Opinión

Por un soberanismo post-industrial (2)

(Esta serie de artigos está baseada nun texto incluído no libro “A esquerda ante o colapso da civilización industrial” )

O independentismo galego maioritario está aínda moi desorientado a respecto do papel da enerxía dentro da cuestión nacional, ancorado en marcos obsoletos, e sen consciencia das implicacións que un futuro de baixa dispoñibilidade enerxética —e o probable colapso estatal asociado— poden traer para as aspiracións dunha Galiza dona de seu e dos seus recursos. Así e todo, hai notables excepcións individuais a este respecto dentro do nacionalismo galego, como son os casos de Teresa Moure, Lidia Senra, Antón Sánchez ou Miguel Anxo Abraira, que se teñen posicionado publicamente por unha actuación soberanista que parta da constatación do colapso civilizatorio ou, cando menos, do Peak Oil. Desa desorientación xeral non se libran nin tan sequera as camadas máis novas, como constataba Henrique Pérez Lijó tras analizar documentos das organizacións xuvenís do nacionalismo galego: “ningunha delas recoñece o Peak Oil nin ten a máis mínima idea do colapso da civilización”.

A isto súmase a apreciación errónea —mais amplamente espallada— que atopamos con frecuencia en certos discursos nacionalistas, e que xa sinalara Xoán R. Doldán no seu imprescindible texto “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza” (en Ecoloxía Política: olladas desde Galicia, 2015), de que o noso país é unha especie de potencia enerxética e de que hai un “excedente”, de que dispomos de tal “sobreabundancia” de enerxía que nos “permitiría unha autonomía enerxética plena sen alterar a nosa demanda e consumo enerxéticos”. Así, o nacionalismo adoitar facer fincapé exclusivamente na “ausencia de control sobre os recursos enerxéticos galegos” e mais “na inxustiza dun sistema de prezos que non dá vantaxes ao pobo galego”. Doldán cualifica esa postura de “autocompracente” e tamén “irresponsábel xa que afasta a posibilidade dunha alternativa real ao actual modelo enerxético e perpetúa a dinámica de desenvolvemento baseado no incremento da oferta enerxética e unha desidia nas políticas de descenso do consumo enerxético”. Sen unha plena consciencia do devalar enerxético fósil no que nos adentramos, as posturas soberanistas non poderán avaliar correctamente o grave problema da dependencia intrínseca ao noso modelo enerxético, e facer propostas de transformación consecuentemente radical nese sentido.

Sen unha plena consciencia do devalar enerxético fósil no que nos adentramos, as posturas soberanistas non poderán avaliar correctamente o grave problema da dependencia

Vai sendo moito horas de se actualizar e traballar estratexicamente sobre estes posibles escenarios, que sen dúbida terán graves consecuencias, sobre todo se a separación do Estado español non se produce pacificamente. Parece claro que Galiza non liderará a ruptura, pero se preto da metade dos cataláns están xa a día de hoxe a favor da independencia, resulta previsible que nun futuro próximo de agravamento da situación económica e financeira en España esa opción medre en aceptación social tanto alí como noutros lugares. Non resulta irreal prever que algunhas outras nacións europeas sen Estado se constitúan en precedentes a nivel xurídico nun prazo de tempo acelerado polo colapso financeiro e enerxético. Por exemplo: no referéndum celebrado en Escocia en setembro de 2014 vencera a opción unionista por unha marxe non moi grande (55% fronte a 45%) e non podemos esquecer que precisamente o derradeiro petróleo británico está no Mar do Norte, augas que no futuro poderían quedar baixo soberanía escocesa. Considero preciso que o soberanismo galego analice seriamente estes escenarios e traballe a partir deles na construción dunha Galiza sen petróleo —que podería ben ser tamén unha Galiza independente—, que o incorpore ás súas estratexias e, se cadra, tamén cada día máis nidiamente nos seus discursos. Esa incorporación debe facerse da man dos movementos máis avanzados na análise política e social desta cuestión. En opinión de Miguel Anxo Abraira, “O nacionalismo galego ten unha materia pendente, e esta non é outra que asimilar e potenciar desde unha visión netamente soberanista estes movementos. Só así volverá a ser visto como unha liña ideolóxica válida e necesaria para a evolución da sociedade galega desde unha perspectiva de esquerda alternativa. A suma do nacionalismo galego de esquerda e os movementos alternativos eu gosto chamalo ARREDISMO.”

Noutros movementos nacionalistas dentro do actual Reino de España vanse atopando a cada paso indicios dunha incorporación deste contexto, inicialmente ao discurso e posiblemente, pouco a pouco, tamén a nivel programático e estratéxico: en Catalunya as CUP e mais ERC, e en Euskal Herria a esquerda abertzale. Así, no documento de EH Bildu “Compromiso energético para un nuevo modelo energético” (20/12/2014) [] podemos ler con rotunda claridade: “Un país que no tiene la posibilidad de desarrollar un modelo energético propio, carecerá de uno de los pilares para poder sobrevivir de manera soberana.”

De non conseguirmos ser donos/as do noso, é previsible que se acentúe a explotación colonial dos nosos recursos por parte do Estado español ou das empresas multinacionais

Cumpría que o soberanismo/arredismo galego transmitise á sociedade galega a idea de que non só a soberanía é posible, senón que é urxentemente necesaria para afrontarmos en mellores condicións un futuro de contracción permanente e de escaseza enerxética. De non conseguirmos ser donos/as do noso, é previsible que se acentúe a explotación colonial dos nosos recursos por parte do Estado español ou das empresas multinacionais que veñen rapinar os derradeiros minerais ou os nosos recursos hídricos e hidráulicos, forestais e agrogandeiros, recursos que en primeiro lugar deberían destinarse irrenunciablemente para a supervivencia do noso pobo. Quen podería artellar esta defensa do noso? Madrid? Bruxelas?? Velaí un argumento poderoso para a emancipación nacional, que relaciona a soberanía cos seus aspectos alimentar, enerxético e monetario-financeiro; non é un argumento totalmente novo, pero si que estamos nun contexto histórico inédito que o fai de súbito cobrar un valor vital para a nosa supervivencia, mesmo a curto prazo.

Comentarios