Opinión

Por que Irimia escolle Fiare Banca Ética?

É verdade que cada vez hai máis persoas e entidades conscientes e que queren que o seu consumo sexa sostible, responsable e xusto, e que se están interesando polas finanzas éticas como unha maneira máis de levalo a cabo. Non ten sentido que saiamos á rúa para reivindicar dereitos humanos, sociais e ambientais pero ao mesmo tempo o noso diñeiro no banco estea a traballar noutro sentido. É incongruente facer a compra semanal ecolóxica cando os nosos aforros se invisten en empresas contaminantes ou saír a unha manifestación contra a guerra e que se invistan na chamada "banca armada". As finanzas éticas danche a oportunidade de que o teu diñeiro traballe na mesma liña que os teus ideais e vexas de maneira transparente en que se invisten os teus aforros.

As finanzas éticas están a crecer de xeito sostido en número de persoas socias e en capital social, xa que cada vez hai máis persoas e entidades conscientes das repercusións dos seus hábitos de consumo de todo tipo, que se involucran en proxectos de consumo responsable, máis sostibles, transparentes e en mans da cidadanía.

Conciencia ambiental ou ética van da man. É certo que a mocidade ten unha importante conciencia crítica co tema do medio ambiente, xa que a crise climática está a facer que sexa un tema destacado na axenda. Pero tamén son importantes para nós, coma clientas as repercusións sociais que promoven un mundo máis xusto. Ata hai pouco as clientas das finanzas éticas eran basicamente un primeiro círculo de militantes próximos á economía social. A crise financeira e os seus excesos xeraron un caldo de cultivo que propiciou un debate sobre a banca nun radio máis amplo, e agora vaise achegando outro perfil de persoas que participan en diferentes movementos sociais e que teñen un espírito crítico. Evolucionou a conciencia cidadá sobre o medio ambiente e a responsabilidade social, e está a axudar a que todas aquelas iniciativas que incorporan valores sociais estean a ser apoiadas por todo o mundo.

En Irimia fixémonos esas mesmas preguntas e decatámonos que, a día de hoxe, Fiare Banca Ética é unha cooperativa financeira que atende todas as nosas necesidades, ofrece produtos cuxo obxectivo é un impacto social e ambiental positivo máis aló da procura do beneficio económico. Decidimos ser parte dun banco creado para dar servizo á transformación social que, a través do financiamento de proxectos do terceiro sector, da economía social e solidaria e da promoción dunha cultura da mediación financeira baixo os principios da transparencia, participación e democracia, financia exclusivamente proxectos de ámbito social (discapacidade, grupos en risco de exclusión social, cooperación ao desenvolvemento, saúde), cultural (educación, arte) e ambiental (agricultura ecolóxica, enerxías renovables, eficiencia enerxética, construción sostible), descartando todos aqueles proxectos que poidan ter impactos negativos como a contaminación, a produción de armamento…

Fiare Banca Ética é un banco cooperativo con máis de 46.000 persoas socias entre Italia e España. Garantimos a nosa xestión democrática e compromiso ético coa participación das persoas socias baixo o principio "unha persoa, un voto". O valor cooperativo é un principio que consideramos fundamental na nosa entidade e na contorna na que nos desenvolvemos. As persoas socias poden participar na toma de decisións do banco e en diferentes órganos da entidade e por tanto o grao de implicación no proxecto, ata onde cada persoa queira, pode ser alto. Cando toca votar, sexa para escoller o Consello de Administración, o Comité de ética ou as nosas representantes no grupo territorial de socias do que facermos parte, Irimia tamén participa nos procesos electivos.

Algunhas das socias e subscritoras da Revista Irimia son tamén clientas e socias de Fiare Banca Ética e afirman estar moi orgullosas de pertencer a ela. Non sabemos se a maioría dos bancos poderían afirmar con honestidade o mesmo, pero o que si podemos corroborar é que nos pagou a pena facer o cambio, así que animamos a calquera persoa ou entidade a sumarse e seguir facendo que outra economía e outra banca sexa posible.

Comentarios