Opinión

As do peixe

Desde moi nena, en Vigo, vin as fábricas de conservas de onde saían maiormente mulleres. A venda e manipulación do peixe foi sempre traballo feminino. Ía coa miña nai ao mercado e non perdía ripio das súas mañas manexando os peixes ou sacándolle a pel á castañeta, cunha destreza que me deixaba parva. 

Desde moi nena, en Vigo, vin as fábricas de conservas de onde saían maiormente mulleres. A venda e manipulación do peixe foi sempre traballo feminino. Ía coa miña nai ao mercado e non perdía ripio das súas mañas manexando os peixes ou sacándolle a pel á castañeta, cunha destreza que me deixaba parva. 

"Sendo como eran homes a maioría dos narradores galegos, os personaxes eran masculinos. Tendo como tiñan a aldea como referencia, se algunha muller saía en segundo plano, acostumaba ser labrega, ou fidalga".

Nada disto saía na literatura, nin no teatro. Sendo como eran homes a maioría dos narradores galegos, os personaxes eran masculinos. Tendo como tiñan a aldea como referencia, se algunha muller saía en segundo plano, acostumaba ser labrega, ou fidalga.  Por iso vai ser unha muller, de estilo naturalista, a que escriba, en castelán, a primeira novela con protagonista proletaria, A Tribuna de Emilia Pardo Bazán, sobre as cigarreiras da fábrica de tabaco da Coruña, en 1883.  Un século despois, será a miña novela Amor de Tango, 1992, a segunda onde teñen singular importancia as mulleres do peixe, as obreiras das fábricas de salazón e logo de conservas, como Alfageme, Cardona, Massó, Cerqueira.

Escribo nela:  As espichadoras collían coitelos e tesouras para abrir os peixes, esventralos e cortarlles as barbas. Os peixes  esbaraban dos dedos arrubiados, inchados polos sabañóns. Slataban das mans das mulleres contra as lousas como lóstregos de escamas, coma se estivesen vivos e tentasen escapar do sacrificio. Pero os dedos, como garfos implacables, botábanse a eles con saña e fundíanse nas entrañas. Sacaban como un trofeo as tripas que lles enchían toda a man e soltaban un líquido baboso e marelento…que escorría polos brazos, pingaba e se corría polo mandilón….era cousa de ver a precisión e a rapidez con que se movían aquelas mans chouricentas. …En ocasións escoitábase algún ai! ou blasfemias cando o sal tocaba nas gretas magoadas….Porque era duro traballar de sol a sol, ou descargando o peixe das parellas e carrexando o peixe nas patelas sobre a cabeza, dobrando os corpos doridos, entumecidos polas humidades…E aínda tiña xenio para rexoubar. 

"Foi un luxo ver a obra de teatro:As do Peixe. Fixéronme ver as obreiras do meu texto, movéndose e falando enriba do escenario"

Por iso, foi un luxo ver a obra de teatro:As do Peixe,que representaron o venres 4, en Vigo, catro magníficas actrices, que mostran as obreiras das conservas, dirixidas por Cristina Domínguez, e reproducen con rexouba e graza un texto de Cándido Pazó. Fixéronme ver as obreiras do meu texto, movéndose e falando enriba do escenario. O seu duro oficio, un ritmo vertixinoso de traballo, unha explotación cruel por un salario mínimo, as dores articulatorias debidas ás friaxes e humidades padecidas, os abusos e trato desapiadado dos encargados ou xefes, o apoio solidario entre elas, e mesmo o sentido do humor, a sátira ou as disputas entre elas que fixeron rir a cachón o auditorio, abarrotado. 
Con representacións desta categoría, recupérase a afección teatral no país. Mérito dun texto baseado na realidade, dunha dirección e dunhas actrices de primeira categoría: Casilda Alfaro, Mónica Caamaño, Susana Dans e Rocío González. Parabéns e grazas.

Comentarios