Opinión

‘Ás’ de Cris S. Villegas

Neste intre incerto é a cultura quen nos pon ás. O descoido ou ataque ao planeta lévanos a unha reflexión que é a posibilidade de facer algo para remedialo. Unha ocasión para coidar a saúde do planeta, ocuparse de nos mesmos, razoamento motivador de moitos creadores a unirse na mesma dirección, botando a man ás últimas tecnoloxías, cooperar e frear a adversidade circundante.

A natureza é o osíxeno da obra de Cris S. Villegas, vibra e palpa, no seu redor. De raíces palentinas, Aguilar de Campoo, chegou ao mundo en Santanter e logo de residir en varios lugares diferentes, tomou asento en Vilagarcía de Arousa, segundo ela, un cambio na paisaxe cunha luz especial, un paraíso con espazos como as illas, Cortegada, ata onde se pode chegar camiñando, Atlánticas, Arousa, Parque da Barosa ou mesmo o Torreón de Vilanova, todos eles fonte de inspiración, aínda que de cando en vez retorna á terra de montaña palentina, un cambio tan profundo de cores, Aguilar de Campoo.

Licenciada en Belas Artes e un amplo currículo avalado por Galerías de prestixio, alén de escolmas privadas na Holanda, EEUU, Alemaña ou Francia. Coordinadora "Art Street", recoñecida pola Comisión Nacional da Unesco a raíz do proxecto "Homenaxe a Joseps Beuys" e creadora do seu propio territorio vital, Vilagarcía de Arousa, onde vén de realizar unha mostra sostida fundamentalmente con aves captadas de modo espontáneo, empregando metais, pan de ouro oxidados nos fondos e óleos nos motivos que aparece nos planos principais, sobre táboa.

A Fundación Díaz Caneja, inesquecible pintor palentino, que igualmente transportaba ás teas naturezas mortas e outras composicións, foi o espazo elixido para encontrarse cos seus na planicie e mostrarlle o traballo en meses recentes.

A natureza é o osíxeno da súa obra, a que fai vibrar, e neste momento de crise medioambiental é primordial para a artista plástica dar visibilidade a través da creatividade a todo o que acontece arredor, tomar conciencia e actuar.

Ela pinta ás para unha montaxe fotográfica, unha idea na que colaboran relevantes nomes das artes, cultura e ciencia como Maestro Dario Viejo, Rosa Romojaro, António Franchini, María Ortega, Uxía, Juan Carlos Cambas, Susana Reberdito, Tere Penín, Isabel Pintado, Pedro Sobrado, Luís Alonso, Óscar Alvariño, Encarna Lago González, Soledad Penalta e Alejandro, entre outros cincuenta nomes significantes da cultura.

Desde Arousa quere dar visibilidade en todo o mundo para tomar conciencia e actuar, e pinta ás para este proxecto fotográfico no que leva traballando máis dun ano e dando forma, neste momento que nos toca resistir.

Comentarios