Opinión

Vexiloxía

De vexillum, bandeira en latín: ciencia de estudo das bandeiras. Aprendín de nena a rexeitalas. Vivín nun réxime fascista desde o nacemento e tanto a miña familia materna como paterna eran de ideoloxía republicana, de modo que non tiven contacto coa Falanxe nin cantei o Caraelsol. Aínda que non me adoutrinaran politicamente, escoitaba comentarios e sabía que vivíamos unha vixilancia permanente, que a xente tiña que ter coidado co que facía e o que dicía. Que os das botas ondeaban a bandeira como golpeando con ela, que eran como labazadas. Era nena e xa sabía que representaban a forza, as armas. Na miña casa nunca puxeron a bandeira no balcón, pero noutras si, para celebracións, procesións. O día da Reconquista distinguíase porque os tranvías levaban unhas bandeiriñas enriba. Daquela aínda non empezaran a facer teatros na rúa, nin xente loitando contra os franceses, e esa farándula que se fai hoxe. Seguramente, daquela celebrar a expulsión dos franceses non lle parecese ben a certas persoas. Tamén me decatei de que estaba asociada á Igrexa. E nas procesións levaban tamén bandeiras e estandartes.

Fun medrando con esa “normalidade” na rúa. Máis tarde aprendín a distinguir as bandeiras nos barcos, e a fouce e o martelo nos barcos rusos. As rúas enchíanse de mariñeiros cando chegaba un barco, e o que máis se enchían eran os prostíbulos. Madía leva! Pero as bandeiras quedaban nos barcos. E penso que aí é onde teñen utilidade, para distinguir o país dos barcos xa en alta mar. 

Acabou o réxime ditatorial, despois da nosa loita, durante máis de dez anos. Gustaríame dicir que acabamos co réxime, pero cómpre recoñecer que o ditador morreu de seu, e a chamada transición foi unha zaragallada para saír do apuro, onde a democracia é unha superestrutura que ten unha base oculta de residuos noxentos e infectados. So así se explica que pasados xa 43 anos da morte do ditador, no s.XXI, vaian retirar os seus restos dun monumento que ordenou facer con suor presidiario. Un ditador, causante de tanta morte e tanta desgraza, presidindo o Valle dos Caídos, mortos na guerra, terminoloxía fascista que ninguén entende hoxe. Tampouco saben quen eran os paseados, os fuxidos, os tiradores de Ifni, que non están nese horrible monumento e moitos non se sabe onde están. Que o ditador aínda estea alí é como se Hitler estivese embalsamado e honrado nun campo de concentración nazi. A ver se acaban con esa farsa dunha vez. E tantas outras. 

Gustaríame dicir que acabamos co réxime, pero cómpre recoñecer que o ditador morreu de seu, e a chamada transición foi unha zaragallada para saír do apuro

 

A bandeira seguiu nos lugares oficiais, pero se xuntou outra: a bandeira galega a partir de 1981, unha bandeira que estaba prohibida na ditadura.

Houbo manifestacións nas que xa non batían os grises pero había moitas bandeiras, coma se fixeran unha loita de criterios políticos entre elas.

As feministas, que tamén nos organizamos e asociamos, tiñamos a cor malva como distintivo. Canto á galega que vai ondear nos edificios públicos, custodiada pola de sempre, a vexiloloxía explica que é branca con banda azul pastel cruzada de arriba-esquerda, abaixo-dereita. Esta é a actual. A antiga, coñecida desde finais do s.XIII, leva no centro o escudo do reino de Galicia: cáliz dourado sobre fondo azul e hostia e cruces brancas.

Enriba unha coroa real. O caso é que a RAG propuxo á Xunta de Galicia conservar a bandeira con escudo como institucional. Así que hai unha bandeira civil e outra institucional.

Pero aínda hai máis. Os partidos nacionalistas e a CIG, sindicato nacionalista, tomaron a bandeira galega cunha cruz vermella como símbolo para significarse. Non me parece ben que aproveiten manifestacións convocadas por outras Asociacións, e falo concretamente das feministas, para facer ondear as súas bandeiras e crear confusións. Xa ven, seguen sen gustarme as bandeiras e a súa función, tanto se levan hostias como estrelas.

Non me parece ben que aproveiten manifestacións convocadas por outras Asociacións, e falo concretamente das feministas, para facer ondear as súas bandeiras e crear confusións

 

O último desacougo bandeiril foi ver como entre as bandeiras coa cruz vermella xuntaban a bandeira catalá. Coma se esa bandeira conseguira transmitir o afán emancipador ao pobo galego, que sempre votou o partido conservador, ou fora concedernos o poder económico que lle permite a Cataluña enfrontarse ao Estado español, que a antepuxo sempre a Galicia e incluso utilizou o traballo das e dos galegos, que a fame obrigaba a ir buscar fóra o traballo, e empregou as divisas que producían en mellorar, industrializar e comunicar Cataluña, mentres Galicia quedaba para exportación de carne humana traballadora. A xente galega tamén marchou a traballar a Cataluña. Isto que digo non ten volta de folla. Daquela, ver como os susoditos defensores de Galicia ondean as bandeiras catalás produciume unha gran indignación. 

Pois agora, poden pechar orellas ou conciencia. Os independentistas cataláns queren suprimir dos edificios oficiais a bandeira galega, xunto coa española. Aí teñen. Como llo agradecen!

O que eu faría sería deixar as bandeiras no baúl dos recordos, e procurar a dignidade, o traballo, o prestixio, o nivel de vida que esta fermosa e vizosa Galicia necesita.        

    
   
 

Comentarios