Opinión

Onde está o límite da política?

Mañá confórmanse as corporacións municipais en toda Galiza. Este momento que debera ser memorábel por culminar a máxima expresión da vontade democrática, adoita ser cada vez máis polémico por pactos contra natura e sorpresas de última hora. Hoxe non vou falar diso, que ata certo punto entra na lóxica partidaria.

Mais a situación política municipal máis grave que lembro é a que se vive hoxe en Carnota, onde un candidato electo vén de renunciar a recoller a súa acta e onde o alcalde que hai catro anos se proclamara con maioría absoluta decidiu non presentarse á reelección; detrás de ambas anormalidades democráticas hai unha mesma causa: o perturbador concepto que algunhas persoas teñen da política, e sobre todo, o distorsionados que están os seus límites: o partido que en Carnota se alzou coa maioría dos votos (o PSOE) chega a esta investidura coas mans lixadas por meses (ou anos) de campaña suxa de persoas que pertencen ás súas bases contra as principais figuras da formación que hai catro anos tivera esa maioría (o BNG).

Os seus rivais fomentaron un auténtico xuízo popular paralelo contra a figura do alcalde

Primeiro, a vítima foi o propio alcalde Moncho Noceda, quen levou un mandato tranquilo e sen sobresaltos, onde por primeira vez na historia do noso concello os orzamentos municipais foron aprobados sempre pola unanimidade da corporación (BNG, PP e PSOE), ata que a madrugada do 15 de agosto de 2017 un mozo, dirixente xuvenil do PSOE, agrediu salvaxemente ao alcalde na terraza dun bar. Ese día comezou o seu calvario persoal, e non só pola agresión da que tardou un mes en curarse, senón pola lapidación á que se vería sometido por sectores da veciñanza, alimentada desde o agresor e outros activos do PSOE, de que a culpa en resumidas contas era do alcalde por "andar por aí a deshoras" e inventaron todo tipo de mentiras (estaba borracho, tentaba marchar sen pagar, queria meter o rapaz na cadea e arruinarlle a vida...).

Moncho decidiu nunca contestar a estas acusacións por decisión persoal, por respecto á acción da xustiza e por non deixar que este tema salpicase á vida política municipal. Sen embargo os seus rivais fomentaron un auténtico xuízo popular paralelo contra a figura do alcalde, de xeito que cando chegou a sentenza xudicial (recorrida polo agresor) que desmontaba unha a unha todas as falsidades e confirmaba que o único móbil da agresión era a política e que o agresor viña de ser cesado da empresa que xestiona as escolas deportivas municipais, iso era xa o de menos.

Segundo, a vítima foi o novo candidato do BNG chamado a relevar a Moncho cando este decidiu non presentarse á reelección despois da agresión: Emilio Louro foi vítima desde o primeiro día dunha auténtica campaña de acoso e derribo contra a súa figura, porta a porta e veciño a veciño, polas mesmas persoas artífices no caso de Moncho.

A nivel social prevaleceu o xuízo paralelo, que xera total indefensión

Neste caso o argumento era sementar de sospeitas o seu cese, hai un lustro, da Confraría de Pescadores de Lira, que se produciu tras meses de impago que finalmente tivo que reclamar xudicialmente, conseguindo finalmente percibir as súas débedas tras o acordo coa Confraría. Mais novamente, ese acordo xudicial foi o de menos, e o que se trasladou á sociedade foi un perverso debate paralelo sobre as circunstancias do cese, da suposta situación de ruína na que Emilio "deixara" a confraría e mesmo insinuando que obtivera lucro persoal dunha situación económica da que precisamente era o principal acreedor e, polo tanto, perxudicado. A nivel social prevaleceu o xuízo paralelo, que xera total indefensión pois desas acusacións é completamente imposíbel defenderse en ningunha instancia; e por enriba o nivel de encirramento e virulencia fomentado contra a súa persoa polos seus rivais chegou ao extremo do ataque físico contra o seu fogar, que sería o detonante da súa decisión de abandoar a política para poñer fin ao pesadelo.

Nin nun nin outro caso o PSOE carnotán condeou de forma críbel nin rotunda os feitos, senón que os aproveitou no seu propio beneficio electoral para pasar da súa tradicional posición coma forza menos votada no noso Concello para ser a máis votada, cuns resultados tan inesperados que sorprenderon ata á propia cúpula do PSOE, pois pasou de estar 800 votos por debaixo do BNG a 250 votos por enriba.

Pasados 15 días, coa cabeza máis fría, cómpre abrir unha reflexión social sobre cales son os límites admisíbeis en política

Pasados 15 días, coa cabeza máis fría, cómpre abrir unha reflexión social sobre cales son os límites admisíbeis en política, cando as artimañas para lograr un volco electoral poden chegar ao asedio e á violencia contra as persoas e familiares, cando non importa a verdade senón a habilidade para espallar unha mentira, e cando en plena campaña o de menos son o teu programa electoral e propostas senón as inxurias que es quen de sementar no pobo sobre os teus rivais.

Ou toda a sociedade rexeita certos comportamentos, ou cada vez máis xente verá lexitimado emprendela a golpes co alcalde coma forma de expresarlle as túas discrepancias, humillar aos seus fillos para facerlle saber que non compartes decisións do seu pai, ou facerlle pasar un pesadelo á súa familia para rabuñar uns cantos votos que non perde un candidato, senón a democracia e a humanidade.

Comentarios