Opinión

Por que se crea pouco emprego

Para crear emprego estable e decente resulta imprescindible tanto derrogar a actual reforma laboral como mudalas políticas macroeconómicas e o modelo produtivo.

O problema macroeconómico e social máis importante que ten Galicia é o emprego (ocupación e salarios): un problema sistémico que alimenta unha histórica emigración que atinxe fundamentalmente a poboación moza. Varias son as causas que explican este fenómeno pero compre poñer o foco nas máis decisivas. 

Así por caso, hai que ter moi claro que non todos os axentes sociais e políticos están interesados en que se creen moitos empregos e así se remate co desemprego. A explicación é moi simple: si hai un alto nivel de desemprego (oferta de traballo superior a demanda) é posible ofertar baixos salarios pois son moitas as persoas que desexan traballar pero non atopan traballo polo que aceptarán resignadamente as condicións laborais que se lle ofrezan. 

Outra causa do desemprego, relacionada coa hipótese anterior, é o predominio da idea neoliberal que escoitamos tódolos días, de que para crear emprego é necesario moderar os salarios por que si os salarios son altos as empresas non contratarán a tódolos traballadores que están a procura dun emprego. Hipótese que supón que os mercados de traballo deben ser flexibles para que así os empresarios poidan contratar cando e como precisen -os neoliberais defenden que os mercados cando son flexibles permiten fixar uns salarios que igualan a oferta dos traballadores coa demanda dos empresarios-. Si os mercados non son flexibles e son ríxidos a demanda de traballo non cubre a oferta e hai desemprego. 

Por que, segundo con estas hipóteses, son ríxidos os mercados laborais? Pola existencia de sindicatos e de normativas laborais demasiado proteccionistas como por caso a negociación colectiva, o SMI, os subsidios de desemprego, as cotizacións sociais elevadas. En consecuencia para crear emprego e rematar co desemprego, e seguimos con esas hipóteses, hai que poñer en marcha reformas que eliminen estas rixideces e fagan máis flexibles os mercados laborais.

Estas son as ideas que nas derradeiras décadas viñeron predominando. Ideas que, como poñen de manifesto as evidencias, non teñen consistencia empírica nin producen os resultados que se predican xa que, por caso, situaron a España e con ela a Galicia, a pesar da grande desregulación laboral e a facilidade para o despido, na cabeza do desemprego e a precariedade na Unión Europea. En dirección contraria os estados europeos cos mercados máis regulados e maior poder sindical son tamén os que manteñen sempre maiores niveis de ocupación e menores de desemprego.

Por que sucede isto? Por que non é certo que a creación de emprego dependa dos salarios senón da demanda global de mercadorías: si un empresario vende contratará traballadores, se non vende non o fará. Por que, como demostran as evidencias empíricas tal que a realidade europea posterior a segunda guerra mundial, o emprego camiña á par que os salarios: cando aumentan os salarios medra o emprego e o contrario. Por que o que realmente determina o nivel de emprego son as condicións macroeconómicas e as políticas públicas: en relación a estas últimas resulta indiscutible que no caso de Galicia as políticas de austeridade, que deterioraron aínda máis un estado de benestar xa moi deficitario, destruíron emprego. Igual sucedeu coa elección dun modelo produtivo baseado no turismo.

Comentarios