Opinión

Espazo Lectura

O recoñecemento da Federación de Gremios de Editores de España a Espazo Lectura outorgándolle o Premio Liber 2024, na categoría á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público, afáganos aos que en Galicia defendemos o fomento da lectura como unha actividade compartida de socialización e reflexión crítica. Unha distinción merecidísima para este colectivo de voluntariado que botou raíces no Val Miñor a comezos de 2008, onde constituíu unha comunidade na que persoas de distintas xeracións comparten libros, lecturas e actividades comunitarias arredor da creación literaria e de lectura como vínculo de socialización e coñecemento, con atención preferente para a lectura e a edición en galego. Un voluntariado de fomento da lectura sen ánimo de lucro que entende a lectura como actividade de gozo e coñecemento de vocación subversiva, que singulariza ao ser humano, mais tamén como competencia cívica imprescindible no exercicio da cidadanía, mecanismo de inclusión necesario para a convivencia e o benestar.

Un activismo comprometido coa lectura transformada en espazo para a vida, onde é posible gozar da fascinación creada polo conto ou polo álbum ilustrado nunha das súas sesións semanais na Casa da Lectura para o lectorado máis novo. A maxia da lectura aparecida nos encontros con autoras e ilustradoras nas sesións do "Contomar" para lectorado autónomo, ou nos debates dos seus clubs de lectura "Sete vidas" de narrativa, "Lecturas Debuxadas" de banda deseñada, "Daquelas que len" de lecturas feministas e "Lendo contigo" de lecturas en familia. Como actividades subversivas desta pacífica revolución lectora foron nesta década e media as da "Noite na biblioteca", as edicións de "Dar de ler como quen dá de beber" ou as "Noites Golfas" da Casa da Lectura, que amosaron a envexable capacidade de mobilización desta entidade cohesionada polos lazos de inclusión e de afecto xerados pola lectura e a cultura asociados ao libro. Parabéns intensos para Espazo Lectura.

Comentarios