Opinión

Cláusula polo galego

Na pasada noite electoral das sete persoas que ocuparán as alcaldías das cidades, apenas as de Compostela e Pontevedra, que corresponderán ao BNG, cando agradeceron o apoio da súa veciñanza, falaron en galego. Tanto as futuras alcaldías socialistas de Vigo, A Coruña e Lugo como a popular de Ferrol e a excéntrica candidatura máis votada de Ourense utilizaron só o castelán, abandonando o uso do galego e modificando así unha liturxia institucional, que tras catro décadas de Autonomía e de Lei de Normalización Lingüística (1983) pensabamos consolidada. Outro retroceso significativo no uso público do idioma, unha expresión dos prexuízos tan callados nas filas populares e socialistas que identifican o feito de falar galego ben como un comportamento político propio dos nacionalistas ou ben como proba dunha procedencia familiar aldeá ou pailaroca que nun contexto urbano ou vilego se pretende agochar. Prexuízos nefastos para o futuro do idioma, identificados por Ana Iglesias en Falar galego: "no veo por qué" (Xerais, 2003), que consolidan un proceso de substitución lingüística que non afecta só ao contorno escolar e ás novas xeracións, abranguendo xa ao conxunto da sociedade. Desleixos ou intencionados, poderían incluírse como separata doutra edición d´O libro negro da lingua galega (Xerais, 2022) no que Carlos Callón denuncia o que foron cinco séculos de represión e silencio do galego, afondando nas raíces da débeda histórica que o Estado español mantén coa lingua nosa.

Ben sería que para evitar comportamentos prexuízosos e lingüicidas, coma os da noite electoral, nos futuros acordos dos gobernos de coalición se incluíse unha cláusula polo galego na que, ademais de asumir o establecido na normativa autonómica, se faga explícito o compromiso das alcaldías e dos partidos que as apoian de promover ordenanzas e servizos municipais de normalización lingüística e de utilizar o galego na documentación municipal e en todas as súas comparecencias públicas. Nos esquezamos o idioma.

Comentarios