Opinión

A demagoxia da baixada de impostos

Días atrás e fiel á súa ideoloxía neoliberal o goberno galego presentaba como unha das medidas estrela contemplada nos Orzamentos para 2022 unha baixada de impostos. Unha medida coa que o goberno galego espera facilitarlle aos/as galegos/as chegar a fin de mes e evitar que Galicia sexa parte do que considera unha suba indiscriminada dos tributos en España. Argumento este que a pesares de ser claramente demagóxico adoita ser ben recibido por moitos cidadáns debido a que adoitan descoñecer tanto o auténtico impacto destas medidas tributarias como a real importancia das mesmas. Así, poida que moitos/as galegos non saiban que mentres as rebaixas tributarias anunciadas non van supor un impacto fiscal significativo si terán, polo contrario, efectos negativos sobre a igualdade xa que van a supor un chanzo máis na escalada dunha desigualdade xa de por si moi elevada en Galicia, que ven sendo unha das comunidades que presenta maiores niveis de desigualdade en España. Unha dinámica que esta Xunta de Galicia (PP) estimula, en vez de procurar que diminúa, ao aprobar medidas tributarias de rebaixas fiscais que terán como maiores beneficiarios os grandes patrimonios e as rendas máis altas.

Tamén poida que haxa moitos/as galegos que pensen que a presión fiscal en Galicia é moi elevada. Algo que non se corresponde coa realidade xa que somos a cuarta comunidade de España con menor recadación fiscal per cápita e a oitava en presión fiscal. Non se pode, por tanto, utilizar o argumento de que os galegos pagamos moitos impostos cando estamos por debaixo da media nun estado que ten unha das presións fiscais máis baixas da Unión Europea. A demagoxia sempre choca coas evidencias. Unha demagoxia que agocha un pensamento político e económico que resulta moi daniño tanto para a economía como para a convivencia democrática: o pensamento de que "é malo que haxa impostos" porque frean a produtividade e o crecemento económico, destrúen emprego e reducen o benestar social.

Un pensamento neoliberal que pola contra oculta a importancia dos impostos como estabilizadores da economía, a súa necesidade tanto para a existencia dos servizos públicos máis necesarios (emprego, sanidade, ensino, vellez, infancia, pobreza....) canto para unha maior igualdade social e, incluso, para incentivar/desincentivar actividades (por caso, desincentivando aquelas que se consideran daniñas para o medio ambiente). Un dogma que, por outra parte, esquece que os estados europeos con máis e mellor emprego, con maior benestar e mellor calidade de vida son tamén os de maior presión fiscal e xustiza tributaria. Como nos ensinan a historia e as evidencias empíricas, apostar pola baixada de impostos tendo como beneficiarias as rendas altas, especialmente en fases recesivas como na actualidade, é apostar pola desigualdade, o elevado desemprego e os déficits sociais. Unha historia e unhas evidencias que tamén nos ensinaron como nos derradeiros anos as políticas de austeridade fiscal -redución de gastos e impostos- non só non serviron para saír da crise (2008) senón que provocaron sucesivas recesións amais dunha crecente desigualdade.

Comentarios