mércores 15.07.2020

Verdades e moitas dúbidas do preelectoral do CIS para o 21-D

O CIS acaba de publicar o preelectoral das eleccións catalanas do 21 de decembro convocadas polo Goberno de España. Lonxe de pretender darlle voltas aos números, propóñome unicamente poñer de manifesto tres cuestións que poden ser contrastadas por calquera persoa que teña os informes do estudo nas súas mans.

Antes de nada, e sempre atendendo aos datos do CIS, podemos dicir que se hai unha cousa certa a día de hoxe é que a participación electoral vai ser histórica. En 2015 xa se producira unha mobilización sen precedentes en Catalunya nunhas eleccións autonómicas coa concorrencia ás urnas do 74,95% do censo electoral, agora pode achegarse, e mesmo superar, o 80% e marcar o récord de todos os procesos celebrados desde 1977 en Catalunya (fixado no 80,83% das eleccións xerais de 1982).

Do estudo do CIS tamén poderiamos extraer as seguintes conclusións, arriscadas nalgún caso: primeiro, todo apunta a que ERC vai ser a forza máis votada, aínda que non coincida coa estimación que decidiron publicar; segundo, C´s vai experimentar un ascenso significativo fundamentalmente polo transvase desde un PP que se afunde; terceiro, JunstxCat de Puigdemont, aínda que partía dunha posición de febleza, podería inclusive disputar a segunda posición con C´s, feito que, de darse, iría en detremento de ERC; e cuarto, PSC recupera parte do espazo perdido grazas á recuperación de voto transferido en 2015 a Cataluña si que es Pot.

Dito isto, atendamos ás tres preguntas coas súas correspondentes respostas que considero que son moi relevantes a día de hoxe, pois queda por diante unha campaña electoral, cuestións a ter en conta cando se extraen conclusións ou realizan interpretacións, as máis das veces retorcendo números para acadar o titular que reforza prismas ideolóxicos preconcebidos, ou mesmo para condicionar o comportamento electoral.

A primeira pregunta é a número 13: “E quén lle gostaría a vostede que gañase?” A resposta é: 21% ERC, 15,5% JuntsxCat, 14,5% C´s, 14,6% PSC-PSOE, 8,5 CatComú-Podem, 3,4 CUP e 2,4 PP

 

A primeira pregunta é a número 13: “E quén lle gostaría a vostede que gañase?” A resposta é: 21% ERC, 15,5% JuntsxCat, 14,5% C´s, 14,6% PSC-PSOE, 8,5 CatComú-Podem, 3,4 CUP e 2,4 PP. Tendo en conta que hai un 16% que non saben ou non responden, o 39,9% opta polas forzas que impulsaron e defenderon o procés e o 39% por partidos ou coalicións de ámbito estatal. 

A segunda pregunta é a número 18: “E destes/as candidatos/as, quen preferiría vostede que fose o/a próximo/a president/a da Generalitat após as próximas eleccións autonómicas?”. A resposta é: 28,1% prefire Carles Puigdemont, 15,8% Miquel Iceta, 15,6% Oriol Junqueras e 14,6% Inés Arrimadas, o resto suman conxuntamente 11,2%. Tendo en conta que o 10,6% afirma non saber ou non contesta e o 4,1% que non quer a ningún/ha, quédanos un 85,3% das persoas entrevistadas que se decantan por un/unha candidato/a. Así pois, o 43,7% do total prefire que sexa president algún dos máximos expoñentes do procés, é dicir Puigdemont ou Junqueras. Posto isto en relación coas persoas que amosan a preferencia, temos que concluír que o 51,2% aposta por un president independentista, ao que habería que engadir o 1,5% de Carles Riera da CUP.

Posto isto en relación coas persoas que amosan a preferencia, temos que concluír que o 51,2% aposta por un president independentista, ao que habería que engadir o 1,5% de Carles Riera da CUP

 

A terceira pregunta, pero non a menos importante, é a 8: “Ten decidido o seu voto?” Na resposta o dato a destacar é que o 29,1% da xente que manifesta que ten intención de ir votar afirma que aínda non decideu que facer. E aquí hai que ter en conta que neste grupo de indecisos/as é moi significativa a presenza de menores de 35 anos, e se atendemos ao recordo de voto, constátase que é o electorado PSC e CSP de 2015 o que máis dubida. Así pois, a campaña electoral vai ser decisiva, nomeadamente tendo en conta que un 77,6% das persoas entrevistadas afirma que están seguindo con moito  ou bastante interese as noticias e temas relacionados coas eleccións (67% no preelectoral de 2015), e vai ser decisiva polo que pase en tres escenarios diferentes: en Catalunya, en Madrid e en Bruselas.

A campaña electoral vai ser decisiva, nomeadamente tendo en conta que un 77,6% das persoas entrevistadas afirma que están seguindo con moito  ou bastante interese as noticias e temas relacionados coas eleccións

 

E finalmente, rematar cunha reflexión a respecto do que se chama “voto oculto”. Desta vez ese voto “non declarado” pode situarse tanto nun bloque como no outro, pois dada a situación de intervención das institucións catalanas e da actuación do Goberno de España desde o pasado 1 de outubro, o “medo” trasládase tamén, e ten a súa lóxica, ao votante nacionalista e máis aínda tendo en conta que para unha parte relevante das persoas maiores de 65 anos, grupo etario que tende en maior medida a non manifestar o sentido do seu voto, soe ser maioritaria a opción nacionalista, e nomeadamente en Lleida e Girona.

Con todo isto, e baseándonos nos datos que contén o estudo do CIS, concluímos que en Catalunya hai unha situación electoral moi polarizada e que todo apunta a que o resultado pode ser similar ao de 2015, a campaña vai ser decisiva e é previsíbel que os “golpes de efecto” de Puigdemont vaian ser a clave.

comentarios