Opinión

Golpes de Estado

Arrepía a súa pronuncia. Acostuman vir acompañados da tortura, da morte, da vendetta persoal, do odio. Asistimos neste momento ao último en Turkía, onde se sucederon nos 60, nos 70, nos 80 e 90. Diríamos que viven nunha convulsión política cíclica entre islamistas e  laicos; tradicionais e partidarios dun estado moderno.  

Erdogan, islamista, gañara as eleccións e iniciara un proceso de odio persoal contra os poderes democráticos, o militar, o policial e a xudicatura. Atacou o periodismo e todo o que significase apertura. A bonanza económica do momento permitiulle manterse no poder e incrementar a división entre islamistas e laicos.   

Ante a opresión gubernamental, certos militares provocaron o golpe de Estado, mais Erdogan non tardou en reaccionar, apoiado polos seus adeptos, parar a insurrección e provocar un baño de sangue da noite para a mañá, así como a detención de milleiros de membros da xudicatura.

A recusación do golpe  malvada e cargada de odio, fará derramar moito sangue turco.

Erdogan non tardou en reaccionar, apoiado polos seus adeptos, parar a insurrección e provocar un baño de sangue da noite para a mañá

Deste golpe pasamos a través da memoria ao golpe fascista do 19 de xullo do 1936, contra o goberno da República, data de amargura para tantas e tantas persoas do noso país. Momentos nos que empezaron a caer corpos anónimos ao chan feridos por balas, e na que outros con nome serán executados e paseados. A guerra entre fascistas e republicanos ou entre católicos e laicos, durou tres anos. Sangue escorrendo por todas partes.

No ano 1939, moitas laiaron a filla, o marido, os fillos mortos, o desazo das persoas queridas, as casas desconcertadas, o infortunio e escaseza. Incluso os nacementos, coma o meu, daban para a aflición. 

Pero a guerra non terminou. O mesmo ditador encargouse de lembralo. Gardou no seu peto unha arma, unha pluma que sentenciaba a morte, e seguiu mantendo un réxime nacional-católico, con esbirros preparados para a represión. 

Durante moitos anos, as nenas xogábamos a pés quedos, e as persoas maiores estaban inmobilizadas polo medo; Un medo instalado como unha lousa de silencio sobre unha poboación apalarmada, distraída, perturbada polo poder alienante da relixión e polo quedirán dos ollos sobre aviso. 

Deste golpe pasamos a través da memoria ao golpe fascista do 19 de xullo do 1936, contra o goberno da República, data de amargura para tantas e tantas persoas do noso país

Medo. O home do saco, o “tricornio”, os  grises. Medo, delacións, as paredes falan, e mesmo alguén aínda fala emparedado. E aínda nestas, morto o ditador, chega a Transición transitable e transixente na que moitas transpiramos bile ao ver tanto desleigado transmigrando. Por iso chegamos a día de hoxe sen desvelar o que foi calado, sen que o medo nos deixe ver o bosque, nin tantos ósos perdidos sobre os que aramos nesta terra, nin tanto nefasto asasino a quen tal vez lle demos a man por ignorancia. Porque aquí, o que se di mudanza só vemos a dos desafiuzados, ou, como unha pequena recompensa, a dos corruptos que se ven obrigados a mudarse ao cárcere. 

Mentres todo o alumnado de Alemaña está obrigado a visitar os campos de exterminio nazis ou as cadeas da Stasi, en España o alumnado ignora o pasado de terror fascista instalado hai hoxe 80 anos.

Cómpre reclamar luz e coñecemento como modo de evitar que nos ceguen.

Comentarios