por unha profunda admiración por San Xoán da Cruz, igual que o pintor de Maceira, Antón Lamazares, deixou unha grande obra materializada en debuxos, pintura, escultura e un itinerario longo que percorrer a través da súa impronta e coñecemento "O Camiño das Estrelas", realizado durante máis de trinta anos de traballo.

Unha aproximación da súa entrega á creatividade, no eido natal, Portas, Vigo ou Bélxica, pódese ollar por fin na capital de Galiza, chea de referencias xacobeas, no Museo das Peregrinacións , obras talladas en pezas de cachalote, diversas madeiras e mesmo pintura e debuxos, así como textos, tanto do seu puño como doutros autores e críticos que seguiran as pegadas daquel neno moi grande, soñador e creativo, que fora coterráneo e camarada de Manuel Pesqueira e doutros moitos soñadores como el.

Comentarios