Opinión

Coa saúde non se xoga

Leo as declaracións do premio Nobel de medicina americano Richard J. Roberts en relación coas Farmacéuticas. Denuncia que gastan centos de millóns en subornar os médicos para que receiten os seus produtos. 

Sabemos que esta é unha práctica que se leva a cabo nestes lares. Algunhas persoas da clase médica permiten seren aconsellados por “visitadores” sobre os produtos idóneos que deben expender. Tamén coñecemos as viaxes que lles ofrecen por facelo, as invitacións a ceas opíparas, ou os regalos de aparellos informáticos. Non todos os facultativos aceitan, por suposto. A corrupción, en calquera caso, sempre é un binomio inseparable: quen corrompe e quen se deixa corromper. A entrada no mercado dos medicamentos xenéricos, máis baratos, está dificultando as receitas de moitos produtos que teñan un xenérico á venda. “A xente non é parva”, din, cando se trata da carteira, digo.

Acusa Roberts as empresas farmacéuticas que deciden non desenvolver nin pór a venda os medicamentos que curan. Non son rendibles

Acusa Roberts as empresas farmacéuticas que deciden non desenvolver nin pór a venda os medicamentos que curan. Non son rendibles. En cambio se deciden por medicamentos que son consumidos dun modo regular e volven crónica a enfermidade. Antepor os seus rendementos á vida humana é un roubo criminal. Pero non creo que, as persoas que tras horas investigación e laboratorio conseguisen o fármaco curador, permitisen que se agache. 

Máis crible é a acusación ás farmacéuticas de non teren en conta as enfermidades do Terceiro mundo á hora da súa produción. Neste caso, a poboación non pode pagar os fármacos.      

O citado premio Nobel cre que as investigacións científicas deben ser sufragadas pola empresa privada e non polo Estado. Algo que se leva a cabo no relativo á informática, por exemplo. Poderiamos dicir que está na lóxica do capital. Pero no que atinxe á saúde non é así. Son maiormente os estados os que custean os laboratorios de investigación. Certamente, reclamamos que o sistema de saúde ha ser público.  Pero, de selo, tanto os hospitais como as farmacéuticas han ser tamén públicas. Daquela o éxito dos medicamentos non dependería da rendibilidade para a empresa produtora, senón da súa bondade e eficacia.  Non se pode permitir o lucro coa saúde das persoas.

Comentarios