Opinión

Confluír ou confundir??

“Quando eu finalmente eu quis saber
Se ainda vale a pena tanto crer
Eu olhei para ti
Então eu entendi
É um lindo sonho para viver
Quando toda a gente assim quiser”
( Eu vim de longe- José Mário Branco)

Confésome -como todas as persoas- dubitativo e contraditorio perante situacións que nos toca viver. Particularmente, a que afecta á situación e perspectivas do movimento nacionalista en Galiza. Un panorama que me atinxe non só en calidade de militante senón, fundamentalmente, porque acredito que no proxecto nacionalista está o camiño para que a realidade na que vivo, Galiza, exista e se manifeste nos ámbitos políticos, económicos, culturais e sociais.

Ao igual que a moitas outras persoas -de dentro e fóra do BNG- presentáronseme nos días posteriores ás eleccións do pasado 20D infinidade de preguntas e reflexións sobre o acontecido e, loxicamente, tamén de posíbeis camiños a encetar para reorientar o proxecto. Dos debates “en quente” dos primeiros días fomos camiñando a conclusións máis demoradas; e mesmo situándonos co paso dos días en posicións encontradas co que tiñamos enunciado. E creo que debemos de asumir isto con normalidade.

Os resultados electorais do nacionalismo galego son a expresión do problema, non o problema

Chámame a atención que, partindo da idea de que o importante agora é definir o reforzamento do proxecto nacionalista, a maioría dos debates rematan exclusivamente no “qué facer” no campo electoral. Lóxico, por outra banda, cando é precisamente aí onde se produce a convulsión que estamos a padecer. Pero, humildemente, non me parece que a definición -apremiada pola proximidade das eleccións galegas- do formato de concorrencia, se convirta no punto principal do debate a XV Asemblea Nacional do BNG.

Diciame un compañeiro -nacionalista, sen militancia activa- que o BNG debería preocuparse máis nestes momentos de debater sobre sí mesmo, e non sobre os demáis. E non lle falta razón. Creo que o fundamental é -partindo da premisa dun debate sincero, aberto e construtivo- mirarnos no espello para sabermos interpretar acaídamente a realidade na que estamos a viver e a virtualidade do proxecto nacionalista, non exclusivamente en termos electorais. Os resultados electorais do nacionalismo galego son a expresión do problema, non o problema.

Non hai que demonizar nen os vellos métodos (asembleas en barrios ou parroquias, reunións con sectores con problemáticas....) nen tampouco os novos (redes sociais...)

E penso que hai dúas cuestións prioritarias a resolver con carácter de urxencia. A primeira, a propia concepción do papel da militancia nacionalista. Chama a atención que sempre facemos fincapé en que o noso traballo facémolo “coas nosas mans” e logo, cando comprobamos nos fociños o poder real dos medios de comunicación na conformación da opinión -e, loxicamente, do voto- semella que esquecemos o campo no que estamos a xogar. Xa sei que esta consideración pode considerarse como unha certa autocompracencia, mais ¿non é obxectiva??

Está ben o recurso a falarmos de “sintonizar, agrandar, afondar.....” na alternativa nacionalista. Acontece que, en moitos casos, iso non está acompañado dunha prática diaria de contacto coa xente que permita visualizar e socializar as nosas iniciativas -maiormente, nas institucións- e quedámonos cun traballo inxente “dentro” das institucións, mais sen transcendencia social. E se, como dixen, partimos da base de que os medios nunca van estar pola labor, pois semella que non queda máis que a utilización do “corpo a corpo” no contacto coa xente. Particularmente, creo que non hai que demonizar nen os vellos métodos (asembleas en barrios ou parroquias, reunións con sectores con problemáticas....) nen tampouco os novos (redes sociais....). Do que eu coñezo, o problema é cando non se utiliza acaídamente nengún deles.

Chámame a atención que, cando se fala tanto do que cambiou a sociedade, os ataques ao nacionalismo veñan aínda co mesmo argumentario que hai corenta anos...

A segunda cuestión a resolver, ao meu ver, é afondarmos no necesario e urxente proceso de agrandamento do movimento nacionalista; afondando e concretando o que acordamos na anterior Asemblea Nacional do BNG. Creo que, aliás os resultados electorais seren mesmo aparentemente contraditorios co paso dado, a posición xenerosa -até situacións impensábeis- como a renuncia á convocatoria do Dia da Patria, do apoio á Iniciativa pola Unión e da conformación de NÓS-Candidatura Galega, marcaron un punto de inflexión na procura do espazo común e plural do nacionalismo galego. E, sinceramente, creo que trabucaríamonos se ao fío duns resultados electorais moi negativos interpretamos que foi un erro o camiño andado.

É evidente que milleiros de persoas que acreditan na necesidade de que Galiza exista, de que teña capacidade de decisión nos ámbitos económicos, culturais, políticos e sociais; decidiron apoiar outra opción electoral que, aparentemente, competía con NÓS-Candidatura Galega. E tamén digo, desde o maior respecto, que neste mes e medio que vai das eleccións moitas desas persoas informadas e de boa fé poderán tirar conclusións máis ou menos certeiras do fiasco que queda cando se produce o fluxo e refluxo das mareas... E que unha cousa é tentar aparentar confluencia e outra moi distinta xerar confusión...

Non quixera rematar sen outra consideración: a que se refire ao suposto clima de “control” que desde un sector da organización se exerce para condicionar a opinión da militancia; para afondar nos ataques ao nacionalismo. Chámame a atención que, cando se fala tanto do que cambiou a sociedade, os ataques ao nacionalismo veñan aínda co mesmo argumentario que hai corenta anos...Nunca entendín esa tendencia a magnificar o papel da UPG no seo do BNG, cando e público e notorio que a militancia da UPG non chega nen ao 5% do conxunto do BNG onde, por certo, o direito de opinión e de voto é persoal e intransferíbel...

Eu síntome tan libre no BNG para opinar e traballar como cando militei na UPG. Nen ninguén me condicionaba daquela, nen tampouco agora

Eu síntome tan libre no BNG para opinar e traballar como cando militei na UPG. Nen ninguén me condicionaba daquela, nen tampouco agora. Por iso non acredito en supostas “alternativas” á situación que vive o nacionalismo galego hoxe prescindindo nen das persoas nen das organizacións que o conforman. E menos aínda entendo que isto se predique desde o nacionalismo en paralelo a hipotéticas confluencias con organizacións que, nen na teoría nen na prática, teñen nada a ver co País.

Entendo, iso sí (e isto é aplicábel tanto á xente da UPG como ao resto da militancia do BNG) que é necesario afinar nas análises, nas palabras; sempre tendo en conta as repercusións ou interferencias que poidan producir nuns debates que precisamos sereos e rigorosos. E mesmo, con todos os respectos, ás veces valorar se a millor mensaxe para contribuir a isto é precisamente o silencio.

Comentarios