Opinión

Das orxías nos cabarés á 1ª Guerra Mundial

A Bela Otero, mantivo trato de esmorga e sexo con toda a realeza europea que compartía os anos de glamour parisino.

Para escribir ”A liberdade arrogante” un percorrido pola vida de Carolina Otero, entrei na Belle Époque, un espazo temporal que vai de 1890 a 1914, comezo da 1ª Guerra Mundial. A tour Eiffel é o paradigma dos novos horizontes que abre a ciencia, e aproveitan os grandes magnates da empresa. Conviven nos cabarés coa grande aristocracia que aínda domina Europa. A nosa astuta compatriota vainos saquear a todos sen piedade. Elixe como estilo o do pasado, un recargado vestiario de xoias, plumas, peles, tules, sombreiros cos que se pasea polo Bois de Boulogne en carroza tirada por espléndidos cabalos brancos que se cruzan con bicicletas montadas por rapazas en bombachos. Un ambiente presidido polo Art Nouveau, esplendor do cristal e audacia do ferro. Unha alegría de vivir que apaixona os pintores fauvistas ou a escultora Camille Claudel, desata o patetismo da voix d’or de Sara Bernhardt, enardece a Wagner, a quen acompañan os nacionalistas rusos, Tchaikoski e Rimski-Korsakov co seu impulsivo optimismo. Os impresionistas, Manet ou Renoir, mostraron os afectados e pornográficos aristócratas, seducindo a cortesás espidas, en almorzos campestres.

A Bela Otero, mantivo trato de esmorga e sexo con toda a realeza europea que compartía os anos de glamour parisino. O megalómano káiser Guillermo II, a quen Carolina lle descobre a brutalidade, o zar Nicolás II de Rusia, igualmente cruel coa poboación como xeneroso coa Otero, e quen lle ía dicir que sería asasinado sacando unha foto con toda a familia, o corrupto sádico Leopoldo de Bélxica, Eduardo VII de Inglaterra que, dada a tradicional lonxevidade das raíñas nais inglesas (Victoria a súa) chegou xa vello ao trono. Mentres agarda, o coñecido como Bertie, ocupaba un trono hipersexual no burdel Le Chabonais. So Alberto de Mónaco é menos belixerante e prefire a navegación. Esta grande familia de mandatarios europeos, curmáns entre si, dilapidaban en orxías babilónicas, na Belle Époque, o que lle roubaban á xente escravizada de cadanseus países. Foron estes mesmos galopíns, amantes de Carolina, os que, coa mesma perversión, entraron en contenda hai un século, malgastaron a riqueza en armas, demoleron Europa e mataron a millóns de persoas. Madía levan.