Opinión

Aviso a navegantes

Comezo por dicir que valoro o revulsivo social que se está a xerar en determinados ámbitos, no sentido de cuestionar a validez do actual sistema político-económico do Estado Español e avogar por unha posición superadora do rexime constitucional do 1978. 

“Habían prometido una feliz travesía, pero el barco se movía; de proa a popa y de babor a estribor. No hay peligro, dijo el capitán. Para eso llevo firme el timón. Ustedes sigan bailando, que todo está bajo control”  Los Especialistas (Que no cunda el pánico)

"Chama a atención que se pretenda intervir en política cun discurso que raia no anti-político e ás veces deriva en reaccionario"

Comezo por dicir que valoro o revulsivo social que se está a xerar en determinados ámbitos, no sentido de cuestionar a validez do actual sistema político-económico do Estado Español e avogar por unha posición superadora do rexime constitucional do 1978. Con todo, non é menos certo que as formulacións “alternativas” que están a agromar, intruducen profundas contraccións e dúbidas -ás veces, moi preocupantes- no tocante á verificación das espectativas que se lle están a xerar á cidadanía. 

Chama a atención que se pretenda intervir en política cun discurso que raia no anti-político e ás veces deriva en reaccionario; trasladando unha mensaxe que esquiva os problemas reias e se centra exclusivamente nas mensaxes que sociolóxicamente son máis permeábeis na sociedade. 

Mirei estes días un artigo na prensa catalá que expresaba moi ben a situación: “¿ por qué o nacimento de novas forzas políticas? Porque dicen o que quere escoitar unha parte da cidadanía”. Efectivamente, asistimos a un proceso onde se tenta substituir a política -a da intervención, o debate, e as alternativas- por simples consignas, convertendo a acción política nun mero produto. Semella que o importante é simplemente procurar a complicidade cidadá (só a electoral, claro) con propostas que só comprometan no plano emocional. Por resumilo nunha frase, diriamos que a cuestión é votar para lles dar un escarmento. Logo.......

"No caso galego, esta situación está derivando claramente nun proceso de españolización do debate político que, nos últimos dous anos, levou á secundarización -cando non ocultamento- da problemática do País"

No caso galego, esta situación está derivando claramente nun proceso de españolización do debate político que, nos últimos dous anos, levou á secundarización -cando non ocultamento- da problemática do País; en beneficio de dinámicas xeralistas. Resultando comprensíbel que nos preocupemos pola corrupción ou o progresivo deterioro dos servizos públicos; non é de recibo que a situación de aniquilación dos nosos sectores produtivos -derivados das políticas que teñen nomes e apelidos- e os efectos demográficos e económicos que conleva; non se concreten en debates e propostas sobre o dereito de Galiza a decidir e planificar o seu futuro.

Creo que o paso do tempo oferece unha perspectiva nas cousas que permite pasar das sospeitas ou hipóteses á realidade. E acho que hoxe podemos afirmar con toda claridade que o acontecido no nacionalismo galego nos últimos anos non tiña só como obxectivo dinamitar o BNG, senón fundamentalmente borrar da axenda política todo aquilo que tivese que ver coa problemática real do País. Nunha palabra, renunciar ao nacionalismo como ideoloxía e como proxecto e anular a nosa realidade.

Comentábame un bó amigo -durante moitos anos militante no PC- que non entendía que agora que él chegara á conclusión de Galiza tiña que ser o referente á hora de deseñar a política de calquera organización; aparecesen persoas “que se pasaron a vida chamándome españolista” predicando que a solución vén de fóra. Neste sainete, máis unha vez hai bastantes actores que son da canteira, pero a dirección -xeográfica e políticamente- fica moi alonxada de Galiza. 

Non vou perder moito tempo en aportar dados sobre o pernicioso efecto que a actuación de algunha forza presuntamente “anovadora” tivo a nivel político e social; porque penso que o simple seguimento das hemerotecas pode dar de conta de cómo se pode facer tanto mal en tan pouco tempo. Ben é certo -todo hai que dicilo- que todo isto non sería posíbel sen a complicidade de moitos medios de comunicación, contemporizadores e mesmo amplificadores de actuacións que, se partisen de membros do BNG, terían levado á súa desaparición do mapa....

"Podemos afirmar  que o acontecido no nacionalismo galego non tiña só como obxectivo dinamitar o BNG, senón fundamentalmente borrar da axenda política todo aquilo que tivese que ver coa problemática real do País".

Pero vaiamos á realidade actual. As eleccións galegas celebráronse hai agora dous anos e,seica abrían un escenario diferente, pola ampliación do mapa político; pero o acontecido nese curto período de tempo evidencia -así o entendo eu humildemente- un dos maiores fiascos do ponto de vista político, e non falo só electoralmente, senón tamén do ponto de vista social. Non hai máis que ver o último (será o derradeiro?) proceso de escisión desa forza -que vén a sumarse a outro aínda moi próximo- que queda fragmentada no seu conxunto pero, eso sí, pivotada claramente por unha corrente política que tén de prática nacionalista o que eu de monxe tibetano...Todo isto -e iso é o máis grave- da man de quén se tenta presentar como anovador do proxecto nacionalista....

Eu non dubido que hai sectores que de boa fé apostaron  -como recentemente, nas Europeas- por forzas que se presentan cun discurso presuntamente alternativo que resulta dixeríbel mesmo desde posicións antagónicas; porque se traslada -intencionada e reaccionariamente- a idea de que todas as forzas políticas que estamos na sociedade son iguais. Mais unha cousa é non revulsivo electoral e outra un cambio social e político.

"Animo a facer un seguimento permanente da axenda política do BNG para ver até que ponto hai unha secuencia entre a problemática real do País, a mobilización social, e a presentación de alternativas para sair da actual situación". 

Por iso animo a facer un seguimento permanente da axenda política do BNG -falo non só da institucional, senón fundamentalmente da social- para ver até que ponto hai unha secuencia entre a problemática real do País, a mobilización social, e a presentación de alternativas para sair da actual situación. En troques da política resultadista, condebida como simple mercadoría; precisamos a política como pedagoxía e procura da participación, porque non se trata de desbancalos nun proceso electoral, senón de construir outro sistema. E, desde logo, eu non penso que iso veña da man dos magos da socioloxía.

O escenario comentado consitúe, ao meu ver, un claro aviso a navegantes... Cúmpre ter moita atención nos que están pendentes das mareas exclusivamente para recoller as “súas” redes; pero fican ausentes do debate sobre as decisións políticas que nos impeden pescar. Ou dos que pretenden que debatamos sobre unha axenda cunha marcada visión centralista, opacando o noso necesario dereito a decicir coa hipócrita chamada á “unidade da esquerda”. Dos que, en definitiva, néganlle a Galiza o carácter de suxeito político para debater sobre o seu presente e planificar o seu futuro.

“Navegar é preciso..”, afirmaba Pessoa. E eu engadiría: fixando o rumbo certeiro, organizando ben a tripulación, asegurando ben a carga e procurando o mellor capitán para a travesía. E sempre, penso, priorizando a seguridade por riba da rapidez...

Comentarios