Opinión

A unidade popular estará no Obradoiro o 24O

De facermos a diagnose das condicións obxectivas a uns poucos días da gran mobilización que a plataforma nacional das Marchas da Dignidade levará a cabo en Compostela


De facermos a diagnose das condicións obxectivas a uns poucos días da gran mobilización que a plataforma nacional das Marchas da Dignidade levará a cabo en Compostela, temos que seguir a falar dun momento de excepcionalidade histórica, tanto no ámbito social como no nacional. A crise económica, sobre as capas populares obviamente, veu para quedar e outras hipotéticas análises son xa, a todas luces, un espellismo e probablemente erróneas. De aí a necesidade da mobilización nun contexto onde a vía exclusivamente electoral supón vender fume aínda sendo unha forma máis de contestación lexítima e que debemos ter en conta.

A chamada crise capitalista co acoso sen precedentes, e sen dar respiro, á maioría social, xerou unhas condicións favorables innegables para modificar a correlación de forzas no panorama político. Non falamos de “gañar eleccións” senón de golpear frontalmente o réxime do 78 e de crear as condicións apropiadas para a quebra democrática que dea pé a un proceso constituinte e camiñarmos cara ao recoñecemento nacional de Galicia, á solidariedade internacionalista e cara a un sistema onde prevaleza a xustiza social por riba de todas as desigualdades. Loxicamente hai que roelo, hai que persistir nas respostas ás agresións dos nosos gobernos pero tamén da CE, do BCE e do FMI. E, sobre todo, cómpre seguir a medrar como gran plataforma de confluencia dos distintos movementos sociais.

Debemos escapar do falso debate que teima en converter a cuestión electoral en antagónica da mobilización

É responsabilidade da esquerda sindical, da política e, por suposto, da social establecer as condicións subxectivas que hoxe pasan pola unidade obreira e popular. Neste período, a diferenza doutras conxunturas anteriores, amplas capas da clase traballadora e dos sectores populares entenden e asumen esa fórmula de acción como a máis apropiada. A unidade obreira e popular na rúa, na creación dun espazo contrapoder que dispute a hexemonía do capital e, por suposto, ninguén o nega, a unidade obreira e popular tamén nas institucións. E semella que é nesta última vía onde máis custa ás veces achegar posturas. Non é esa, desde logo, a batalla das Marchas, cuxo foco de actuación estará sempre na rúa. O que non quita que a demostración de pluralidade, heteroxeneidade e de unidade desta plataforma anti-sistema serva para facer repensar noutros niveis as posibilidades dunha gran forza unitaria, galega, transversalmente democrática e cuns fins políticos de fronte popular. Pero esa é xa outra historia que, como digo, non nos corresponde a nós abordar. 

Pormenorizar na análise electoralista, teimar coa concorrencia ós distintos comicios como antídoto universal pode significar lesionar visións e posicións políticas. A medida que ese calendario electoral continúa, de non atinarmos na diagnose, podemos estar a contribuír á parálise do noso movemento. Debemos escapar do falso debate que teima en converter a cuestión electoral en antagónica da mobilización. Desde a nosa perspectiva estas dúas pancas da esquerda política e sindical son complementarias e, en calquera caso, aínda entendendo a necesidade de ponderar a acción mobilizadora, nunca a poderemos supeditar á acción electoral. De facérmolo só conseguiriamos liquidar a vía fundamental, abandonando a rúa e quedándomos de forma consciente ou inconsciente á vontade da acción institucional de esquerda. Mais o traxecto terá que ser outro se estamos polo triunfo do proletariado e pola construción dun mundo máis racional e humano. A historia está repleta de exemplos que demostran que sen a mobilización non pode haber conquistas desde as institucións, e para defendelas compren máis accións pola vía subversiva porque sen esa práctica non vai haber saída con éxito a toda esta barbarie. Loxicamente, para aqueles axentes que seguen crendo no sistema non  hai máis obxectivo, en si mesmo, que o de chegar ás institucións mediante o voto do sistema electoral burgués.

