Opinión

Alfabeto Delfín, a través da obra de Lamazares

Na compaña de frei Casal, fillo das terras de Ventosa, nas faldras do Farelo ata Santiago de Compostela, entanto atendeu a familia no convento "al de Deus", fiquei na Porta do Camiño, para entrar no edificio deseñado por Siza Vieira e lembrar Man, inesquecible alemán que se afincara en Camelle, a través da art povera.

A poucos metros, o outro espazo de Arte Contemporánea, comandado por Asunta Rodríguez, infelizmente esa tarde pechado, pois o desexo era habituarme coa plástica de Lamazares.

Voltamos por Herbón, na procura da poesía de Juan de Yepes e logo de beber a morro na fonte entre os muros conventuais, pousamos os pés no eido e puxémonos a andar, ladeando os afamados pementos que eles mesmos trouxeran no século XVI para estas hortas.

Polo rueiro, imaxinaba como serían aqueles días de noutrora daquel rapaz de oito anos inmerso nos poemas escritos polo vate de Arévalo, San Xoán da Cruz e na musicalidade das augas dos regatos Ribadeiro e Saldorio, sons que lle chegaban do seu berce natal en Maceira, alá polas terras do Deza, onde se ergue O Penedo.

Media ducia de anos entregado á poesía, moi perto de onde o fixeran Macías "O Namorado", Rosalía ou mesmo Camilo, ata emprender amizade con personaxes ilustres, chámense Cunqueiro, o da narrativa fantástica, Pesqueira, pintor do Salnés ou conterráneo "Laxeiro", para pouco máis tarde, nos primeiros anos da década dos setenta voar na procura dos grandes da plástica, aquí e alén mar, como Van Gogh, Paul Klee, Rembrand, Miró, Tapies, Millares, Giacometti, Bacon ou ao encontro en Madrid, tal vez no Café Xixón, co inseparable e inesquecible poeta underground Carlos Oroza.

Traballou arreo e trasladou o que sente e vive a través da pintura, e agora regresa de novo á capital galega. En tempos aínda recentes deleitara uns e outros no Gaiás co verbo de Uxío Novoneyra. Na Galería Trinta, amosa uns e outros, así como aos peregrinos que chegan de lonxe o que sente e vive a través do Alfabeto Delfín, que é así como bautizaran seu pai e unha escolma de poemas de San Xoán da Cruz, aquel que xunto con Santa Teresa acadaran as cumes máis altas, o mesmo camiño que segue este galego do Deza que figura xa nos museos máis importantes de arte contemporánea.

Comentarios