Opinión

O seu tamén é ideoloxía

A primeira semana deste mes en Compostela semellou un mesturado do Magaluf dos plusmarquistas de salto, a serie esa mala de zombis e aqueloutra arxentina, El reino, dun pastor evanxélico que se mete a político –valga a redundancia–. Hordas nas rúas, berros prediurnos, cabalos cagando na porta dunha igrexa, ciclo-grinos ás carreiras, salves relixiosas a volume do Resu, vivas a Cristo Rei, a España, á bandeira e ao sursuncorda.

Apocalíptico! Diría o Piqueras e por unha vez non sería sensacionalismo.

Mea culpa, presidente. Si, a queixa é ideolóxica.

Non como o seu modelo caro, irrespectuoso, masificador, ruidoso, de radicais con bandeiras de agora, das de antes e das da cruz de Borgoña. Quen non viaxa axitando tales pavillóns polas rúas de Madrid, Roma ou Aquisgrán?

Por suposto, non é ideolóxico que procesionar unha santa cona nesta carpetovetonia que nos toca padecer aínda remate nos xulgados mentres facer proselitismo de seitas ultracatólicas que son homófobas, xenófobas, machistas e fascistas, non.

Tampouco é ideoloxía escoitar só argumentos económicos. No nome do dólar todo hai que permitilo, aquí todo ten un prezo. Nin falar, polo miúdo, de onde veñen e a onde van os euros, do uso do público e a degradación da cidade, de xerar pouco emprego e de baixa calidade. De que rematan sempre nos mesmos, e contados, petos dos donos deste parque temático de bares e tendas de minibotafumeiros: Cristoworld, ciudad de masificaciones.

Non pensarán vostedes que é ideoloxía usar metodoloxía só cuantitativa cando convén: máis peregrinos, máis pernoctacións, máis likes, máis influencers, máis compostelas seladas (cando convertemos ese papel en indicador?). Sen embargo, nunca falan de máis médicos ou máis docentes ou máis transporte público ou máis bolsas de estudos! Non vai ser ideoloxía o modelo populista dos partidos-institución: máis titulares e menos calidade, máis coches oficiais e menos servizos, máis circo e menos pan.

Que paradoxal! Os ateos debemos ser os únicos que sabemos que pasou cos mercaderes do templo.

Apocalíptico é o adxectivo exacto para este modelo que, por certo, tamén sofren dende hai décadas nas vilas costeiras. Para algúns presidentes e alcaldes fomos, somos e só podemos ser colonia, circo e, como cantaban Les Luthiers, reserva de indios agardando un descubrimento para trocar ouro por baratijas.

Este verán lento e requente de Compostela está sendo como vivir nunha antoloxía de películas de posguerra: de Marcelino pan y vino a Cotolay, de El turismo es un gran invento a El inquilino, de Raza a El pisito.

Comentarios