O que hai que ter claro, e non nos doe dicilo, é que quen non estea coas Marchas estará logo con CCOO-UGT nos seus niveis de inacción e de asimilación polo sistema

O que hai que ter claro, e non nos doe dicilo, é que quen non estea coas Marchas estará logo con CCOO-UGT nos seus niveis de inacción e de asimilación polo sistema. Non estarán, por tanto, polo labor do cambio social. As Marchas da Dignidade non entenden unha actitude verdadeiramente transformadora sen nos cuestionar de raíz a pertenza á Unión Europea e a dependencia do euro que son auténticas sogas do capital para a clase traballadora e os pobos do Estado. Ademais, ao falarmos da necesidade da unidade obreira e popular non se pode entender a mobilización coma un fetiche porque sen ela non vai haber proceso de transformación social nin aquí nin en calquera parte do mundo. E, lamentablemente, aínda quedan pulsións da vella política que afectan ó funcionamento das Marchas porque o sistema non deixa de utilizar mecanismos para que a plataforma fracase. Ás veces encarecen o billete do tren para que a Dignidade non camiñe cara a Madrid, outras simplemente inxectan o veleno da desmobilización para que algunhas entidades políticas asuman posturas acomodaticias mentres caen na máis absoluta contradición. Non o van conseguir, e se o boicot e as argalladas ruíns tivesen éxito, non hai dúbida de que habería que reinventar outra plataforma que seguise a recoller todo o abano dos movementos sociais, culturais, do feminismo, do sindicalismo e de todo o tecido social e humano que, mediante a unión, fixese fracasar as manobras do capital e dos gobernos nos que se apoia.

As Marchas da Dignidade non entenden unha actitude verdadeiramente transformadora sen nos cuestionar de raíz a pertenza á Unión Europea e a dependencia do euro que son auténticas sogas do capital

Temos que dicir que nos asusta escoitar cando alguén desde a esquerda suxire que agora “non toca” a mobilización. Como non vai tocar a mobilización cando é a ferramenta que cohesiona e ilusiona a xente, o muro de contención fronte ás agresións á maioría social e o dique para defender as pequenas conquistas obreiras e populares? Ademais de ser o instrumento de visualización fronte o poder colosal dos medios de manipulación. Non se deu ningunha experiencia histórica en ningún lugar do planeta onde os procesos, xa non revolucionarios, senón de transformación social, non fosen cimentados na rúa. Estamos arestora en tempos onde se fala da necesidade da “unidade popular”, e nós estamos de acordo aínda que preferimos apostar pola determinación na praxe e denominala “unidade obreira e popular”. Pero o que non somos quen de concibir é que poida haber unidade sen a manifestación da nosa indignación orquestrada e deseñada na rúa. Tampouco pode habela sen ter en conta os movementos sociais que a diario actúan no desafiuzamento, a prol da soberanía, contra a precariedade laboral ou contra as múltiples violencias machistas. As loitas sectoriais, dicímolo sempre, son lexítimas pero están no fondo condenadas ao fracaso porque o verdadeiro cambio ten que ser total, transversal e radical. Nós, sabido é, o que vindicamos é reagrupar estas loitas e moitas outras para propiciar a constitución paulatina, pero firme e segura, dunha gran masa popular que ao final colla unhas proporcións descomunais e leve por diante o sistema e os macacos da oligarquía que se nutren a conta das nosas miserias e da fame das miles de familias que están nunha situación de pobreza ou de exclusión social. O inimigo a bater é o mesmo para todos os sectores do pobo: as políticas do capitalismo xestionadas polos partidos sistémicos. Alguén, desde unha perspectiva da esquerda nesta conxuntura de excepcionalidade histórica e nacional, pode dicir que non toca a mobilización? Incomprensible.

A mobilización non pode ser senón permanente, audaz, enxeñosa e ilusionante para a clase traballadora e as capas populares. Imos estar no Obradoiro o 24 de outubro nunha manifestación multidinaria, unha marcha histórica á que non poden deixar de acudir os actores verdadeiramente consecuentes da nosa sociedade. E pensamos neste 24O en clave de futuro, non nas eleccións, que dende logo tamén nos preocupan, pero resulta máis esperanzador para a maioría desfavorecida o deseño xa dun 1 de maio unitario anticapitalista e masivo así como dunha folga xeral que terá que chegar á nosa nación e a todo o Estado queiran ou non queiran os do sindicalismo hexemónico e os da esquerda teórica. Arrexuntémonos e acabemos dunha vez co réxime borbónico. Viva a loita social e os dereitos dos pobos! O 24 de outubro, camaradas, verémonos no Obradoiro construíndo a unidade obreira e popular.

Comentarios