Opinión

Unidade, como e para que?

Asisto -e confeso que nalgúns casos con verdadeiro pasmo- ao intenso proceso de debate ao respecto da actual situación política e social; e da necesidade de acrescentar o papel da cidadanía nos diversos ámbitos da acción política. Desde hai algúns anos decidín militar politicamente nunha organización que tivese a Galiza como obxectivo. Considérome, con moita fachenda, un nacionalista galego.

    “Vaise o río, vaise o mar; vaise a forza das mareas. Vaise o río, vaise o mar; leva a     auga das túas penas” - Berrogüetto (A forza das mareas).

Asisto -e confeso que nalgúns casos con verdadeiro pasmo- ao intenso proceso de debate ao respecto da actual situación política e social; e da necesidade de acrescentar o papel da cidadanía nos diversos ámbitos da acción política. Desde hai algúns anos decidín militar políticamente nunha organización que tivese a Galiza como obxectivo. Considérome, con moita fachenda, un nacionalista galego.

"Pasados máis de 35 anos, nos que as organizacións nacionalistas foron quén de construir un discurso con propostas que teñen a Galiza como referencia e que mesmo foron obrigando a outras forzas a asumilo; agora semella que a solución a este emporcado sistema está na procura da “unidade”.

Souben da dificuldade de construír ese discurso centrado no País, que pulase por un maior coñecimento de nós, pola defensa dos nosos sectores produtivos, e polo direito a vivir e traballar na nosa Terra. Exercín o meu voto por primeira vez cando o referendo da Constitución Española, e votei NON; porque acredito na capacidade de decidir do meu pais; e non nas esmolas dun sistema herdado do franquismo.

Lembro que as discusións daquela época -cargadas sempre de prexuizos e sectarismo- viñan sempre do ámbito da chamada “esquerda” española, tentando construir un discurso que mesmo chegara ao paroxismo cando identificaban Constitución Española con democrácia; e deixándonos aos nacionalistas, supoño, como non-demócratas. Especialmente teño na miña cabeza un debate -logo do golpe de estado do 1981- no que un destacado militante do PC -logo concelleiro do PSOE e posteriormente promotor de ANOVA- que “argumentaba” a defensa da Constitución Española fronte ao “ruido de sables” nos cuarteis. Agora mobilizáse pola República. Española, claro.....

Pois ben. Pasados máis de 35 anos, nos que as organizacións nacionalistas -culturais, sociais, sindicais, políticas...- foron quén de construir un discurso con propostas que teñen a Galiza como referencia e que mesmo foron obrigando -mesmo que fose só aparencialmente- a outras forzas a asumilo; agora semella que a solución a este emporcado sistema está na procura da “unidade”. E aparecen mensaxes que para min non resultan novidosas, pero que resultan un excelente caldo de cultivo para a confusión; incidindo sempre idea de que para avanzar socialmente debemos de poñer nun segundo plano as reivindicacións do País. Claro, igual que hai 35 anos.....

Sempre acreditei que para o avance dos procesos de cambios sociais, o importante non é só a masa social (e non só electoral) coa que se conta, senón fundamentalmente a consistencia e asunción das propostas sobre as que hai que construir os cambios precisos. A experiencia que teño vivido nos últimos 30 anos no tocante á problemática do sector naval en Ferrolterra ensinoume a verdadeira faciana da falsa unidade:  na teoría defendémolo, pero na prática estamos aos intereses que imperen, sexa no ámbito político ou sindical; mais ao final éstes fican maiormente situados fóra do ámbito galego. E así nos vai....

"no BNG e como na miña organización teño mecanismos de expresión e debate suficientes.. Co máximo respecto e humildade, vou un pouco canso de tanta flaxelación colectiva".

No ámbito da política municipal -da que algún coñecimento teño- o abafante das políticas recentralizadoras e antidemocráticas é algo que vén de vello; e sobre o que aos nacionalistas tocounos batallar en solitario. Desde o historico debate sobre a necesidade de desaparición das Deputacións e da implementación dunha racional e verdadeira política de comarcalización; ate a necesidade de políticas de ordenación do territorio ou de promoción dunha política que pulase que dotase de instrumentos ás nosas facendas locais. Honradamente, nunca souben da posición de algunhas organizacións que agora semellan priorizar estas cuestións.....

Entón ¿ por qué agora isto semella prioritario e antes non o foi? ¿Simplemente porque hai que derrotar o bipartidismo...? ¿porque hai que facer concellos democráticos e participativos...? Logo ¿iso non foi prioritario desde as primeiras municipais no 1979 ?? A verdade, percibo que en todo este debate téntase extender -en moitos casos, intencionadamente- unha sorte de amnesia colectiva que, ao meu xuizo, non só resulta inxusta do ponto de vista histórico, senón que pode reverter en profundamente reaccionaria.

O debate sobre o que cúmpre fronte á situación política en Galiza, no estado, na UE e mesmo no contexto mundial; non pode prantexarse en parámetros que difuminan a Galiza como suxeito político. Eu acredito que a unidade que a sociedade galega precisa é a de políticas que partan do noso direito a decidir, do noso dereito a existir. Unha unidade que se constrúe non con discursos ou coa enumeración de propostas máis ou menos atractivas; senón co compromiso colectivo e individual do día a día.

E penso que nese proceso hai lugar para a xente a título individual, para os movimentos sociais, e tamén para as organizacións políticas. Pero hai que saber o papel de cada suxeito; porque se non é así podemos contribuir ao desacougo, en lugar da necesaria activación da sociedade. Non serei eu quen bote leña ao lume, pero o que estamos a ver nestes días non é precisamente alentador...

PD. Milito no BNG e como na miña organización teño -local, comarcal e nacionalmente- mecanismos de expresión e debate suficientes; aproveito esas canles para facer as miñas críticas e aportacións; pero sempre asumo o que decide a maioría democráticamente. Co máximo respecto e humildade, vou un pouco canso de tanta flaxelación colectiva. Renego da autocomplacencia, pero algo de autoestima non nos viría mal. Se non a temos nós, é difícil pedirlla ao pobo.....

Comentarios